Correntes de auga erosionando un monte na serra de Cabeza de Meda, zona afectada polos lumes de outubro. Imaxes: Xosé Santos / Amigas das Árbores da Limia.

Correntes de auga erosionando un monte na serra de Cabeza de Meda, zona afectada polos lumes de outubro. Imaxes: Xosé Santos / Amigas das Árbores da Limia.

Cando a auga queima o monte

A erosión das zonas calcinadas e o arrastre de cinzas e outros restos cara mananciais e cursos de auga provocan un novo desastre medioambiental

Milleiros de persoas viron as imaxes. Moitos litros de auga arrastrando toneladas de cinzas, pólas, troncos e follas costa abaixo. Parecía como se o terreo se diluíse; “como se a auga ara o monte“, exemplifica Luis Felipe Fernández, enxeñeiro técnico agrícola e membro do colectivo Amigos da Terra, que viviu de preto os lumes e as súas consecuencias na provincia de Ourense. E en parte, iso foi o que pasou. Despois da vaga de incendios de outubro, as primeiras chuvias abundantes, despois dunha das secas máis longas que se lembran en Galicia, arrasaron de novo as zonas queimadas, xerando un novo e igualmente grave episodio de erosión e contaminación cunhas consecuencias que, en parte, aínda están por ver.

Cinzas e sedimentos cruzan un prado, arrastradas desde un monte queimado (ao fondo á dereita).

Cinzas e sedimentos cruzan un prado, arrastradas desde un monte queimado (ao fondo á dereita).

Despois dos lumes, moita xente botouse ao monte para intentar axudar a paliar os previsibles danos que esta semana acabaron chegando. Insistiuse moito en que estas tarefas de rexeneración debían estar supervisadas por técnicos e expertos coñecedores do terreo, que non abondaba a boa vontade. Foi moita xente traballando, pero era humanamente imposible, polo menos cos recursos dispoñibles, actuar nas 50.000 hectáreas que arderon en outubro.

A finais de novembro, segundo indicaba a Xunta, só se actuara en 200 das 50.000 hectáreas queimadas

Moitas iniciativas cidadás intentaron abarcar máis espazo do que cubriron as Administracións. E polo menos, nestas pequenas zonas, parece que os resultados foron esperanzadores. Desde Medio Rural sinalan que as zonas onde se realizou o mulching responderon bastante ben á escorrentía e a erosión do terreo. Parece un método efectivo, segundo corrobora Luis Felipe González, cuxa entidade traballou coa comunidade de montes de Covelo, en Melón, onde se produciu un dos maiores incendios forestais. “O resultado é bastante esperanzador“, sinala Luis.

O mulching, ás veces criticado polo gasto que supón usar helicópteros para estender a palla, parece ser unha das solucións que máis consenso xera na comunidade científica. “A día de hoxe, a mellor información científica da que dispoñemos indica que é o mellor tratamento posible para o solo vulnerable á erosión”, di José María Fernández, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra especializado en lumes forestais. Engade Fernández que esta actuación “permite mitigar ata o 95% a erosión en comparación coas zonas non tratadas, datos que están avalados por resultados obtidos para Galicia polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán”.

O ‘mulching’ “é o mellor tratamento posible” para frear a erosión, segundo os expertos

Non en tanto, a aplicación de pacas de palla foi moi limitada. Neste senso, a Xunta de Galicia decidiu priorizar os 32 lumes que superaron as 300 hectáreas (oeste da provincia de Pontevedra, Ancares, Baixo Miño ou Macizo Central de Ourense) e actuar só nas zonas máis sensibles á escorrentía e a erosión danadas por estes incendios. A finais de novembro actuárase en só 200 hectáreas. “A superficie na que se traballou é insignificante en relación a todo o que se queimou”, recoñece Xosé Santos, traballador forestal, membro da asociación Amigos das Árbores e representante do colectivo ambientalista Amigos da Terra no Consello Forestal de Galicia. Con todo, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, afirmou que os traballos evitaron unha erosión “drástica”. E engadía “Temos a sorte de que os lumes pasaron moi pronto e de que a capa afectada foi a mínima”. As imaxes, al menos nalgunhas zonas, non din o mesmo.

Ademais da palla, a acumulación dos propios toros e pólas queimadas para facer barreiras que freen o arrastre de cinzas e sedimentos cara os acuíferos e cursos de auga foi outro dos obxectivos da actuación durante estes meses. E como no caso da palla, fíxose tamén moito, pero tampouco foi suficiente. Quedaron moitas hectáreas sen atender.

A erosión

A semana dos lumes de outubro xa viña precedida dunha situación preocupante. Unha seca con poucos precedentes, que deixou a biomasa dos montes convertida nunha enorme caixa de mistos. “Os incendios de outono non son como os de primavera, cando hai algo máis de humidade no solo”, sinala Xosé Santos. Semanas despois, nalgunhas zonas, seguían ardendo turbeiras, segundo el mesmo puido comprobar. Cunha seca así, “o solo queda arrasado, e a cantidade de arrastre de sedimentos é enorme”. A humidade dos solos é un “factor clave”, segundo sinala José María Fernández, para reducir o dano ambiental. E neste caso, o solo estaba moi, moi seco.

Así arrasan as chuvias os montes queimados

Fernández enumera algúns dos danos que produce a erosión no propio monte debido a esta situación: “Pérdese a capa fértil do solo, que é un recurso non renovable, coas consecuencias que iso implica: perda de hábitat, capacidade produtiva, danos en infraestruturas…”.

Non en tanto, Xosé María remarca que a gran velocidade á que se propagaron os lumes foi un factor ‘positivo’, ou polo menos, non tan negativo, á hora de causar un dano grave no solo. “Nalgúns casos, contabamos atopar os terreos moito peor do que realmente están. A velocidade do vento aumentou a superficie queimada, pero moderou a severidade do lume sobre o terreo, sobre todo no caso da zona do Baixo Miño”.

Con todo, os efectos son preocupantes. “Foi o peor escenario posible; aínda hai que observar, tomar datos e valorar, pero os arrastres tiveron que ser moi importantes, porque é imposible actuar nunha superficie de terreo tan grande”, apunta Francisco Díaz-Fierros, catedrático emérito de Edafoloxía da USC e experto no estudo dos solos e a erosión en Galicia.

A contaminación da auga, un problema “moi grave”

Porén, nos montes xa pouco dano queda por facer, entre o lume e a escorrentía. Coa chuvia, os problemas hai que buscalos na dirección dos cursos de auga que arrastran o que ardeu. “O ecosistema altérase completamente“, di Xana Álvarez, profesora da Escola de Enxeñaría Forestal, e experta en planificación hidrolóxico-forestal. “Cando se produce un incendio, desaparece a vexetación e, con ela, todas as funcións que esta exerce”. Queda entón un terreo arrasado e ermo, que sofre cambios físicos, químicos e biolóxicos que se estenden ás concas.

Un deles é a eutrofización que xa sofren de forma periódica algúns encoros galegos aos que acaban chegando as cinzas e outros restos de lumes. Prodúcese un aporte excesivo de nutrientes que acaba prexudicando a calidade destas augas.

A capa fértil do solo queda arrasada pola escorrentía e a erosión.

A capa fértil do solo queda arrasada pola escorrentía e a erosión.

Engade Xana Álvarez que, con esta situación, favorécese “o transporte de sedimentos, cinzas e nutrientes a través da escorrentía, cun empobrecemento dos solos e impactos noutras áreas con gran valor ecolóxico e social, como os cursos fluviais ou as augas subterráneas”.

Di Álvarez que “é un problema moi grave, porque todo proceso de contaminación agrávase se o caudal do recurso é baixo, e o mesmo ocorre coas achegas que chegan da escorrentía dos chans queimados, que se atoparán en maiores concentracións, coa consecuente deterioración da calidade da auga”.

“Todos os procesos polos que a auga chega aos ríos e acuíferos veranse modificados“, sostén Xana Álvarez, que tamén enumera algúns dos exemplos destes posibles problemas: “redución da capacidade de retención e almacenamento da auga, perda de porosidade do solo e menor capacidade de infiltración”. Hai traballos xa feitos que evidencian estes danos. “No 2011 analizamos a incidencia dos lumes de 2006 na conca do río Umia, e comprobamos que case o 7% da superficie da conca ardera”, lembra Xana. Un 3% da superficie recuperouse, pero o outro 4% degradouse de xeito importante, “quedando a superficie completamente espida e desprotexida fronte ás condicións meteorolóxicas”.

A flora e a fauna acuática

Porén, aínda é cedo para avaliar o conxunto dos danos dos incendios e as posteriores riadas de cinza. Persoal da Xunta está seguindo de preto algunhas zonas especialmente sensibles, como as desembocaduras dos ríos Miñor e Verdugo, onde xa se traballou para frear a posible erosión e escorrentía. Detectouse turbidez e restos de ramallos, pero en cantidades semellantes ás doutros anos, segundo sinalan desde a Consellería do Mar, pero ata o momento non hai confirmación de que os bancos marisqueiros resultasen afectados.

Xa cara o interior de Galicia, no seu contacto constante co entorno, tanto Xosé como Luis Felipe xa teñen detectado síntomas preocupantes. “Hai ríos como o Limia e o Támega, que estaban cheos de troitas e outras especies, e agora vense moitas menos. Ano si e ano tamén arde a serra do Larouco, de onde baixan as augas que nutren ao Limia, e iso nótase”, di Xosé Santos. “Estes arrastres enterran a flora acuícola e iso é moi malo para os ríos”, engade Luis Felipe Fernández.

“Faltou planificación”

A conclusión xeral é que se precisa unha mellor planificación para afrontar estes episodios. En opinión de Díaz-Fierros, “faltou planificación inicial” por parte das Administracións para determinar cales eran os lugares que había que protexer con prioridade. Xana Álvarez tamén cre que é necesario incidir nisto: “Realmente creo que non temos a adecuada planificación hidrolóxica, forestal, urbanística, etc. que teña en conta todos estes fenómenos desde unha perspectiva global“. Parece, por tanto, un problema que se asume como inevitable, e non se aborda. “Estas cuestións sempre saen á luz cun mesmo patrón: primeiro o problema da seca, despois os incendios e finalmente chegan as choivas”.

José María Fernández tamén opina que cunha maior aposta polo coñecemento e máis áxil planificación, os danos serían menores. “É importante tratar de reducir o dano potencial dos incendios mediante a predición de zonas vulnerables e o uso de tratamentos preventivos que limiten a severidade do lume. Do mesmo xeito, o uso de ferramentas rápidas que permitan predicir que zonas do territorio poden sufrir unha maior erosión no caso de incendio poderá axudar a anticiparnos ao problema e a priorizar as actuacións de prevención e mitigación.

Desde as entidades ambientalistas piden tamén unha maior anticipación. “É unha loucura pensar que se segues facendo o mesmo vas obter resultados distintos“, lamenta Xosé Santos, de Amigas das Árbores da Limia. “A inversión inxente que se fai en extinción podería desviarse a planificar mellor estes problemas, e non andar á remolque todos os anos co mesmo problema”, conclúe, desde Amigos da Terra, Luis Felipe Fernández.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.