Na imaxe, campos de oliveiras en Jaén. En Galicia, zonas como Quiroga, Valdeorras ou algúns puntos da provincia de Pontevedra poderían desenvolver o seu potencial oliveiro.

Na imaxe, campos de oliveiras en Jaén. En Galicia, zonas como Quiroga, Valdeorras ou algúns puntos da provincia de Pontevedra poderían desenvolver o seu potencial oliveiro.

“O aceite de oliva pódese converter nunha nova viticultura”

Unha investigación que se desenvolve na Misión Biolóxica de Galicia descobre novas variedades autóctonas de oliveira

Aínda que pode parecer un soño aínda lonxe, o certo é que os científicos ven posibilidades de que o cultivo da oliveira en Galicia poda chegar a desenvolver unha industria do aceite tan importante coma hoxe é a viticultura. Carmen Martínez, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), ve moitos puntos de conexión entre o que sucedeu en Galicia coas variedades autóctonas de uva e o que pode pasar coas de oliva.

A investigadora Carmen Martínez (dereita) durante a rolda de prensa. Foto: Anxo Iglesias

A investigadora Carmen Martínez (dereita) durante a rolda de prensa. Foto: Anxo Iglesias

“Temos un número importante de variedades que non existen noutros lugares de España e de Europa. Hai que facer as cousas ben pero pode repetirse o que no seu día pasou co Albariño”, indicou a investigadora nunha rolda de prensa onde se presentou o proxecto na sede do CSIC en Santiago.

Martínez encabeza o grupo da MBG que desenvolverá unha investigación os próximos catro anos sobre as variedades autóctonas de oliveira, financiada pola Fundación Juana de Vega. Xa hai dúas variedades de oliva identificadas (Brava e Mansa) que se coñecen dende a Antigüidade e xa se están a dar os primeiros pasos para rexistralas e poder comercializalas como tales. Ademais, hai indicios de que existen polo menos outras sete variedades autóctonas, que tamén poderían ser rexistradas e constituír unha denominación de orixe propia en Galicia.

Existen indicios da existencia doutras sete variedades autóctonas de oliveira

A investigadora da MBG explicou que nun primeiro momento non había moitas expectativas nunha liña de investigación aberta hai cinco anos pero os resultados foron sorprendentes. “É un proxecto con moito percorrido e creo que pode chegar a ser tan importante como a viticultura nalgunhas zonas de Galicia”, indica a investigadora que apunta a existencia de bosques con oliveiras centenarias na comarca de Quiroga, en Valdeorras ou en diversos puntos da provincia de Pontevedra.

Nestes momentos na MBG se está a analizar o ADN de 50 oliveiras centenarias que poden levar a descubrir novas variedades autóctonas. Martínez indicou que haberá que realizar un estudo en profundidade para analizar as calidades organolépticas de cada variedade e ver cales poden ser máis indicadas para a súa produción para o consumo. Na súa opinión, tanto as vides como os oliveiras teñen unha orixe silvestre en Galicia que logo deron lugar ás variedades hoxe existentes. “Herrera xa falaba da existencia de oliveiras en Galicia no século XII”, sinala Martínez.

A científica da MBG cre que xa no primeiro ano este proxecto pode obter resultados importantes e podería chegar a recoñecerse en breve prazo as variedades Brava e Mansa. Martínez apunta tamén que a acidez dos solos galegos poden xogar a favor da calidade dos aceites, como xa sucedeu no caso dos viños.

“Herrera xa falaba da existencia de oliveiras en Galicia no século XII”

Pola súa banda, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, mostrouse convencido da viabilidade deste proxecto, que a institución apoia con 250.000 euros e indicou que Galicia debe aspirar a diferenciarse no mercado de aceite de oliva coas súas variedades autóctonas xa que “non ten sentido competir coas variedades xa asentadas no mercado”.

O presidente da Asociación de Produtores de Aceite de Oliva de Galicia (APAG), José Antonio García, explicou que a asociación vai colaborar neste proxecto e agarda que poda dar como resultado a creación de una denominación de orixe para as variedades galegas. Actualmente APAC conta con 71 socios que explotan cerca dun centenar de hectáreas de oliveira en Galicia.

O proxecto levará a cabo unha prospección exhaustiva e marcado de novos exemplares de oliveiras centenarios nas catro provincias galegas. Farase recolección de oliva, mostras foliares, etc para a súa posterior caracterización molecular, botánica e agronómica. Finalmente, se procederá á obtención e caracterización de aceites e a posta a punto da técnica de enraizamento de cada unha das variedades obtidas.

2 respostas a ““O aceite de oliva pódese converter nunha nova viticultura””

  1. Locho

    Na bisbarra de Monterrei o cultivo da oliveira foi habitual ata hai pouco tempo e recolliamos a oliva pra curtila e consumila e ainda hoxe, en desuso, existen dous muiños de aceite en dúas aldeas da comarca.

  2. Humberto

    No pobo de Cobas de Valdeorras , no concello de Rubiá; existen oliveiras centenarias sin identificar a súa variedade; tendo en conta o aillamento xéografico do lugar en tempos , pode ser unha opción nova a investigar. Saúdos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.