'Gomphus graslinii' (esquerda) e 'Macromia splendens', as dúas especies de cabaliños do demo que se atopan en perigo de extinción en Galicia. Imaxes; Adolfo Cordero.

'Gomphus graslinii' (esquerda) e 'Macromia splendens', as dúas especies de cabaliños do demo que se atopan en perigo de extinción en Galicia. Imaxes; Adolfo Cordero.

Os cabaliños do demo esmorecen en Galicia

Dúas especies, 'Gomphus graslinii' e 'Macromia splendens', atópanse en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas

O último informe do Proxecto Ríos, que analiza o estado das bacías de Galicia, alertaba de que unha de cada catro ribeiras atópabase nunha situación moi degradada. Nestes ecosistemas viven numerosas especies de flora e fauna, sensibles, moitas veces aos cambios e á contaminación que se producen no entorno. E os cabaliños do demo, as coñecidas tamén como libélulas, estano pasando mal.

Actualmente, o Catálogo Galego de Especies ameazadas sitúa en perigo de extinción dúas especies da orde dos odonatos, baixo á que se agrupan as diferentes familias de cabaliños. Duas especies, Gomphus graslinii e a Macromia splendens corren un risco serio de desaparecer en Galicia. Adolfo Cordero, biólogo da Universidade de Vigo, director do laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e Conservación (EcoEvo) e especialista en odonatos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), recoñece que o risco é real. “É unha combinación de moitos factores”, resume. As mesmas circunstancias que se repiten coma unha constante nos casos de outras especies ameazadas en Galicia. “Habería que comezar por controlar as especies alóctonas, tanto de flora coma de fauna, que degradan os bosques de ribeira”, expón Cordero.

A contaminación dos ríos é o principal problema que afrontan os cabaliños do demo

No caso dos cabaliños do demo, crese que especies como o black bass, tamén coñecida como perca americana, un peixe alóctono introducido para a pesca deportiva, prexudica seriamente as poboacións de libélulas. Mais non é o único problema. A praga de fungos que afecta aos ameneiros, unha das principais árbores autóctonas de ribeira, compromete tamén a estas especies. E como se sinala en moitas ocasións, a contaminación que sofren os ríos a causa da actividade urbana e gandeira, con puríns e fertilizantes que van directamente á auga, son tamén unha ameaza importante.

Ante esta situación, Adolfo Cordero e outros investigadores, a través do traballo de campo, desenvolveron un mapa de áreas prioritarias de conservación, tendo en conta a distribución actual destas especies ameazadas. Ademais, estudáronse as áreas de distribución potencial ás que se debería prestar especial atención para conseguir a recuperación das poboacións de cabaliños.

'Oxygastra curtisii', incluída como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Imaxe: Adolfo Cordero.

‘Oxygastra curtisii’, incluída como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Imaxe: Adolfo Cordero.

Os esforzos para a Gomphus graslinii, unha especie habitual nos hábitats mediterráneos, deberían concentrarse, segundo explica Cordero, no sur de Galicia, en bacías como a Miño-Sil, Tea, Lérez ou Avia. A situación da Macromia coincide, na súa maior parte, co outro odonato en perigo de extinción. Cordero avoga, por tanto, por un plan integral de recuperación que desenvolva medidas de protección para as dúas especies, e que podería ser extensible ás outras que tamén se atopan en Galicia. Este plan está actualmente en elaboración por parte da Consellería de Medio Ambiente. Estas medidas poderían estenderse tamén á especie Oxygastra curtisii, incluída no catálogo galego de especies ameazadas coa categoría de Vulnerable, e que, como as anteriores, está protexida pola directiva Hábitat da Unión Europea.

A falta de recursos para controlar a situación desta especie ameazada lastra tamén os proxectos de conservación. “É un insecto que require atención, porque voan durante pouco cada ano, e hai que facer un seguimento preciso. E adoita haber só dúas persoas para toda Galicia, e normalmente, compaxinando esta tarefas con outras”, sinala Cordero. Estas pescudas adoitan basearse, en moitos casos, nos rexistros de exuvias, a pel que abandona a larva destes cabaliños do demo cando se transforman en adultos.

Educación

O biólogo da Uvigo incide tamén na necesidade da formación e a educación para conservar estas especies de odonatos. “Sería conveniente elaborar unha guía de boas prácticas para traballos forestais, agrícolas e gandeiros, porque case sempre, con pequenos xestos e cambios, podemos coidar moito mellor o entorno”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.