Follas de carpe. Imaxe: Muñoz Sobrino.

Follas de carpe. Imaxe: Muñoz Sobrino.

Un estudo explica a desaparición do carpe na da ría de Vigo

O traballo, no que participaron investigadores da UVigo e a USC, estudou a evolución da vexetación a través do pole dos sedimentos mariños

A vexetación primixenia é a presente no territorio antes de que os ecosistemas terrestres empezasen a ser profundamente transformados, hai uns 6.000 anos, coa chegada da gandaría e a agricultura, é dicir, un período que abarca, polo menos, os últimos 60.000. Da evolución destes bosques ocúpase unha das liñas de investigación do proxecto Avaliación e contextualización de reservorios de metano da rías galegas con relación ás variacións no nivel do mar e os cambios ambientais durante o pos-glaciar, desenvolvido polo grupo XM-3 Análises de Concas da Universidade de Vigo. A revista Vegetation History and Archaeobotany acaba de publicar un artigo que recolle algúns resultados deste estudo, realizado en colaboraron con científicos do Ibader (Instituto de Biodiversidadade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC), da Fundación Ikerbasque, da Universidade do País Vasco, e do Institute of Plant Sciences and Oeschger Centre for Climate Change Research, da Bern Universitëit. Deste proxecto xurdiu tamén a tese de doutoramento de Iria García-Moreiras, defendida en novembro na UVigo.

Imaxe de microscopía electrónica de barrido de poles de Carpinus recuperados da ría de Vigo. Imaxe: Duvi.

Imaxe de microscopía electrónica de barrido de poles de Carpinus recuperados da ría de Vigo. Imaxe: Duvi.

Neste traballo, as e os investigadores céntranse en desvelar que sucedeu coa poboación de carpe (Carpinus betulus L.), unha árbore caducifolia común en Europa e Asia Menor pero da que apenas existen na actualidade unhas poucas poboacións ibéricas. “Antes da última glaciación era bastante común no noroeste ibérico, pero comezou a decaer hai 60.000 anos”, apunta o investigador do grupo XM-3 Castor Muñoz. Para coñecer que provocou esa paulatina diminución, os sedimentos da ría de Vigo ofrecen unha fonte de información importante, xa que durante o último ciclo glaciar (entre 110.000 e 10.000 anos) o nivel do mar estivo situado como mínimo unhas decenas de metros por debaixo do nivel medio actual. “Moitos dos segredos daquelas épocas quedaron almacenados e preservados en estratos que hoxe están baixo o mar”, explica Castor Muñoz. Así, os sedimentos da ría conteñen poles de Carpinus “en secuencias coherentes e datadas entre hai 60.000 e menos de 9.000 anos” que amosan a historia desta árbore, “bastante diferente e moito máis complexa do que se cría”.

“Hai 20.000 anos poderiamos ir a pé ata as Cíes”, destaca Castor Muñoz

Os investigadores que forman parte deste estudo debuxan unha historia en catro episodios. O primeiro deles sitúase hai 45.000 anos, cando o mar estaba 40 metros por debaixo do nivel actual e apenas penetraba mais aló de Toralla e punta Balea, en Cangas. “Neste escenario, a ría albergaba unha riqueza de ecosistemas que hoxe en día é difícil de imaxinar”, explica Muñoz. Grandes volumes de area fóronse acumulando fronte ás chairas litorais do sur de Galicia e norte de Portugal, formando extensos ecosistemas de praia-duna, “que penetraban cara o interior en forma de dunas fixas e chans areosos colonizados por piñeiros e cimbros costeiros”. Tras estes ecosistemas dunares emerxía o antigo val, cuberto de meandros, marismas, zonas húmidas de transición e breixos costeiros. Augas arriba, nos leitos fluviais aparecían salgueiros e amieiros, nas marxes máis elevadas destes bosques xa comezaban a aparecer os primeiros carpes. En ladeiras máis altas e soleadas os carpes daban paso a árbores caducifolias como freixos, abeleiras, carballos, etc. esclerófilas como acivros, sobreira ou érbedos.

Unha segunda etapa sitúanos hai 20.000 anos, no período máis frío do último máximo glaciar, cando o nivel relativo do mar se situou 120 metros por debaixo do nivel actual. Naquel intre, explica Castor Muñoz, “poderíamos ter ido a pé ata as illas Cies” e, cun clima máis frío, a altitude máxima dos bosques descendeu, de modo que moitas das cinturas de vexetación fóronse trasladando ao longo do antigo val, en dirección ao mar. O frío intenso fixo que as faias desaparecesen e, nalgúns puntos das Rías Baixas apareceron bidueirais costeiros. O resto dos tipos de bosque persistiron, incluídos os de carpe, desprazados val abaixo, cara a actual boca da ría.

O carpe resistiu ata a última glaciación, pero desapareceu no comezo do Holoceno, di o estudo

Un novo aumento da temperatura trouxo máis cambios, cando a finais da última glaciación a temperatura media estival aumentou uns 6 °C na costa do sur de Galicia. “A fusión dos glaciares provocou unha subida rápida do nivel mariño, e hai uns 10.000 anos o mar comezou a inundar e erosionar as antigas chairas situadas na boca norte da actual ría”. Hai 9.000 anos o mar xa alcanzaba A Guía e este movemento reduciu drasticamente a superficie emerxida nas marxes da ría, en especial os sistemas dunares colonizados por piñeiros e cimbros, e as zonas húmidas e de breixo costeiro. Tamén aumentou a frecuencia de desbordamento das marxes fluviais e isto favoreceu ás especies que soportan mellor as inundacións frecuentes e prolongadas, como amieiros, salgueiros e freixos, fronte ao carpe, unha árbore máis propia de climas sub-húmidos e temperados ou frescos, que como apunta Muñoz, “unicamente tolera inundacións eventuais e durante períodos curtos”. Os datos que manexan os investigadores do grupo XM-3 amosan que o carpe sobreviviu á última glaciación nos vales costeiros do noroeste ibérico e que só desapareceu máis adiante, durante os primeiros milenios do Holoceno.

A cuarta etapa correspóndese coa última parte do Holoceno, cando o nivel do mar foi ascendendo gradualmente ata a súa posición actual. As lamas intermareais, marismas e bosques aluviais fóronse retraendo pouco a pouco ata quedar restrinxidos ás desembocaduras das concas do Verdugo-Oitavén e do Alvedosa-Redondela na zona máis interna; e os ríos Lagares e Miñor na marxe sur. Os científicos apuntan tamén que o clima rexional, marcadamente oceánico, favoreceu o desenvolvemento e predominio de bosques caducifolios mesotermófilos con carballo, tileiro, freixo, abeleira, bidueiro, pradairo, lamigueiro, castaños, amieiro, salgueiro, etc.

Non obstante, os sinais da transformación humana dos bosques xa comezaron a facerse evidentes no período de Óptimo Climático do Holoceno (hai entre 8.000 e 3.000 anos), explica Muñoz, e, a partir de entón acentuáronse, “debido a certo deterioro climático e, sobre todo, aos sucesivos cambios culturais das idades de Bronce e Ferro, da romanización, etc”. Así, o terreo anteriormente forestal pasou a converterse en zonas de cultivos, pastos ou núcleos de poboación e tan só se preservaron algúns bosques de ribeira de amieiros e salgueiros e pequenas superficies de outros bosques de caducifolias mesturadas con coníferas e esclerófilas, polo xeral acantonados nas zonas máis abruptas, inaccesibles ou inhóspitas. Así, o carpe foi convertendo progresivamente nunha árbore marxinal neste área.

En conclusión, os resultados confirman que “os cambios climáticos poden ter efectos drásticos sobre os nosos ecosistemas e biodiversidade e, a partir de aí, sobre todo o que de eles poida depender”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.