Illa de Ons.

Illa de Ons.

Botánicos da USC reintroducen unha planta desaparecida na illa de Ons

A labaza de ribeira (Rumex rupestris) volve medrar nas Illas Atlánticas tras da súa extinción

Extinta nos primeiros anos deste século na illa de Ons, un equipo da Facultade de Bioloxía da USC comezou o pasado inverno unha experiencia para a reintrodución nesta mesma illa de Rumex rupestris ou labaza de ribeira, unha especie ameazada que goza da protección legal do Catálogo Galego de Especies Ameazadas ou da Directiva Hábitats, entre outros. Conscientes de que os momentos posteriores á reintrodución son os máis determinantes, “a constancia a día de hoxe da permanencia da especie en diversos puntos da illa permite ser moderadamente optimistas con respecto á súa continuidade no futuro”, explica o investigador do Departamento de Botánica Miguel Serrano, coordinador xunto con Roi Carballal do proxecto dirixido por Santiago Ortiz.

Labaza de ribeira.

Labaza de ribeira.

Para o desenvolvemento do proxecto, os investigadores da USC contan coa colaboración do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Segundo datos do pasado día 23, “varios dos núcleos instalados presentan individuos ben establecidos e vigorosos, a pesar da virulencia dos temporais padecidos nos últimos meses e que fixeron temer pola súa supervivencia”. Rumex rupestris é unha especie litoral cuxa presenza na Península Ibérica só se localizaba na costa occidental galega, concretamente nalgúns puntos da costa da Coruña e de Pontevedra. Outras áreas onde habita actualmente son o suroeste de Gran Bretaña e a costa oeste francesa, “estando nestes territorios tamén moi localizada e fortemente ameazada”, explican os investigadores.

Os datos recentes amosan exemplares ‘ben establecidos e vigorosos’

Co financiamento da Fundación Biodiversidad, o proxecto abrangueu diversos aspectos orientados ao estudo das poboacións de Rumex rupestris ao longo da costa occidental galega dende unha perspectiva conservacionista. Concretamente, a análise dos investigadores foi determinante tanto para seleccionar os lugares apropiados para a reintrodución en Ons como para escoller as poboacións de orixe para os individuos e sementes transferidas a esa illa. Neste sentido, prestouse especial atención á estrutura xenética das poboacións galegas e a súa relación coas do Parque Nacional, onde se poden atopar en Sálvora e Cíes.

O investigador Roi Carballal.

O investigador Roi Carballal.

Os investigadores traballaron baixo a hipótese de que a especie pode dispersarse grazas ás correntes mariñas, dada a flotabilidade do seu froito, e que podían existir ‘poboacións fonte’ que debían ser identificadas para establecer unha xerarquía de prioridades territoriais á hora de protexer a especie no seu conxunto. Os diversos marcadores xenéticos permitiron detectar “unha estrutura xenética con relacións xeográficas transmarítimas distantes”, aclara Miguel Serrano. Ademais e grazas aos marcadores moleculares foi posible identificar procesos de hibridación cunha especie próxima moi frecuente e que “pode ser considerada como unha ameaza para a integridade de Rumex rupestris”. Como engaden os investigadores, esta problemática non estaría distribuída de xeito uniforme no territorio, “aínda que parece afectar máis a determinados grupos de poboacións como as do Barbanza e as da costa Ártabra”, precisamente nesta última área “constatouse unha alarmante redución de efectivos e mesmo a desaparición de determinados núcleos”.

O proxecto desenvolveuse coa denominación ‘Rumex rupestris, especie en peligro de extinción. Gestión integrada de la interdependencia Islas-Continente para su conservación en el Parque nacional das illas Atlánticas. Reintroducción en la Isla de Ons’, dentro do grupo de investigación Biodiversidade e conservación das plantas vasculares e en colaboración con María Luz González Caamaño do grupo de Biotecnoloxía do Departamento de Fisioloxía Vexetal.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.