Venres 19 Abril 2024

Cerreta: unha ave en perigo que se pode cazar en Galicia

Só quedan dous lugares no territorio español onde a cerreta (Gallinago gallinago) aínda pode aniñar. Un deles está en Ávila e outro na provincia de Ourense. Esta ave limícola vive nos humidais, tanto costeiros como interiores, e é moi sensible á seca, xa que procura o seu alimento e constrúe os seus niños en brañas ou xunqueiras. Se non hai auga, cústalle moito sacar adiante ás súas crías. No seu tempo estaba tamén na Terra Chá, e na Limia era moito máis abondosa antes da colosal desecación da lagoa de Antela. Hoxe estímase que en Galicia sobreviven apenas unhas decenas de parellas reprodutoras.

O interese cinexético da cerreta impediu a prohibición total da súa caza en Galicia

Durante as épocas migratorias, bandadas de cerretas procedentes de Escandinavia e Centroeuropa, á procura dun tempo menos cru, fan paradas en Galicia, mesturándose ás veces coas poboacións nidificantes. E resulta que a cerreta é unha especie cun gran interese cinexético. E en Galicia, pese a que a poboación nidificante está incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, a Xunta permite a súa caza nas épocas de migración, con restriccións nuns poucos municipios do sur de Ourense. E mentres tanto, continúa sen desenvolverse o seu plan de recuperación, nunha mostra máis do desleixo das Administracións Públicas na conservación da natureza.

Publicidade

A cerreta, tamén coñecida en castelán como becacina (nome que reciben varias especies limícolas), pode acadar máis de 25 centímetros de lonxitude e 45 de envergadura, e superar os 250 gramos de peso. O trazo máis destacado é o seu longo peteiro, co que foza nos solos húmidos nos que adoita moverse na procura de alimento, sobre todo pequenos invertebrados.

Do mesmo xeito, destaca polo seu particular rito de apareamento. Fan voos en picado e de súpeto volven tomar altura, á vez que emiten un son que xeran coa plumaxe da cola. Cómpre tamén prestar atención aos ovos, dunha cor entre verde e beis, e salpicados por pintas cun ton máis escuro, debido á vulnerabilidade destes en Galicia.

Mínima prohibición da caza da cerreta

Hai agora catro anos, varias entidades ecoloxistas impulsaron, a través da súa presenza no Comité Galego de Caza, pediron á Xunta que prohibira a caza da cerreta e da avefría ou conícora (Vanellus vanellus), “alomenos ata que se aproben os respectivos plans de recuperación obrigatorios por lei para estas especies”, subliñaba a petición destas agrupacións, entre as que figuraban Adega, a Sociedade Galega de Ornitoloxía a Sociedade Galega de Historia Natural ou a Federación Ecoloxista Galega.

Ovo de cerreta. Fonte: Didier Descouens - CC BY-SA 4.0.
Ovo de cerreta. Fonte: Didier Descouens – CC BY-SA 4.0.

Naquel momento, a Xunta aceptou en parte as reclamacións destas entidades: prohibiu totalmente a caza da conícora, mais no caso da cerreta a prohibición limitouse, debido ao seu interese cinexético, aos concellos de Baltar, Baños de Molgas, Calvos de Randín, Cualedro, Monterrei, Muiños, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sarreaus, Trasmiras e Vilar de Barrio, onde a ave mantén as súas poboacións nidificantes. No resto de Galicia pode seguir cazándose sen limitacións, dentro da normativa xeral sobre esta actividade. Así o indicaba a última destas resolucións, a que regulaba os réximes especiais da tempada 2017-2018.

Mais como aínda acontece co 98,5% dos taxóns incluídos no catálogo de especies ameazadas, a cerreta aínda non ten plan de protección. Tal e como reza a propia normativa ao falar das especies en perigo de extinción, “a súa supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen actuando”.

E como sinalaban as entidades ecoloxistas no escrito que elaboraron no 2014, “existe o risco de que exemplares reprodutores, xa que logo considerados en perigo de extinción, sexan abatidos durante a tempada de caza“. Un risco que é maior debido á ausencia de información científica sobre os movementos migratorios das poboacións nidificantes en Galicia. É dicir, no posible caso de que unha cerreta que se estea a reproducir en Galicia apareza fóra da zona de veda do sur de Ourense en tempada de caza, nada nin ninguén podería impedir que fose abatida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo

A Xunta permitirá cazar o xabaril “sen límite” en 248 concellos

A medida, que afecta a 37 comarcas e abrangue o 80,7% da superficie galega, entrará en vigor este sábado e manterase ata o 25 de febreiro de 2024

Remata a tempada de caza, comeza a do abandono de cans

O informe 2022 da Fundación Affnity cifra en case 22.000 o número de animais usados para fins cinexéticos abandonados en España