Venres 29 Marzo 2024

Científicos de Lugo estudan en Kenia infeccións en elefantes e rinocerontes

O grupo de investigación en Sanidade Animal en Galicia (Invesaga), con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, colabora activamente co  Servizo de Fauna de Kenia na identificación e determinación de infeccións parasitarias que afectan a rinocerontes e elefantes de diversas reservas naturais do país africano.

A colaboración que manteñen desde hai xa dous anos Invesaga, grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia, e a Rede de Estudo Multidisciplinar dos Ruminantes en Galicia (Rumigal) con veterinarios, biólogos e graduados en Ciencias Medioambientais do Servizo de Fauna de Kenia na determinación de diversas especies de parasitos que afectan aos rinocerontes e aos elefantes, levou aos catedráticos da área de Sanidade Animal da USC Patrocinio Morrondo Pelayo e Pablo Díez Baños, integrantes dos referidos grupos de investigación, ata Kenia para supervisar os labores de toma de mostras de feces, sangue e carrachas de elefantes e rinocerontes en diversos parques naturais de Kenia.

Publicidade

Díez e Morrondo, durante a súa estancia en Kenia. Fotos: USC.
Díez e Morrondo, durante a súa estancia en Kenia. Fotos: USC.

Morrondo e Díez Baños aproveitaron a súa estadía nas reservas de Meru, Lewa, Maasia Mara, parques naturais ata os que estes dous profesores e investigadores da USC acudiron convidados polo Servizo de Fauna de Kenia, para facer un seguimento dos resultados obtidos nas teses doutorais que se están a realizar na Escola Internacional de Doutoramento do Campus Terra da USC ao abeiro do programa de doutoramento Medicina e Sanidade Veterinaria.

A doutora Patrocinio Morrondo é a titora e codirectora, xunto co tamén doutor Samer Alasaad, investigador do Institute of Evolutionary Biology and Environmental Studies (IEBES) da Universidade de Zürich, e o doutor Ramón Casimiro-Soriguer, investigador titular do Consello Superior de Investigacións Científicas (Estación Biolóxica de Doñana), da investigación de doutoramento que está a realizar o doutorando King´Ori Edward Muthetia.

Na súa tese, que se desenvolve baixo o título ‘Patterns of parasite infection in the African elephant populations in Kenya’, este investigador trata de determinar, mediante a toma de mostras de feces, a diversidade e o grao de infección por parasitos helmintos que afectan aos elefantes na Reserva Nacional Maasai Mara e no Parque Nacional Tsavo Este. Outro dos cometidos desta liña de traballo pasa por, unha vez tomada a mostra de sangue e cos animais anestesiados, determinar a diversidade e a prevalencia de hemoparasitos dos xéneros Theileria, Babesia e Anaplasma. Ademais, tamén se analiza a posible influencia negativa que pode ter a infección dos helmintos e dos hemoparasitos sobre a supervivencia dos elefantes en Kenia.

Rinocerontes

Do mesmo xeito que a profesora Morrondo Pelayo, o catedrático da USC e coordinador do grupo Invesaga, Pablo Díez Baños, tamén é titor e codirector, xunto cos doutores Alasaad e Soriguer, da tese que está a realizar o investigador Linus Njeru Kariuki sobre a demografía do rinoceronte negro (Diceros bicornis Michaeli) na poboación do Este de Kenia. Neste estudo analízase a posible influencia da translocación dos rinocerontes a outros parques naturais de Kenia sobre os hemoparasitos (Anaplasma sp. E Rickettsia sp.), parasitos que son transmitidos por carrachas, que son moi abundantes nestes animais. Cómpre lembrar neste senso que o número de rinocerontes negros diminuíu drasticamente nos últimos anos en Kenia, polo que é de gran interese facer un seguimento das posibles infeccións que poidan padecer estes animais.

As dúas teses de doutoramento que están a co dirixir en Kenia Patrocinio Morrondo e Pablo Díez Baños contribúen á internacionalización do Campus Terra da USC. Trátase asemade de dúas liñas de investigación que se están a desenvolver grazas ao esforzo realizado polo Servizo de Fauna de Kenia, así como polo propio grupo de Investigación en Sanidade Animal en Galicia (Invesaga), que, en diversas convocatorias, acadou subvencións concedidas pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

Febre de Lassa: cal é o risco do novo gromo xurdido en África?

Durante as primeiras semansa de 2023, Nixeria notifica 244 infeccións, 37 mortes e unha taxa de letalidade que xa se sitúa no 15,1%