Rosales Longo, segundo pola dereita, con membros do tribunal e directores da tese. Foto: USC.

Rosales Longo, segundo pola dereita, con membros do tribunal e directores da tese. Foto: USC.

Investigadores da USC melloran a calidade da cana de azucre en Guatemala

Fredy Uber Rosales Longo presentou no Campus Terra unha tese na que aborda a avaliación e a selección xenética desta planta

A clasificación dos índices fenotípicos e a mellora e optimización da selección dos xenotipos das poboacións de cana de azucre existentes en Guatemala centran a investigación de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC o enxeñeiro e mellorador de cana de azucre do Centro Guatemalteco de Investigación e Capacitación da Cana de Azucre (Cengicaña) Fredy Uber Rosales Longo.

A tese doutoral realizada por Rosales Longo no marco do programa de doutoramento internacional en Agricultura e Medioambiente orientado cara a Iberoamérica que coordina o profesor da USC Agustín Merino García, desenvolvese baixo o título ‘Índices fenotípicos de selección de cana de azucre’ e trátase dunha investigación dirixida polo catedrático da USC Santiago Pereira Lorenzo, o mellorador de Cengicaña José Luis Quemé de León, e o director deste centro guatemalteco de investigación e capacitación da cana de azucre, Mario Melgar Morales.

Rosales avaliu nove metodoloxías para mellorar a selección xenética da planta

En cana de azucre, con grandes poboacións suxeitas de selección, o grao de precisión da selección pode verse menoscabado pola dificultade de realizar a valoración simultánea dun elevado número de variables en cada un dos xenotipos en avaliación. Por tanto, a redución do número de variables nunha ou poucas dimensións (índices) permitiría avaliar e clasificar os xenotipos dunha maneira eficiente, o que debería conducir a un proceso de selección con mellores ganancias xenéticas.

Daquela, Rosales Longo procedeu na súa investigación de doutoramento á avaliación de nove metodoloxías para o cómputo de índices de desempeño ou selección en xenotipos de cana de azucre do Estado III de Selección do Programa de Variedades de CENGICAÑA en Guatemala. A determinación do grao de axuste dos modelos dos índices, ademais da identificación das variables que mellor explican o desempeño dos xenotipos de cana de azucre, centraron outros dos obxectivos desta investigación.

O catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Federico Sau presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Fredy Uber Rosales Longo. O profesor titular da USC Agustín Merino e a investigadora do Ingacal Emilia Díaz Losada completaron a composición do xurado, que acordou outorgar a máxima cualificación académica o traballo realizado por este investigador centroamericano.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.