Exemplares de cabra montés fotografados no parque do Xurés.
Exemplares de cabra montés fotografados no parque do Xurés.

A cabra montés reina no Xurés

Ata finais do século XIX, a serra do Xurés constituíu o último hábitat dunha subespecie da capra pyrenaica ou cabra montés hoxe desaparecida, a lusitanica. Trala súa extinción, pasou máis dun século ata que estes animais puideron ser vistos de novo nestes montes do sur de Ourense, aos que retornaron a finais da década de 1990. Un proxecto de reintrodución desta especie, acometido pola Xunta de Galicia, levou á zona uns poucos exemplares da subespecie victoriae, o que fixo posible que, na actualidade, a cabra montés volva habitar o Xurés, onde hoxe en día viven máis de 600 exemplares, segundo constatou o grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal.
“Na actualidade, xa hai unha poboación de cabras moi importante no Xurés, que penso que aínda está nunha fase expansiva, xa que hai moito territorio para que poida seguir crecendo”, apunta Enrique Valero, responsable do grupo AF-4 e director da EE Forestal. Co obxectivo de constatar a evolución desta poboación e estudar se o seu crecemento faría ou non posible permitir a súa caza, o Goberno galego encomendou a este grupo de investigación a realización dun estudo da poboación e un plan de aproveitamento cinexético da cabra montés nesta zona. Este proxecto serviu como base para que, este inverno, “se puidese cazar a cabra montés por primeira vez en 120 anos no Xurés”, como apunta Valero. Concretamente, en base a proposta realizada polos investigadores do campus, o Goberno galego permitiu a caza dun máximo de 13 exemplares, previamente seleccionados polo Parque Natural Baixa Limia – serra do Xurés, entre outubro do pasado ano e o presente mes de xaneiro.

A cabra montés foi repoboada en 1990 con exemplares de Gredos

Antes de propor neste plan, “cun criterio moi prudente”, o número de animais que se podería permitir cazar durante os próximos cinco anos, sen que isto supuxese un problema para a supervivencia da poboación asentada no Xurés, o grupo de investigación levou a cabo un estudo pormenorizado, tanto do territorio e a súa “capacidade de carga” como da propia poboación de cabras. Deste xeito, a primeira fase do proxecto, iniciado en 2012, centrouse en coñecer tanto o número de cabras montés que habitaban a parte galega do Xurés, como “as súas posibilidades de alimentación e refuxio, a distribución e estrutura das súas poboacións ou a súa capacidade de cría”, explica Valero. Con ese obxectivo, nos anos 2012 e 2013 realizouse un inventario da poboación asentada nesta zona, un labor que se levou a cabo empregando “unha metodoloxía a base de transectos”, pola cal se seleccionan de xeito aleatorio determinadas zonas do territorio, “nas que se observan as cabras que ves, as pegadas e tamén as defecacións, para, en base a iso, poder calcular a poboación total”, explica o director da EE Forestal. Este proceso, que foi preciso acometer catro veces ao ano e que se realizou “de xeito simultáneo” co inventario que realizan no Parque Nacional de Peneda-Xerés, en Portugal, permitiu cifrar a poboación total de cabras na parte galega da serra en pouco menos de 600 exemplares no ano 2012 e algo máis de 600 ao ano seguinte. Concretamente, o inventario realizado no ano 2013 cifra en 621 os exemplares de capra pyrenaica do Xurés, 233 femias, 210 machos, 154 crías e 24 “subadultos”, aqueles exemplares “que non consegues distinguir se son unha cría ou se xa naceran o ano anterior”.

Comité Galego de Caza

En base a estas cifras, e tendo en conta tanto as taxas de reprodución e a “estrutura de idade” desta poboación, como as mortes que se sofre por causa das enfermidades ou pola acción de depredadores como o lobo ou a aguia, formulouse, “partindo dunha hipótese bastante prudente e conservacionista”, un plan de aproveitamento cinexético, que foi entregado á Xunta en xaneiro de 2014 e presentado ao Comité Galego de Caza. A partires de aí, a administración autonómica acordou en 2014 permitir a súa caza na serra do Xurés, o que Valero considera unha boa nova para a economía da zona, “xa que a caza é un recurso que proporciona uns ingresos moi importantes, é a única transferencia directa e importante de diñeiro entre o medio urbano e o rural”.

A subespecie Lusitánica desapareceu do Xurés a finais do século XIX

Explica o director deste grupo de investigación que a variedade de capra pyrenaica victoriae coa que se realizou o repoboamento no Xurés é orixinaria da serra de Gredos, en Ávila, de onde a Xunta trasladou unha serie de exemplares ao Parque Natural do Invernadoiro, no macizo central ourensán, a comezos da década de 1990, precisamente na época na que Valero exercía como subdirector xeral na Consellería de Medio Ambiente. “O que se fixo foi un plan de reintrodución de especies que xa estiveran en Galicia pero que se extinguiran”, lembra este investigador, que incide en que, ao non existir xa a subespecie lusitanica, optouse por buscar outra “na contorna máis próxima”, que neste caso era a serra de Gredos. “Trouxemos un pequeno rabaño, dunhas doce cabras”, lembra o director da EE Forestal. Tras reproducirse durante varios anos no Invernadoiro, onde continúan presentes hoxe en día, foi en 1998 cando o Goberno galego tomou a decisión de trasladar algúns exemplares ata o Xurés, o que propiciou a hoxe en día estean de novo presentes nos montes que habitaran os últimos exemplares da capra lusitanica.
A caza da cabra montés continuará na serra do Xurés no outono de 2015 segundo esta resolución da Xunta de Galicia, que regula o número de exemplares abatidos nesta campaña en 10 machos e 3 femias.
Cabra montés fotografada nun penedo do parque natural.
Cabra montés fotografada nun penedo do parque natural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.