O feixón é unha leguminosa moi importante para a industria alimentaria en España.

O feixón é unha leguminosa moi importante para a industria alimentaria en España.

As bacterias que ameazan ao feixón

Unha tese realizada na Misión Biolóxica de Galicia afonda no estudo de dúas das principais enfermidades que afectan á produción desta leguminosa

O científico Luis Godoy Montiel acaba de recibir o sobresaínte cum laude na USC pola tese doutoral que desenvolveu na Misión Biolóxica de Galicia. Na súa investigación, Godoy afondou no coñecemento de dúas das principais doenzas bacterianas que afectan ao feixón común (Phaseolus vulgaris): a bacteriose de halo e a bacteriose común.

Segundo explica o autor da tese, “o cultivo do feixón común vese afectado por diferentes enfermidades que derivan en perdas de produción e calidade da especie”. Destacan as dúas bacterioses mencionadas: a de halo, que se distribúe a nivel mundial, cunha incidencia maior en rexións con temperaturas de entre 18 e 22 graos,  e a común, frecuente en rexións cálidas e húmidas.

A investigación sinala a importancia da resistencia xenética contra as bacterioses

Os directores da tese, Marta Santalla, Ana González e Antonio de Ron, do grupo de Bioloxía de Agrosistemas, sinalan que en España o feixón común “ten unha gran transcendencia debido, por un lado, ao cultivo de determinadas variedades como a legume seca, adaptadas aos gustos gastronómicos locais e, por outra banda, o volume de exportación do feixón verde como unha hortaliza maioritariamente para o consumo directo en fresco a outros países da UE, que é cada vez máis elevado, e procedente na súa maior parte do sueste de España”.

Por ese motivo, segundo explica Godoy Montiel, “é fundamental que as variedades de feixón común incorporen xenes de resistencia fronte a estas doenzas”. Así, é preciso “incrementar o coñecemento xenético da especie, que será a base para a mellora da resistencia”.

No marco da tese realizáronse ensaios e avaliacións para facer fronte a esas doenzas. Os resultados, segundo os directores da tese, “ofrecen información esencial non só para unha mellor comprensión da interacción planta-patóxeno, senón tamén para a aplicación de ferramentas de mellora xenómica asistida para a resistencia duradeira do feixón común a ambas bacterioses”. Engaden que isto “abre a porta ao desenvolvemento de novos estudos adicionais de clonación de xenes candidatos”.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.