Libera estima que hai centos de cabalos con pexas en Galicia. Imaxe: @LiberaONG.

Libera estima que hai centos de cabalos con pexas en Galicia. Imaxe: @LiberaONG.

Sen Pexas, a web que denuncia o maltrato aos cabalos en Galicia

A asociación Libera alertou esta semana dun novo caso en Sigüeiro e suma xa 158 denuncias nos últimos cinco anos

No ano 2012, a asociación animalista Libera puxo en marcha en Galicia a campaña Sen Pexas. A través dunha web, a entidade denunciaba, grazas á colaboración cidadá, “unha práctica gandeira moi habitual e ‘tradicional'” que persiste no país: inmobilizar aos cabalos con pexas ou trancas. Esta práctica, segundo sinalan desde Libera, pode causarlles aos animais malformacións, infeccións e mesmo amputacións.

Foto do cabalo atopado en Sigüeiro, inmobilizado cunhas cordas a modo de pexas. Fonte: Libera.

Foto do cabalo atopado en Sigüeiro, inmobilizado cunhas cordas a modo de pexas. Fonte: Libera.

Esta semana, a web rexistrou un novo caso en Sigüeiro, preto de Santiago, onde apareceu un animal coas patas atadas. “Recibimos a información de que levaba un tempo longo nestas circunstancias e a comezos de mes trasladamos o tema á Garda Civil“, conta Rubén Pérez, voceiro de Libera. Pérez lembra outro caso recente, neste caso no concello de Vilaboa, “onde o Seprona liberara ao animal e incoara dilixencias para esclarecer os feitos e o responsable da colocación dun aparello de cordas moi semellante ao detectado en Oroso”.

Rubén Pérez destaca que neste tempo de traballo o obxectivo de Sen Pexas conseguiuse “amplamente“. Agora, di, “é habitual que tanto veciños como asociacións, mesmo a Policía municipal ou autonómica e a Garda Civil avisen das actuacións relacionadas con este tema, cando antes pasaba desapercibido”. Con todo, recoñece que queda traballo por facer. “A erradicación non só non se acadou, senón que é todavía normal ver animais neste estado aínda que hai comarcas, como O Salnés, onde a presión do Seprona conseguiu a práctica desaparición destas pexas ou cordas”.

Os obstáculos na loita contra as pexas seguen sendo, con todo, aínda abundantes. “Custa dar cos responsables porque, a pesares de ser obrigatoria a identificación, estes animais non levan microchip e existe un pacto de silencio xeneralizado ao respecto dos casos de maltrato; non só de cabalos, senón tamén de cans e outras especies”, lamenta Rubén Pérez. O voceiro de Libera engade que “cando un axente pregunta na zona pola responsabilidade do animal sempre existen excusas ou suposto descoñecemento, cando en realidade sí que se adoita saber a quén pertencen estes animais, básicamente porque estes núcleos de poboación son pequenos e existe un grande coñecemento humano.

O mapa Sen Pexas

Mapa das denuncias realizadas en Galicia. Fonte: Cabalos sen Pexas.

Mapa das denuncias realizadas en Galicia. Fonte: Cabalos sen Pexas.

Desde que se puxo en marcha Sen Pexas, o portal impulsado por Libera e a Fundación Franz Weber amosou 158 denuncias, nas que se estima que estaban afectados máis de 500 animais. Os casos concéntranse nas Rías Baixas e no norte de Lugo e A Coruña, aínda que tamén hai casos noutras zonas do territorio. A iniciativa recolle na súa web un formulario para a denuncia, no que se pode aportar a información precisa sobre cada novo caso.

Ademais, Libera mantén activa unha campaña en Change.org co mesmo obxectivo. En cinco meses acumulan xa 130.000 sinaturas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.