O cangrexo de río americano está ameazando a numerosas especies autóctonas en Galicia.

O cangrexo de río americano está ameazando a numerosas especies autóctonas en Galicia.

Cangrexo americano, o voraz invasor que avanza coas vagas de calor

Un estudo da Universidade de Lisboa confirma que as temperaturas máis altas favorecen a expansión do "Procambarus clarkii"

Un día, alguén pensou que era boa idea botar a un río galego un exemplar de cangrexo de río americano, nativo do Golfo de México, para favorecer a pesca recreativa e comercializalo para o consumo humano. Ese día comezou un enorme problema que hoxe ameaza a numerosas especies. Animais, vexetais e fungos presentes nos ecosistemas do noso país vense afectados pola voracidade do Procambarus clarkii.

Este animal, tamén coñecido como cangrexo vermello, é a especie invasora que pon en risco a un maior número de taxons ameazados, segundo indica a Consellería de Medio Ambiente da Xunta no seu informe de diagnóstico sobre este asunto. Así, pon en perigo ao cangrexo autóctono (Austropotamobius pallipes), xa que é un dos vectores que propaga o fungo Aphanomyces astaci, responsable da afanomicose, que mata ás poboacións afectadas. Este crustáceo tamén é depredador de ovos de larvas e anfibios e causou o declive doutras especies. Está presente en espazos protexidos como o Monte Aloia, a Serra da Enciña da Lastra, as Gándaras de Budiño ou o Macizo Central de Ourense, entre outros.

É o animal que pon en risco a un maior número de especies ameazadas en Galicia

Agora, un estudo liderado pola Universidade de Lisboa aporta un elemento máis para a preocupación sobre esta especie, unha das dez que máis danos causan a escala mundial. O traballo revela que ao aumentar a temperatura do auga, este animal adopta unha dieta máis herbívora, o que causa un impacto ecolóxico maior no ecosistema.

Bruno Carreira, investigador da Universidade de Lisboa, sinala: “as vagas de calor provocaron un aumento da súa herbivoría, especialmente nos caranguexos xuvenís, que son por natureza máis carnívoros que os adultos. Así, está previsto que o cambio climático alterará de forma significativa a natureza do seu impacto nos ecosistemas; diminuirá a depredación sobre insectos e outros animais acuáticos, e aumentará o impacto na vexetación acuático e os arrozais”.

O traballo, publicado na revista Plos One, remarca o dano que esta especie xa causa en Portugal, onde está presente na maioría das concas fluviais e ecosistemas acuáticos. Para avaliar a dieta e o crecemento da especie, os investigadores simularon vagas de calor de corta e larga duración no laboratorio, ás que expuxeron exemplares xuvenís e adultos alimentados cunha dieta animal, vexetal ou mixta.

Non en tanto, “os resultados amosan tamén efectos negativos con vagas de calor longas, no crecemento e a condición física dos animais. Aínda que é inesperado, isto suxire que se puideron adaptar ao noso clima desde a súa chegada, en 1979″, explica Bruno Carreira.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.