Xilocopa Cantabrita.

Xilocopa Cantabrita.

Ecoflor alerta do declive xeral das abellas de mel e silvestres

O grupo investigador, no que participa a UVigo, sinala o perigo para a polinización

“O problema do declive das abellas non afecta unicamente ás do mel e reducilo a esta especie fai que o deterioro da situación dunha gran diversidade de abellas silvestres pase inadvertido”. Con esta contundencia maniféstanse os máis de 30 científicos e científicas do grupo de traballo Ecoflor sobre ecoloxía e evolución floral da Asociación Española de Ecología Terrestre, AEET, que nun artigo publicado na revista Quercus advirten do problema que supón reducir o declive das abellas a unha sola especie. Luis Navarro e Ángel Vale membros do Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas, son os representantes da Universidade de Vigo na asociación, que sinala que as maioría das abellas que están en perigo non contribúen a polinizar cultivos e tan só unhas poucas especies, as máis resistentes, son quen de prosperar en zonas agrícolas debido ao forte impacto humano.

Andrena agilissima

Andrena agilissima

Desde Ecoflor lembran que España e en toda a conca do Mediterráneo hai máis de 1000 tipos de especies, moitas delas endémicas, polo que cómpre abordar este problema desde un contexto máis amplo e non como un problema que só afecta á abella do mel e á produción agrícola. “Si queremos optimizar a produción de froitos necesitaremos que exista unha certa diversidade de especies, xa que, por exemplo, a abella do mel non é boa polinizadora de cultivos como o tomate”, explican os e as investigadoras, que sinalan que, pese a que a mortalidade destas abellas aumentou de xeito preocupante, o seu número a escala mundial é estable ou está a medrar, debido ao aumento da actividade apícola. Fronte a esta situación, sinalan que outras poboacións de abellas silvestres si que teñen un futuro máis incerto e apuntan, que ante os cambios introducidos polo home, moitas das especies “perdedoras” quedarán reducidas a pequenas poboacións o incluso se extinguirán.

Os científicos din que moitas especies quedarán reducidas ou se extinguirán

Para os integrantes de Ecoflor o problema máis evidente é a destrución do hábitat e neste sentido apuntan a que máis dun 40% da superficie terrestre atópase modificada directamente pola acción do ser humano e moitas das abellas silvestres non poden obter recursos ou se ven negativamente afectadas polo grao de modificación destes. O uso de insecticidas, herbicidas e a introdución de especies exóticas, son outros problemas que apuntan os investigadores e investigadoras, que tamén sinalan que o cambio climático “está provocar que algunhas especies de abellas empezasen a migrar en altura ou latitude cando a temperatura non é axeitada para o seu desenvolvemento”, apuntan. Así mesmo, instan a regular a apicultura, especialmente nos espazos protexidos, xa que “desgraciadamente a abella do mel e o seu aproveitamento no é unha actividade amigable co medio ambiente, porque convertida nunha industria, leva consigo custos ambientais que cada vez son máis evidentes”.

Os e as autoras do artigo formulan varias solucións ao problema como a implementación de mellores prácticas apícolas, regular o transporte e alimentación, coñecer a epidemioloxía das enfermidades e a interacción cos plaguicidas aos que están expostas. Propoñen que para conservar as abellas silvestres raras e ameazadas cómpre conservar os seus hábitats e as plantas das que dependen, así como reducir o uso de plaguicidas, a creación de paisaxes máis heteroxéneos, campos de cultivo máis pequenos e máis elementos semi-naturais como bandas florais ou “malas herbas”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.