Imaxe do caranguexo: David Gerke- CC BY-SA 3.0 / de Felipe II: retrato de Sofonisba Anguissola.

Imaxe do caranguexo: David Gerke- CC BY-SA 3.0 / de Felipe II: retrato de Sofonisba Anguissola.

O caranguexo de río, unha especie invasora que trouxo Felipe II?

Un estudo do CSIC sostén que a especie, ameazada polo invasor cangrexo vermello, foi introducida desde Italia no século XVI por petición do monarca

A historia do caranguexo de río autóctono que podemos ver nalgúns ríos galegos é o exemplo de que o paso do tempo dá e quita razóns, e de que a realidade só depende, algunhas veces, dos ollos cos que decidamos mirala. E, sobre todo, da capacidade que ten o ser humano para alterar os ecosistemas ao seu antollo. Neste caso, as dúbidas xa comezan no propio nome científico. Está claro que é un Austropotamobius. Mais para uns, o seu apelido é pallipes, e para outros, italicus. Explicarémolo máis adiante.

Hoxe en día, este crustáceo é considerado como o único caranguexo autóctono da península Ibérica. Caracterízase pola súa cor verdosa, mide uns 10 centímetros de longo, destaca polas súas grandes pinzas e un amplo cefalotórax en relación ao abdome, que é máis pequeno en proporción. Adoita vivir en augas frescas e pouco profundas. En Galicia aparece, sobre todo, en zonas calcarias de Lugo e Ourense.

A súa poboación está ameazada por un fungo letal que porta o caranguexo americano

A súa situación actual no noso territorio é canto menos preocupante, e de feito figura en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. O seu declive acelerouse nas últimas décadas debido ao dano letal que lle causa o fungo Aphanomyces astaci. Esta praga chegou a bordo doutro caranguexo, o vermello americano (Procambarus clarkii), resistente a esta doenza e que actúa como vector de transmisión do fungo. Esta última especie é, segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, unha das máis dañinas para a biodiversidade en Galicia, xa que depreda ovos e larvas de anfibios, e está presente en espazos protexidos como o Monte Aloia, a Serra da Enciña da Lastra, as Gándaras de Budiño ou o Macizo Central Ourensán, co risco que supón para estas zonas.

Pero, e se o noso caranguexo de río de toda a vida non fose autóctono? Ou se, polo menos, ‘só’ levara uns centos de anos na Península? Esa é a pregunta que se fixo hai uns anos Miguel Clavero, investigador do CSIC na Estación Biolóxica de Doñana. Estudando as referencias históricas do Austropotamobius en España, observou varios feitos curiosos.

O cangrexo de río americano está ameazando a numerosas especies autóctonas en Galicia.

O cangrexo de río americano está ameazando a numerosas especies autóctonas en Galicia.

Ulisse Aldrovandi, un naturalista italiano que percorreu a Península no século XVI e mesmo chegou a peregrinar a Santiago e Fisterra, anotou un dato interesante sobre os caranguexos de río: “En toda Europa abunda en regatos, ríos e lagos. Porén, en Hispania, aínda que non faltan os ríos, non se atopan“. Pero dous séculos máis tarde os cangrexos xa aparecían nos textos dos naturalistas. E cada vez en máis sitios. Así acabou chegando, desde a Meseta, a Galicia e a outros puntos da Iberia.

Clavero atopou tamén documentos máis recentes que falaban de algunhas iniciativas de introdución do caranguexo de río en zonas onde aínda non estaba presente. Por exemplo, no século XIX, falábase de que “é de interese a propagación do cangrexo de río nas provincias de centro, que está ao alcance de todos”, ante a falta de marisco na España interior. Relatouse tamén a introdución da especie no Alto Guadiana a finais do mesmo século.

Mais a dúbida mantíñase: en que momento do pasado tivo lugar aquela primeira introdución na Península? Para Clavero, a resposta estaba na época imperial de Felipe II.

Un agasallo dos Médici

Segundo un dos seus biógrafos, o monarca tiña por afición traer á Península especies que atopaba noutras partes do imperio. E foi así como, no ano 1588, o Gran Duque da Toscana, Francesco I de Médici, agasallou a Felipe II con varias especies, entre as que se atopaba o citado caranguexo de río, xa que o rei amosara grande interese por este crustáceo propio de Italia. Nalgúns documentos da época distínguese entre os caranguexos de mar, chamados en castelán cangrejos, e os gambaros, o nome italiano de cangrexo, e que se corresponderían cos cangrexos de río traídos desde Italia.

Unha vez recabada a documentación histórica, e xunto a un grupo de colegas investigadores de varias disciplinas (ecoloxía, paleontoloxía, arqueoloxía, lingüística ou xenética), Clavero estudou tamén os trazos xenéticos da especie, e os resultados reforzaron a súa idea de que a especie era alóctona. En 2015 publicaron un traballo na revista Biological Reviews no que defendían que a especie non era autóctona. Tratábase, por tanto, do Austropotamobius italicus que vive na península Itálica.

Un caranguexo autóctono ou non?

Non en tanto, hai debate entre os investigadores. Outros científicos, tamén expertos no caranguexo, apuntan a que a diversidade xenética é o suficientemente grande para defender a idea de que o Austropotamobius da península é o pallipes que leva, polo menos, milleiros de anos na Península. Un estudo impulsado polo Museo de Ciencias Naturais de Andalucía, organismo tamén adscrito ao CSIC, e publicado en 2008, apoiaba tamén que a especie era nativa.

Outro dos puntos de discusión é o da irregular pauta xeográfica que segue a diversidade xenética. Aquí tamén hai visións distintas. Pode ser que se trouxeran varios grupos distintos de caranguexos desde Italia, ou ben que a irregularidade desta distribución se deba ás repoboacións que se mencionaban nos parágrafos anteriores.

O debate segue aberto, e trascende o eido científico para converterse nun asunto de discusión a nivel social e histórico. Así, o propio Miguel Clavero reflexionaba co gallo da publicación do seu artigo, segundo publicaba o CSIC: “Dedícanse moitos recursos á cría en catividade do caranguexo de río, á creación de poboacións mediante soltas e ao mantemento das poboacións silvestres que aínda existen. Nu contexto de degradación dos medios acuáticos e declive xeralizado da fauna fluvial, ten sentido centrar esforzos de conservación nunha especie introducida? O noso traballo debería levar a repensar as estratexias de conservación da biodiversidade, cuestionando o papel prioritario do caranguexo de río”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.