A especie das ‘Ischnura hastata’.

A especie das ‘Ischnura hastata’.

As libélulas que se reproducen sen machos

Un estudo da UVigo analiza a especie ‘Ischnura hastata’, propia dos arquipélagos das Azores e Madeira

A centos de quilómetros do continente, os arquipélagos portugueses de Azores e Madeira constitúen un hábitat pouco accesible para insectos propios de ecosistemas continentais como as libélulas, de tal xeito que nelas só se teñen asentado aquelas especies “que demostraron ter unhas capacidades de dispersión extraordinarias”, como sinala o investigador de Enxeñaría Forestal da UVigo Adolfo Cordero. Mais, a pesares de que neles residen poucas especies, estes arquipélagos contan con “xoias biolóxicas” como a Ischnura hastata, unha especie que en Azores presenta o o único caso no mundo de libeliña partenoxénética, reprodución a partires de femias exclusivamente.

Adolfo Cordero.

Adolfo Cordero.

Afondar nas características das diferentes especies que residen nestes arquipélagos e contribuír a dar a coñecer a súa biodiversidade é o obxectivo de As libélulas dos Açores e Madeira, o libro que Cordero elaborou xunto co profesor da Universidade dos Azores Virgílio Vieira.

Editado pola asociación ecoloxista Amigos dos Azores, o libro inclúe unha relación dos diferentes tipos de libélulas que se atopan nestes dous arquipélagos, describe os seus estados de desenvolvemento e achega información sobre os seus hábitats e distribución xeográfica, ao tempo que trata de pór en valor a importancia deste insecto para o ser humano, grazas ao seu papel como axente de control biolóxico de pragas de insectos.

 As libélulas protexen ós humanos controlando as pragas de insectos

“A idea do libro xurdiu despois de varios anos de traballo, que inicialmente foran pensados para aclarar a bioloxía da Ischnura hastata, precisamente polo feito de ser unha especie excepcional ”, sinala Cordero das moitas horas de traballo de campo que compartiu con Vieira e que serviron como xénese dun libro de carácter divulgativo. “O que quixemos facer é darlle relevancia ao fenómeno da partenoxénese e así mostrar o valor intrínseco da Ischnura hastata polo feito de seren única”, engade o investigador principal do grupo EcoEvo.

Como explica Cordero, calquera organismo asentado en dous “lugares moi illados, lonxe de todos os continentes”, como estes arquipélagos, tivo que superar “unha proba moi dura de distancia sobre o mar”. Por iso, son moi poucos os tipos de libélulas presentes nestas illas. En Azores, explica, existen “catro especies residentes, máis unha ocasional”, ás que se suma a posibilidade de que “unha ou dúas especies cheguen ocasionalmente, mais non hai probas claras”. No caso de Madeira, os investigadores topáronse seis especies de libélulas, “aínda que dúas son ocasionais” e a estas súmase unha sétima, descrita hai máis de 60 anos, “de identidade incerta, por non conservárense os espécimes”.

 “Ninguén atopara nunca un macho desta especie nas Azores”

“A importancia destas illas non está no número de especies, senón na súa capacidade de colonización de lugares tan afastados”, salienta Cordero, que incide non só en que en Azores se atopou o único caso de partenoxénese nas Ischnura, o que fai que “algúns pensen que se debe considerar unha especie diferente, que sería única de Azores”, senón que ademais en Madeira reside outra especie, a Sympetrum nigrifemur, que só pode atoparse neste arquipélago e nas Canarias. “No libro dicimos que precisa ser estudada ao detalle, xa que pode ser unha variación doutra especie que existe en Europa, en lugar dunha especie diferente”, sinala este investigador que engade que, no tocante á definición das especies existentes nestas illas, “aínda non está todo resolto”.

Onde están os machos? Foi, na década de 1990, cando se atopaba realizando a súa tese de doutoramento sobre unha libélula do xénero Ischnura en Galicia, cando este investigador tivo constancia dun artigo de Jean Belle e Jan van Tol, no que se formulaba a hipótese de que as poboacións desta especie nas Azores eran partenoxenéticas, “xa que ninguén atopara nunca un macho”. Mais non sería ata dez anos despois cando este investigador, xunto co italiano Carlo Utzeri, profesor da Universidade de Roma e prologuista deste libro, puido constatar, primeiro sobre o terreo e despois co análise das femias no laboratorio, que efectivamente estas libélulas son partenoxenéticas. “Esta especie está en América, desde o sur de Canadá ata Ecuador, e mesmo nas illas Galápagos, mais en todas partes ten reprodución sexual, agás en Azores, por iso ten unha grande transcendencia”, sinala este investigador, que actualmente atópase estudando un caso similar nas illas Fiji, no Pacífico.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.