Venres 29 Marzo 2024

Unha investigadora galega consegue producir bioplásticos a partir de materias renovables

A investigadora galega María García Torreiro acaba de presentar na súa tese de doutoramento diversas estratexias para a produción dun tipo de bioplásticos a partir de materias primas renovables. Os polihidroxialcanoatos (PHA) son os biopolímeros que presentan un maior potencial e as características máis atractivas para substituír aos plásticos xerados a partir de petróleo.

O proceso de produción dos PHA que propón a investigadora galega intégrase nunha biorrefinería na que tamén se xeraría bioetanol a partir de substratos como cereais ou caña de azucre. A bacteria Halomonass boliviensis empregaríase como microorganismo produtor dos PHA, debido á súa capacidade de acumular este material en altas concentracións. María García estudou os requisitos nutricionais necesarios para incrementar a acumulación dos PHA nestas bacterias. Ao mesmo tempo, desenvolveu unha novidosa configuración do proceso de fermentación, baseada na fermentación e hidrólise simultánea dos azucres presentes nos cereais.

Publicidade

María García (terceira pola esquerda), xunto aos directores da súa tese e o tribunal que a avaliou. Foto: USC.
María García (terceira pola esquerda), xunto aos directores da súa tese e o tribunal que a avaliou. Foto: USC.

A investigadora realizou unha estadía de investigación no grupo do profesor Steinbüchel, no IMMB de Münster (Alemaña) durante a cal tivo a oportunidade de estudar a produción de biopolímeros a partir de ácidos graxos volátiles que se poden obter mediante a fermentación de diferentes residuos orgánicos. Este substrato permitiu obter un biopolímero con mellores propiedades físicas que os obtidos a partir de glucosa.

O estudo, no que colaborou a empresa Abengoa Bioenergy, no marco dun proxecto financiado pola Administración estatal, desenvolveuse no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC e dirixírono o profesor Juan M. Lema Rodicio e o investigador Thelmo A. Lú Chau, ambos os dous do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química da USC.

Desta tese, titulada ‘Halomonas boliviensis in an integrated biorefinery’, deriváronse seis artigos publicados en revistas científicas indexadas no Scientific Citation Index como Biotechnology Progress, Biochemical Engineering Journal, Industrial Crops and Products and Bioprocess and Biosystems Engineering,  xunto cunha patente e diversas contribucións a congresos internacionais e europeos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais

Atopan un fungo capaz de facer desaparecer o chapapote

Un novo método empregando Aspergillus niger conseguiría limpar as praias de verteduras accidentais de diésel

“O noso país está á cabeza das situacións complicadas para a carreira investigadora”

O catedrático da USC Diego Peña vén de participar nun foro internacional que reuniu a algúns dos químicos máis prestixiosos de Europa

Bioplásticos a partir de residuos da industria pesqueira: outro paso cara á sustentabilidade

Un consorcio promovido pola USC pretende crear con residuos orgánicos materiais biodegradables que sustitúan aos polímeros convencionais