Macho e femia de corzo.

Macho e femia de corzo.

Unha nova infección por larvas ameaza de morte ó 50% dos corzos galegos

Santiago valida un método de diagnóstico para esta doenza que chegou hai unha década do Norte de Europa

Unha nova doenza causada por larvas de Cephenemyia stimulator (Diptera: Oestridae) está a infestar ós corzos de Galicia. A praga, procedente do norte de Europa, está avanzando a pasos axigantados. De feito,ata o ano 2000 o  non se rexistraron corzos infestados e, entre os anos 2007 e 2014, detectáronse seroprevalencias do 40%.Trátase dunha problemática importante xa que, se a intensidade da infestación é elevada, pode producir a morte do 50% dos corzos, como está a suceder no norte da Península desde 2005.

Arias, Pajares, Morrondo e Díez, na Facultade de Veterinaria da USC.

Arias, Pajares, Morrondo e Díez, na Facultade de Veterinaria da USC.

A cefenemiose é unha míase obrigatoria e específica do corzo que está amplamente difundida na área de distribución do ungulado, concretamente no norte, centro e sur de Europa, aínda que en España non se rexistraron as primeiras denuncias de infestacións ata comezos do século XXI.

As moscas de Cephenemyia  ao achegarse aos corzos para depositar as larvas cáusanlles tensións e inquietude, o que interfire negativamente sobre a inxestión e aproveitamento de alimentos por parte do ungulado. A presenza dos diferentes estadios larvarios de C. stimulator  nas vías respiratorias altas orixina sinusite, estornudos, descarga nasal, tose, disnea, problemas de deglutición e mesmo pneumonía por aspiración. Ademais, se a intensidade da infestación é elevada (30-80 larvas) pode producir a morte de aproximadamente o 50% dos corzos, como sucede no Norte de España desde 2005.

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC lidera as investigacións sobre a infestación por esta variedade de larvas en corzos trala posta a punto do método de inmunodiagnóstico (ELISA-indirecto).

A validación desta técnica metodolóxica, baseado en antíxenos de excreción-secreción obtidos a partir de larvas de segundo estadio de C. stimulator,centra as pescudas desenvolvidas polo ex presidente e presidente de honra da Asociación Española do Corzo (ACE) e funcionario do Corpo Superior de Veterinarios do Principado de Asturias, Gerardo Pajares Bernaldo de Quirós, na tese de doutoramento ‘Estudo sobre a infestación por larvas de Cephenemyia stimulator (Diptera: Oestridae) en corzos (Capreolus capreolus) do Norte de España’, que vén de presentar na Facultade de Veterinaria da USC.

Esta nova infección larvaria chegou a Galicia a comezos do século XX

Daquela, as achegas recollidas por Gerardo Pajares na súa tese son relevantes porque o  método de inmunodiagnóstico (ELISA-indirecto) demostra especificidade e sensibilidade axeitadas para estudar a seroprevalencia da míase en corzos, xa que constata unha boa correlación entre niveis de IgG séricos e poboacións larvarias nos animais examinados.

De feito, esta técnica permitiu comprobar, tras a análise de máis de 500 soros, que entre os anos 1994 e 2000 non había corzos seropositivos a C. stimulator no noroeste de España. Unha casuística diferente é a advertida entre os anos 2007 ao 2014, período no que se detectaron seroprevalencias do 40%, unhas estatísticas corroboradas cos estudos realizados tralas necropsias de máis de 100 corzos, o que fai pensar que esta míases introduciuse en España a partir de comezos do século XXI.

Esta investigación, dirixida por Mª Patrocinio Morrondo Pelayo e Pablo Díez Baños, catedráticos da área de Sanidade Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC, e María Sol Arias Vázquez, bolseira de postdoutoramento da Xunta de Galicia, constitúe xa a quinta tese de doutoramento sobre a cuestión sanitaria do corzo dirixida polo grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC.

O sexo, a idade e os factores climáticos dos corzos inflúen na intensidade de infestación

A tese comproba ademais que os factores climáticos das zonas de procedencia dos corzos inflúen en que prevaleza ou non a intensidade de infestación, sendo estes máis elevados nas zonas de montaña, diferenzas que son máis acentuadas respecto da intensidade de infestación. Así mesmo, o sexo e a idade dos cérvidos determinan diferenzas apreciables de permanencia e intensidade de infestación por larvas de C. stimulator. Así, os adultos e os machos presentan porcentaxes de infestación máis altos, mentres que os exemplares mozos e as femias acubillan maior número de larvas.

A combinación das técnicas de exame directo (necropsia) e indirecto (inmunodiagnóstico) permitiu establecer que o ciclo biolóxico de C. stimulator está condicionado por factores climatolóxicos, de modo que se comprobou que a diapausa larvaria ten lugar no outono e no inverno, o que coincide cunha evidente redución da seroprevalencia e unha moi escasa ou nula presenza de larvas 1 e 2. Mentres, dado que o vo da mosca comeza ao final da primavera e esténdese até o verán, é neste período cando se activa especialmente o desenvolvemento do ciclo interno. A tese demostra que Cephenemyia adapta o seu ritmo de desenvolvemento ás condicións climáticas, de forma que, nas épocas máis desfavorables, as larvas de primeiro e segundo estadio mantéñense en diapausa favorecendo a continuidade do ciclo.

Os profesores da área de Sanidade Animal Natividad Díez Baños, da Universidade de León; Rosario Panadero E Adolfo Paz, da USC; Carlos Nores, profesor de Zooloxía da Universidade de Oviedo, e o tamén doutor e investigador responsable da área de Xenética e Reprodución Animal do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento: SERIDA, Félix Goyache, formaron o tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Gerardo Pajares e que obtivo a cualificación de sobresaínte cum laude por unanimidade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.