Expertos do proxecto Run4Life, na reunión celebrada en Porto do Molle. Foto: ZFV.

Expertos do proxecto Run4Life, na reunión celebrada en Porto do Molle. Foto: ZFV.

Reunión europea en Vigo sobre innovación na reciclaxe de augas negras

O proxecto Run4Life estuda novas tecnoloxías para reutilizar estes residuos en procesos industriais e agrícolas

Expertos dos Países Baixos, Seucia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica ou España reúnense esta semana en Porto do Molle, nas instalacións da Zona Franca de Vigo, no marco do proxecto europeo Run4Life. A iniciativa estuda novas tecnoloxías de reciclaxe de augas negras para reutilizalas en procesos industriais, regos, cisternas e outros usos non humanos.

O obxectivo básico do congreso é demostrar a viabilidade do tratamento completo das augas negras e grises e a súa revalorización para posteriores reutilizacións agrícolas, de limpeza ou para subministrar á rede de inodoros. Ademais, como este proceso se realiza en condicións anaerobias, é posible recuperar o metano que se desprende para convertilo en biogás que pode ser empregado como fonte enerxía para outros usos.

Run4Life tamén estuda como eliminar os microcontaminantes procedentes de produtos farmacéuticos e de hixiene persoal presentes nas augas negras. Así, propón unha estratexia alternativa á simple depuración, podendo acadar unha recuperación do 100% dos nutrientes e o 90% de reutilización das augas, o que o converte nunha boa oportunidade para ser utilizado en usos agrícolas.

O traballo do proxecto poñerase en común en varios ensaios de rendemento que terán lugar en Bélxica, España, Holanda e Suecia, que contarán coa colaboración de empresas de fertilizantes industriais. A información obtida agruparase e farase pública para poder deseñar grazas a ela políticas enfocadas ao tratamento e aproveitamento das augas fecais.

Tal e como sinalou a delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, a reunión escolleu Porto do Molle por ser un parque baseado en criterios de sostibilidade e coidado polo medio ambiente, onde se teñen implantado sistemas e tecnoloxías de vangarda para aforrar enerxía e reducir as emisións de CO2. Pedrosa engadiu que “neste momento no que xa soaron todas as alarmas en Galicia, temos que prepararnos para afrontar temporadas de seca; o aproveitamento e reciclaxe das augas negras é xa unha necesidade urxente, unha tecnoloxía fundamental para o noso futuro”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.