A tese advirte tamén da necesidade de mellorar a xestión biolóxica das praias máis turísticas. Foto: Duvi.

A tese advirte tamén da necesidade de mellorar a xestión biolóxica das praias máis turísticas. Foto: Duvi.

As algas das praias emitirán máis CO2 debido ao quecemento global

A bióloga da UVigo Begoña Araújo, do grupo de Ecoloxía Costeira presentou esta e outras conclusións na súa tese de doutoramento

Aínda que as taxas de descomposición das algas dependen da antigüidade da materia orgánica, todo parece indicar que o quentamento global dará lugar a un aumento considerable das taxas de mineralización da materia orgánica e das emisións de CO2 nas praias areosas. Esta é a principal conclusión da tese de doutoramento de Begoña Araújo, investigadora do grupo de investigación en Ecoloxía Costeira, EcoCost.

Begoña Araújo, investigadora do grupo EcoCost. Imaxe: Duvi.

Begoña Araújo, investigadora do grupo EcoCost. Imaxe: Duvi.

“Co aumento da temperatura a materia orgánica descomponse antes, o que supón unha maior achega de liberación de nutrientes e, a medida que aumenta a temperatura acelérase este proceso. Digamos que o que vai haber é unha fonte de nutrientes máis elevado que na actualidade e agora temos que ver ata que punto isto pode ou non ser favorable”, recalca a investigadora, quen fai fincapé en que a xestión das praias centrouse ata o de agora case exclusivamente en manter e restaurar as características física e xeomorfolóxicas, mentres que os aspectos ecolóxicos raramente se consideraron debido ao seu descoñecemento. “Ao carecer da dimensión ecolóxica a planificación da conservación das praias estivo sempre moi limitada”, insiste a investigadora, que admite que foi precisamente esta situación a que a levou a emprender este exhaustivo estudo de cinco anos de duración e que dirixiron os profesores Mariano Lastra e Jesús López.

Cos coñecementos adquiridos na tese pódense, segundo a opinión da autora, establecer balances globais e propor modelos de funcionamento a escala espacial e temporal dos ecosistemas litorais de Galicia. “O estudo permitirá aos técnicos dos órganos competentes elaborar estratexias de xestión e conservación axeitadas en zonas de interese tanto económico como ecolóxico”, recalca a autora.

Con respecto á xestión da limpeza de praias, a investigadora insiste en hai que combinar os intereses ecolóxicos sen perder de vista os económicos. “Hai praias moi turísticas nas que se limpan a diario todas as macroalgas, o que supón un problema, xa que isto leva a que a praia non teña vida e se converta nunha acumulación de sedimentos e nada máis”, explica a autora da tese, que fai fincapé en que “un areal con algas é un areal san, o que non supón que non se poida recoller ningunha, senón que hai que determinar que cantidade é posible recoller para compatibilizar de xeito adecuado a saúde da praia e o seu uso turístico”.

A tese tamén advirte da contaminación química dos tractores de limpeza

Nesta liña a investigadora advirte do uso, en determinadas ocasións, de tractores de limpeza que liberan desinfectante, “o que supón unha contaminación química tremenda, xa que estes compostos acaban na auga e, en consecuencia, na pel dos bañistas…..”. O uso deste tipo de procedementos buscan impedir que proliferen microorganismos e, pola contra, isto é o que fai que unha praia sexa saudable”, recalca Araújo. Á pregunta de se é posible combinar praias saudables e uso turístico, a investigadora responde contundente que “por suposto, se coidamos os aspectos ecolóxicos a calidade, tanto da auga como da area, vai ser moito mellor, porque precisamente ao haber algas vai haber tamén microorganismos, bacterias que están aí para axudar a descompoñer a materia orgánica”.

Para a realización do estudo realizáronse mostraxes mensuais durante un mes coincidindo coa baixamar de mareas vivas en catro praias das Rías Baixas e, posteriormente, realizouse todo o procesado e análise de datos. Observouse que a temperatura é o factor máis influente na velocidade de degradación do material varado. Así pois, a pesar de que no inverno, debido aos temporais, rexistráronse maiores cantidades de algas sobre o intermareal, non foi ata o verán cando as cantidades de CO2, nutrientes e carbono biopolimérico foron as máis elevadas de todo o estudo. Ademais, ao final do verán sumouse o efecto da senescencia das macroalgas. “Nos meses estivais, por tanto, teñen lugar nos parches de algas as taxas metabólicas máis elevadas. Isto indica que as chegadas das algas teñen un papel relevante no fluxo de nutrientes e carbono entre as praias e o ecosistema costeiro. Os gradientes ambientais da praia tales como a temperatura, a humidade do sedimento ou a distancia á beira (estado de descomposición da alga) determinan a velocidade de colonización dos detritívoros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.