O cabalo galego de monte é unha das poucas razas de cabalos salvaxes de Europa. Imaxe: Duvi.

O cabalo galego de monte é unha das poucas razas de cabalos salvaxes de Europa. Imaxe: Duvi.

Drones para estudar e conservar o cabalo galego de monte

A UVigo e a Fundación Biodiversidad impulsan un proxecto para protexer unha das poucas especies de cabalos salvaxes que existen en Europa

A través dun proxecto seleccionado pola Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, o grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo iniciou en 2015 unha liña de traballo centrada no estudo e na conservación do cabalo galego de monte, unha raza autóctona de Galicia e unha das poucas especies de cabalos salvaxes que existen actualmente en Europa. Unha liña de traballo que ten como continuidade a fase dúas do proxecto Estudo e conservación do Cabalo Galego de Monte a través de acordos de custodia do territorio, seleccionado pola Fundación Biodiversidad dentro da súa convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva do ano 2017, que o grupo AF-4 desenvolverá xunto co grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e no que á promoción de acordos de custodia do territorio con comunidades de montes ou administracións co obxectivo de realizar actuacións específicas para a conservación da especie súmase o obxectivo de crear a primeira entidade específica de custodia desta especie, así como o uso de novas tecnoloxías como os drones para estudar novas metodoloxías de inventariado e os efectos desta especie na redución da biomasa forestal.

“O que tentamos buscar é que esta especie, absolutamente singular de Galicia, se conserve e se manteña ao longo do tempo”, salientou o responsable do grupo AF-4 e investigador principal do proxecto, Enrique Valero, na presentación desta investigación, na que estivo acompañado pola investigadora do grupo AF-4 Xana Álvarez, o integrante do grupo Sepcom Oswaldo García e o representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Estacas (Fornelos de Montes), Raimundo Domínguez. Trátase, como salientou Valero, dunha especie de cabalo salvaxe, a única existente en Europa occidental xunto coas presentes no norte de Portugal e en Asturias, ten unha incidencia positiva sobre a redución de biomasa forestal como o toxo nos montes, cuxa acumulación “é un perigo para a propagación dos incendios forestais”, así como na “conservación de biodivesidade”, xa que contribúe tanto ao mantemento de “hábitats declarados prioritarios pola Unión Europea” como a conservación de especies como o lobo.

Presentación do proxecto sobre o cabalo galego de monte na Escola de Enxeñaría Forestal. Foto: Duvi.

Presentación do proxecto sobre o cabalo galego de monte na Escola de Enxeñaría Forestal. Foto: Duvi.

Dando continuidade á primeira fase do proxecto, sucedida á súa vez pola creación dun grupo operativo coa Asociación Agraria Galega que permitiu o desenvolvemento de medidas específicas de conservación, este novo estudo buscará por unha banda “comparar as poboacións” de cabalos salvaxes do sur e do norte de Galicia “e ver as singularidades que teñen en cada caso”, incorporando ás areas de estudo na provincia de Pontevedra a serra do Xistral, en Lugo. Outra das novidades desta segunda fase, apuntou Valero, será o uso de drones como unha posible ferramenta coa que acometer os traballos de inventariado desta especie, así como para avaliar “a incidencia positiva que teñen estes cabalos na acumulación de biomasa”, estudando canto e como contribúen a súa redución ao longo do ano a través da xeración de modelos volumétricos. Trátase duns traballos que, coa colaboración da empresa Xeométrica, levaranse a cabo nunha parcela piloto nos montes que xestiona a CMVCM de Estacas. Montes nos que no ano 85 vivían en torno a 300 exemplares de cabalo galego de monte nos que hoxe quedan “25 ou 30”, segundo lembrou Raimundo González, quen salientou a importancia deste proxecto, “non só pola conservación dunha raza autóctona que é tamén o bombeiro do monte”, senón para a propia supervivencia “do monte e do rural galego”.

Custodia do territorio

Tamén seguindo a liña de traballo aberta na primeira fase, o proxecto busca promover a conservación do cabalo e de os seus hábitats a través de “acordos de custodia do territorio”, como os xa impulsados na primeira fase, unha serie de compromisos de carácter voluntario dirixidos a que comunidades de montes, concellos ou outros axentes implicados velen pola conservación do cabalo na súa xestión e actividade diaria. De feito, un dos obxectivos deste proxecto, anunciou Álvarez, e intentar crear “unha entidade específica de custodia do territorio” para esta especie, a través da que se renovarían os acordos de custodia xa asinados e se asinarán os que vaian xurdindo.

A incorporación do grupo Sepcom ao proxecto permitirá, por outra banda, pór o acento noutro dos obxectivos do proxecto como é a “divulgación e a sensibilización da sociedade galega” respecto da importancia desta especie e o seu papel cultural, patrimonial e ecolóxico, salientou Valero. Nese senso, Oswaldo García incidiu en que se trata “dun proxecto cun gran potencial en termos de chegar a un público ao que normalmente non chega o traballo dos investigadores”. Para logralo, Sepcom encargarase da realización de “contidos audiovisuais periódicos que vaian da man da propia investigación”, xunto cunha análise do impacto de cada unha das pezas que integren esa “campaña dixital”. A estes contidos sumarase a difusión desta iniciativa a través das redes sociais e o uso da “información volumétrica en tres dimensións” que xeren os drones para poder “ofrecer ao público” unha serie de contidos nos que “poida elixir cando e como quere velos”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.