Xoves 25 Abril 2024

Así é o acordo do Cumio do Clima de París

Xa hai acordo no Cumio do Clima de París. Os 195 países reunidos desde hai dúas semanas chegaron finalmente a un pacto contra o quecemento global. O texto final aprobado busca limitar o aumento da temperatura media do planeta, fixa teito ás emisións de gases de efecto invernadoiro e establece un sistema de financiamento para que os países con menos recursos poidan adaptarse para os efectos do cambio climático.

Ban Ki Moon celebra o acordo no Cumio do Clima de Nacións Unidas.
Ban Ki Moon celebra o acordo no Cumio do Clima de Nacións Unidas.

O acordo de París ten como obxectivo principal impedir que o aumento da temperatura media do planeta a final de século polo cambio climático supere os dous graos con respecto aos niveis preindustriais. E tamén apunta a que se deben facer esforzos para que “non supere os 1,5″. Ademais, busca un sistema de financiamento para axudar aos países con menos recursos a adaptase para os efectos do cambio climático de 100.000 millóns de dólares anuais.
Nunha primeira lectura, as principais ONG consideraron que o compromiso climático proposto é un xiro “histórico” que fai irreversible a transición a unha economía baixa en carbono, aínda que manifestan a partir de agora hai que presionar a gobernos e empresas para cumprilo e elevar as súas ambicións. Grupos ecoloxistas expresaron a súa decepción, ao considerar o acordo pouco ambicioso. E houbo tamén críticas dende a comunidade científica.
Entre os obxectivos que quedaron no camiño está a ‘descarbonización‘, un acordo para poñer data ao fin do uso no planeta Terra dos combustibles fósiles.

O acordo renuncia á ‘descarbonización’, pero establece obrigas para todos os países

O acordo establece que o aumento máximo da temperatura media do planeta non supere os 2 graos centígrados respecto dos niveis preindustriais e abre a posibilidade para rebaixar esa meta a 1,5 graos. Desde o ámbito científico se sinalou que, tras décadas de emisións de gases de efecto invernadoiro, xa non é posible parar o quecemento do planeta. O que se busca agora é tentar que non se supere esa barreira dos dous graos para evitar consecuencias catastróficas. Para iso, é necesario limitar as emisións destes gases, principalmente, do dióxido de carbono.
As sombras do acordo están nalgunhas declaracións pouco definidas. E outras que quedan ao arbitrio dos propios estados. De feito, convidan aos países a alcanzar un teito nas súas emisións de gases de efecto invernadoiro “canto antes”. Os países desenvolvidos deberán facelo os primeiros. Os que non o son terán máis tempo, aínda que non se fixa un ano concreto. Tamén se fala de “equilibrio”, o que se traduce en medidas de captura de gases de efecto invernadoiro e renuncian a unha drástica ‘descarbonización’ ou eliminación do uso de combustibles fósiles.

As palabras clave do cumio do cambio climático.
As palabras clave do cumio do cambio climático.

O principal instrumento sobre o que se constrúe o acordo son as chamadas “contribucións” nacionais, que se revisarán cada cinco anos á alza. A primeira análise realizarase en 2018 e a primeira actualización á alza en 2020, cando entraría en vigor o acordo de París.
Outro dos instrumentos crave do acordo é a creación de inventarios para poder facer un bo seguimento dos programas nacionais de redución. Perfílanse tres categorías: os desenvolvidos, que deberán dar completa información, os emerxentes, que terán unha menor esixencia, e os máis pobres, que terán o nivel mínimo de obrigas.

Publicidade

Os obxectivos de redución de emisións por país non serán legalmente vinculantes

Os que non serán legalmente vinculantes son os obxectivos de redución de emisións de cada país. Este punto foi incluído para evitar que Estados Unidos, o segundo maior emisor mundial, non quedase fora do pacto, xa que tería problemas para ratificalo no seu país se se lle impoñen desde fóra metas concretas de redución de emisións. A acordo di que cada país “deberá”  poñer en marcha “medidas domésticas” de mitigación para cumprir cos obxectivos nacionais que se fixou na súa contribución.
Para que os países con menos recursos poidan adaptarse para os efectos do cambio climático e para que poidan reducir tamén as súas emisións establécese a obrigación de que exista axuda internacional. Os países desenvolvidos son os que deben mobilizar os fondos. O compromiso é lograr ata 2025 que se mobilicen 100.000 millóns de dólares anuais.
Ademais, o pacto inclúe a creación dun organismo internacional novo dedicado ás “perdas e danos“; é dicir, para compensar aos Estados que se vexan máis afectados polas consecuencias do cambio climático. O desenvolvemento deste novo órgano quedará para máis adiante.

Aquí podes consultar o texto íntegro do acordo en castelán

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que é un erro falar de Galicia como ‘refuxio climático’ para atraer turismo

O turismo contribúe á emisión de gases contaminantes á atmosfera e os refuxios climáticos deben ser accesibles a toda a poboación

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro