Un grupo internacional de investigadores, entre os que estaba a científica galega Mar Sobral, identificou e estudou no Amazonas máis de 218.000 mamíferos, 46.000 árbores, ademais de 43.000 interaccións entre especies e un millón de restos orgánicos. Con esta información, descubriron a forte interacción entre a diversidade de mamíferos e o carbono presente no solo e na masa vexetal.
É unha “información crítica para fomentar a cooperación entre a actividade humana e servizos xerados pola natureza, tan trascendentais como a mitigación do cambio climático“, explica Mar Sobral. A científica acaba de publicar na revista Nature Ecology and Evolution, do grupo Nature, os resultados da investigación.
Mammal diversity influences the carbon cycle through trophic interactions in the Amazon from Divulgare on Vimeo.
“O carbono distribúese no planeta circulando entre a atmosfera, os organismos e a terra”, sinala Sobral. Neste proceso “os bosques tropicais son fundamentais xa que as súas árbores capturan o carbono regulando o clima”. Completando o conxunto de variables, “moitos outros organismos, ademais das plantas, forman un bosque”, de aí que os investigadores reunidos neste novo artigo se interrogaran sobre se “a diversidade de mamíferos tamén afecta ao ciclo de carbono no Amazonas”.
Os asinantes do traballo, entre os que tamén se atopan científicos universidade de Stanford, de Virginia Tech, a universidade Estatal de New York, o Museo Nacional UFRJ de Rio de Xaneiro, a Carnegie Institution for Science e a California Academy of Sciences, recorreron a indíxenas da Guaiana, que realizaron censos durante tres anos.
Así, detectouse unha relación entre a diversidade de mamíferos e o carbono, tendo en conta numerosos factores, como a abundancia de animais e plantas, diversidade de árbores, localización xeográfica, precipitacións, temperatura e perturbación humana.
Mar Sobral formouse no grupo de Ecoloxía Evolutiva de Plantas, liderado por Javier Guitián, e actualmente traballa no CNRS de Montpellier despois dunha etapa posdoutoral en Stanford. Como parte desta investigación, colaborou con Luis Navarro, do equipo de Divulgare de UVigo na produción dunha curtametraxe de animación que difunde os resultados da investigación e que contou con financiamento de Fundación Iberdrola España.