Aneis arbóreos de crecemento dun tronco de pino. Foto: CSIC.

Aneis arbóreos de crecemento dun tronco de pino. Foto: CSIC.

O CSIC afonda no estudo do ciclo do carbono nos solos forestais

Os achados dun grupo do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia constatan o impacto do cambio global nestes solos

Un equipo do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), centro adscrito ao CSIC, acaba de publicar un estudo na revista Forest Ecology and Management e un capítulo no libro Advances in Environmental Research no que afondan no coñecemento do ciclo bioxeoquímico do carbono en solos forestais. Nos mesmos traballos tamén analizan as posibles repercusións que o cambio global pode ter na composición da materia orgánica destes solos.

O artigo presenta os resultados dun estudo sobre a biodegradabilidade da broza procedente dos dous tipos de pinos máis presentes en Galicia – o pinaster ou marítimo e o radiata ou insigne – para a reforestación, cuxo principal obxectivo é obter estratexias axeitadas para un manexo sostible destes ecosistemas forestais.

Os resultados revelan novas evidencias sobre o avance do cambio climático en Galicia

Os datos obtidos polo equipo do IIAG permiten coñecer as diferenzas entre a materia orgánica da broza destas dúas especies de pinos e valorar a súa capacidade para aportar compostos carbonados estables ao solo.

No capítulo do libro, os científicos do CSIC dan conta dos resultados máis relevantes obtidos nun estudo basado na determinación da relación entre os dous principais isótopos estables do carbono (13C e 12C) en aneis arbóreos de coníferas (o pino pinaster e o silvestre) que permitiron poñer de manifesto o cambio sufrido pola composición isotópica da atmosfera durante o último cuarto de século. Un feito que evidencia de novo o alcance do cambio climático en Galicia.

As publicacións no libro e na revista forman parte da liña de invesitigación que está desenvolvendo o IIAG acerca dos solos dos distintos tipos de bosques e o seu posible papel na mitigación do cambio climático. O grupo, con máis de 20 anos de traxectoria, está integrado por Ana Mª Cabaneiro Albaladejo e Irene Fernández Piñeiro, ambas científicas titulares do CSIC.

“O fin último das nosas investigación é ofrecer unha información útil para unha mellor conservación dos solos forestais, prestando unha especial atención á determinación dos fluxos de entrada e saída do carbono no ecosistema, co fin de propiciar a mellora dos modelos preditivos capaces de estimar a capacidade fixadora de carbono propia dos solos dos bosques galegos. Isto contribuirá a preservar o ecosistemas, evitar actuacións pouco axeitadas ecolóxicamente e establecer pautas de xestión silvícola que axuden a paliar o efecto invernadoiro”, sinalas as científicas do grupo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.