Foto de familia do consorcio. Petra Susan Kidd é a primeira pola esquerda. Foto: CSIC.

Foto de familia do consorcio. Petra Susan Kidd é a primeira pola esquerda. Foto: CSIC.

O CSIC Galicia investiga para obter níquel a partir de plantas

O Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, con base en Santiago, participa no proxecto europeo de fitominería Agromine

Científicos do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), adscrito ao CSIC, participan no proxecto europeo Agromine, que ten por obxectivo potenciar o uso da fitominería para obter níquel a partir de varias especies de plantas. A iniciativa está financiada polo Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima (LIFE, 2014-2020),e o seu obxectivo final é demostrar o potencial da fitominería como alternativa verde aos procesos clásicos de extracción de metais.

Parcelas de traballo de campo. Foto: CSIC.

Parcelas de traballo de campo. Foto: CSIC.

“Hai un tipo de plantas, denominadas hiperacumuladoras, que se definen pola súa capacidade para acumular concentracións extremas de metais na súa biomasa aérea sen amosar síntomas de toxicidade”, explica Petra Susan Kidd, codirectora do grupo de Microbioloxía do IIAG, con base en Santiago de Compostela. “Só se coñecen unhas 500 especies no mundo, e a maioría delas acumulan níquel e só medran en certos tipos de solos onde os metais están presentes de forma natural”. Deste xeito, segundo conta Kidd, “pódense empregar para extraer do solo metais de alto valor de mercado”. Ademais, a biomasa enriquecida con estes elementos pode usarse en procesos de química verde para obter compostos de níquel valiosos.

Así, a fitominería podería ser unha alternativa para aproveitar zonas agrícolas con baixa produtividade e moitas veces abandonadas. En Galicia, o traballo de campo vaise realizar en Agolada (Pontevedra).

O IIAG é o único socio español do proxecto, coordinado por investigadores franceses, e no que tamén participan científicos austríacos, belgas, gregos e albaneses. O equipo é multidisciplinar, polo que cada un dos socios se vai encargar de diferentes tipos de estudos. No caso do IIAG, vanse establecer ensaios piloto para avaliar a produtividade de biomasa de distintas plantas hiperacumuladoras e a súa capacidade para reter o níquel, ademais de analizar os beneficios sobre as propiedades físico-químicas e a actividade microbiana do solo.

Fases

Nunha primeira fase, os investigadores traballarán na optimización dos sistemas de cultivo e na selección das especies máis acaídas para cada zona climática. A continuación, melloraranse os procesos metalúrxicos para a produción de compostos metálicos, como por exemplo sulfato de níquel e amonio, a partir da produción das cinzas da biomasa das plantas hiperacumuladoras. Tamén se estudará a recuperación da enerxía durante esta fase de combustión. Nunha terceira fase, determinarase o aumento potencial da fertilidade e a calidade biolóxica do solo tras desenvolver eses sistemas de cultivo. E, finalmente, levarase a cabo un estudo socio-económico para determinar a viabilidade e sostibilidade do proxecto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.