O Avó de Chavin, no Souto da Retorta, unha das árbores incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. Imaxe: Rodrigo Rega / Wikicommons.

O Avó de Chavin, no Souto da Retorta, unha das árbores incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. Imaxe: Rodrigo Rega / Wikicommons.

As árbores senlleiras de Galicia pasan revisión ‘médica’

Un equipo do Campus Terra da USC comprobará o estado de saúde e conservación dos exemplares do catálogo no marco dun convenio coa Xunta

O grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC será o encargado de revisar o estado de saúde e o grao de conservación das árbores e formacións arbóreas incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. A universidade e a Xunta de Galicia acaban de firmar o convenio no que se enmarca o proxecto, por un importe de 48.000 euros, e que terá un prazo de execución de 15 meses, ata a primavera de 2019.

O catálogo de árbores senlleiras, que actualmente recolle 155 árbores e 37 formacións arbóreas,  foi creado en virtude da Lei 9/2001 de 21 de agosto como rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, inclúe aqueles exemplares que polos seus valores naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos, requiren da súa conservación.

 

Alén da revisión dos exemplares do catálogo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén encomendou a tarefa de achegar cumprida información que poida servir para actualizar a lista de árbores senlleiras de Galicia. Para isto, o equipo que dirixe o catedrático Antonio Rigueiro poderá elaborar propostas razoadas para as novas incorporacións, co fin de proceder á súa difusión pública e, en consecuencia, favorecer a súa conservación.

‘App’ de árbores senlleiras

Rigueiro explicou que os investigadores deberán achegar fichas técnicas con información completa de cada exemplar ou formación catalogada, ademais dunha ficha divulgativa na que se proceda a indicar aqueles datos máis relevantes de cada un deles. Ademais, o grupo comezará tamén coa creación de material orientado ao desenvolvemento dunha futura aplicación informática coa que será posible coñecer todas as árbores senlleiras do catálogo.

Esta lista, creada en 2007, foi incorporando árbores, ben por iniciativa da Administración ou dos propietarios das árbores ou de asociacións, entidades públicas ou privadas ou centros de investigacións, aqueles que foron valorados seguindo criterios básicos e métodos obxectivos, como merecentes de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia.

Unha vez incluída unha árbore na lista,  súa descatalogación só é posible como consecuencia da morte biolóxica ou da perda dos valores que motivaron a súa inclusión, razón pola que se cabe se antolla aínda máis pertinente este tipo de revisións, xa que permiten advertir e avaliar posibles cambios na estrutura externa das árbores derivados paso do tempo (grosor, altura, perímetro do tronco ou diámetro da copa) ou en aspectos fisiolóxicos ou mecánicos e dos datos dendrométricos, segundo destacan desde a USC.

Aquí podes consultar o catálogo ao completo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.