Venres 29 Marzo 2024

“A contaminación é o principal problema da auga en Galicia”

“Música da auga que promove a cadencia dos muíños nos agros desta vella patria miña, queda e inqueda, tan chorada de bágoas inútiles”. Con estes versos de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, comezaba a tese de doutoramento Contribución a los estudios del agua en los suelos de Galicia, que Francisco Díaz-Fierros Viqueira (Vilagarcía de Arousa, 1941) presentou no Colexio de Fonseca da USC en outubro de 1967. 50 anos despois, no mesmo lugar, Díaz-Fierros, hoxe unha das referencias do estudo dos solos en Galicia, e figura destacada tamén no eido cultural, presentaba o libro Auga para todos, “unha reflexión universal sobre a importancia da auga feita desde Galicia”, sinala o autor. E na introdución, de novo, os mesmos versos de Longa noite de pedra.

– Parece mentira que en Galicia esteamos ao límite de non ter auga para todos.

Publicidade

– Si, pero tamén é certo que incluso coa seca que houbo, se tiveramos unhas infraestruturas medianamente ben deseñadas e unha certa previsión de que se pode chegar a este punto, non habería problemas serios. Agás no caso da contaminación, que si pode provocar que os recursos non sexan suficientes, aínda teriamos auga dabondo para resolver problemas.

Por exemplo, no caso de Vigo, o encoro de Eiras estaba baixo mínimos, pero tiñamos o Verdugo, que non había ningunha razón para non facer unha transferencia, porque tiña caudal suficiente. Pero non pode haber estos problemas ‘parroquiais’; habería que considerar a cunca Verdugo-Oitavén como única, e se no caso de que algún encoro, como o de Eiras, haxa falta de auga, poida transferirse sen problema.

– Di que non lembra unha seca como a que acabamos de pasar.

– É a máis importante que teño eu controlado en case 60 anos, a máis intensa.

– Comenta no libro a importancia xeopolítica da auga. É unha fonte de conflitos.

– Si, pero tamén hai esperanza. Hai un estudo da universidade de Oregón, que analizou os conflitos na auga. Pero había máis accións cooperativas ca disputas, algúns delas armadas. Na práctica estase chegando máis a acordos que a conflitos; ábrese a esperanza ás solucións racionais: compártense encoros, fanse  sistemas de regos comunitarios…

– É o momento para mudar a forma de tratarmos á auga?

“Os puríns poden chegar a inhabilitar volumes moi importantes de auga”

– Hai que aforrar para evitar situacións complicadas, aínda que en Galicia sexamos un país ben provisto do recurso. Pero o problema é a contaminación, e sobre todo a que chamamos difusa, porque a puntual (industrias, cidades) pode controlarse mellor. O problema real son os puríns, que saen por moitos sitios, moitas veces indefinidos. A contaminación difusa pode chegar a inhabilitar volumes moi importantes de auga. Se camiñamos sen control neste sentido poderiamos chegar a facer que escasee o recurso.

– É entón o principal problema?

– Eu diría que máis que a seca, a contaminación é o principal problema que temos coa auga en Galicia. E tamén hai outra contaminación nas cidades que nunca se fala dela: unha importante porcentaxe de auga que non se limpa nas depuradoras. As depuradoras están deseñadas para tratar unha determinada cantidade de auga. Cando chove moito, non teñen capacidade suficiente, e parte desta auga fai unha especie de by-pass, segue circulando sen tratarse. E isto é unha fonte importante de contaminación difusa. É o caso do Sar, en Santiago, cunha contaminación que é consecuencia dos desbordamentos tras moita chuvia. E as depuradoras tampouco se poden facer moi grandes, ten que haber unha relación entre o volume de auga tratada e a eficacia dos tratamentos.

– Seca, incendios… é isto o cambio climático?

– Está demostrado polos modelos que os valores extremos van ser cada vez máis frecuentes. Hai unha tendencia clara.

– Fala no libro de que a auga é a base de todo.

– Está feito para comprender que a auga é un recurso que hai coñecer na súa dimensión universal, pero eu sempre que podo poño algún exemplo baseado en Galicia, algunha reflexión de escritores galegos… Feito desde Galicia pero cunha vocación universal.

– E en Galicia tamén é a base de todo.

– Non só pola historia, pola cuestión das lendas, do imaxinario colectivo, senón tamén pola propia paisaxe: a cor verde é impensable se non tiveramos tanta auga.

– Medio século despois de comezar, queda algunha tarefa pendente?

“A política científica prima os estudos con rendementos económicos inmediatos, non a longo prazo”

– Fomos aprendendo a coñecer o país, pero o que hai que conseguir agora é facer unha investigación a longo prazo para coñecérmonos mellor. Hai unha política científica que prima determinados estudos, moi enfocados cara a industria, actuacións de urxencia, con rendementos económicos inmediatos. E hai outros estudos que non teñen apoio, porque teñen unha rendibilidade a longo prazo. Por exemplo, os consumos de auga nos bosques: saber canta auga consomen os eucaliptos, que se fala moito deles. Pero precísanse 20 anos de traballo nunha cunca para ter todo o ciclo produtivo do eucalipto, e ver como consome auga, para sacar modelos e transferir ese coñecemento. E iso non ten apoio da política científica. Non se pensa en problemas a longo prazo. Son traballos que non esixen grandes recursos financieiros, pero si un mantemento de determinada infraestrutura e equipos que todos os anos poidan achegar estes datos. Hai que cambiar esta mentalidade.

– E que lle falta á divulgación científica en Galicia?

– En Galicia faise boa divulgación científica, pero desde o xornalismo. Pero onde falla, en Galicia, en España e en moitos outros lugares é na capacidade dos propios científicos de traducir en linguaxe asequible os seus achados. Ten que ser unha persoa allea a que se achegue, a que interprete e traduza o que alí se fai. Precísase ese labor de dedicar parte do tempo a traducir os achados a palabras intelixibles.

E hai outro problema. Que se está producindo un afastamento entre a ciencia e o mundo do común. Como é posible que con tantos descubrimentos e avances sigan proliferando as pseudociencias? Hai un grupo considerable de xente que segue cuestionando evidencias científicamente demostradas, e iso non pode ser.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes