Marta Pérez desenvolve a súa tese con esta investigación na Patagonia.

Marta Pérez desenvolve a súa tese con esta investigación na Patagonia.

Científicos de Santiago analizan o cambio climático a través dun lago da Patagonia

A investigadora Marta Pérez desenvolve a súa tese no estratéxico Lago Hambre, entre o Atlántico e o Pacífico

A investigadora galega Marta Pérez Rodríguez, do grupo Ciencia do Sistema Terra da Universidade de Santiago de Compostela (ES2-USC) desprazouse á universidade alemá de Braunschweig como bolseira polo goberno dese país para realizar un estudo sobre a Patagonia chilena que permitiu estudar as variacións climáticas e ambientais ao longo dun período de 11.000 anos, unha investigación que nos permite entender mellor o clima da Terra e nos proporciona unha visión bastante completa do clima no Hemisferio Sur e a transición ao clima actual.

O Lago Hambre, na Patagonia chilena.

O Lago Hambre, na Patagonia chilena.

O estudo científico, que a investigadora coruñesa colideró co catedrático local de xeoquímica ambiental da universidade alemá, céntrase na análise dos sedimentos do Lago Hambre, situado na Patagonia Chilena. Un estudo cuxos resultados acaban de publicarse na revista Scietific Reports do grupo Nature e que permitiron obter información sobre a produtividade das algas verdes e diatomeas e o efecto das precipitacións no sur da Patagonia chilena.

A elección deste lugar non é cousa menor, xa que a Patagonia é unha rexión entre os dous océanos máis grandes do planeta, que nos ofrece unha visión global dos cambios climáticos no Hemisferio Sur, moito menos estudado que o Norte. En concreto a investigación centrouse no lago Hambre, unha auténtica alfaia para os científicos porque amosa unha gran sensibilidade aos cambios ambientais tanto rexionais como globais debido á súa proximidade ao Océano Atlántico, un dos grandes motores climáticos da Terra.

Segundo explica a investigadora, a vantaxe de traballar con áreas remotas do planeta é que “podemos ter unha mellor idea de ata onde afectan os cambios en áreas afastadas da presenza humana. Así podemos entender como de alteradas están outras zonas máis poboadas”. A investigación forma parte da tese doutoral de Marta Pérez Rodríguez sobre a acumulación de mercurio en zonas remotas do planeta como o Ártico, a Antártida, Illa de Pascua e Brasil pero achega novos resultados. “O estudo dos sedimentos do Lago Hambre é unha peza máis para coñecer o complexo comportamento climático e ambiental durante o Holoceno nunha rexión crave para entender o clima terrestre”.

Unha zona pouco poboada entre dous océanos fai moi interesante o Lago Hambre

Os resultados da investigación de Marta Pérez foron levados adiante no marco dunha estadía na universidade alemá de Braunschweig (Technische Universitat Braunschweig), dando continuidade aos traballos realizados en colaboración con investigadores da universidade de Braunschweig entre 2012 e 2013 no mesmo lago e nos que participaron membros do grupo de investigación da USC, como o catedrático Antonio Martínez Cortizas, coordinador do grupo Ciencia do Sistema Terra dá USC.

“Neste novo traballo imos máis aló que nos estudos anteriores, centrados na acumulación de Hg (un metal potencialmente tóxico) nos sedimentos, o que nos permitiu unha visión moito máis completa do lago e do seu ambiente durante o Holoceno”, indica Marta Pérez. Trátase, pois dunha investigación que complementa a unha anterior, pero nesta ocasión afondou en aspectos climáticos como a insolación ou as choivas e empregou unha metodoloxía nova, desenvolvida polo grupo de investigación Ciencia do Sistema Terra da Universidade de Santiago de Compostela,  que permite analizar gran cantidade de datos e obter información precisa sobre os cambios climáticos ao longo do tempo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.