Xoves 28 Marzo 2024

A vacaloura, unha icona galega en perigo

A vacaloura, tamén chamada escornabois (Lucanus cervus) é un dos insectos que máis pegada deixou na cultura popular galega. A particular apariencia dos machos, cunhas mandíbulas moi desenvolvidas, semellantes a cornos, desatou a imaxinación de moitas xeracións de nenos e maiores do país. Autores como Risco, Cabanillas ou Bouza Brey recolleron cántigas e lendas sobre as supostas propiedades sandables deste insecto. Os máis novos tamén lembrarán a canción de Carmiña Vacaloura que o Maestro Reverendo lle adicou no Xabarín Club.

É, xunto ao capricornio, o escaravello de maior tamaño de Europa

Non en tanto, a actividade forestal e humana das últimas décadas afectou ao seu hábitat e provocou a redución da súa poboación. No 2016 foi declarada “Especie do Ano na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo“, unha iniciativa que desenvolve o grupo Hábitat.

Publicidade

A vacaloura é, xunto ao capricornio (Cerambyx cerdo), o escaravello de maior tamaño de Europa. “Pertence á Familia Lucanidae, que na Península Ibérica consta de 9 especies. En Galicia temos 5, onde esta especie dende logo, é a máis espectacular”, explica Pablo Torrella, conservador do museo da Sociedade Galega de Historia Natural e un dos principais expertos neste insecto.

A vacaloura femia ten un tamaño menor e unhas mandíbulas máis curtas, aínda que tamén fortes. Foto: Ignacio Delgado.
A vacaloura femia ten un tamaño menor e unhas mandíbulas máis curtas, aínda que tamén fortes. Foto: Ignacio Delgado.

O gran tamaño das mandíbulas dos machos é, segundo Torrella, unha clara mostra da selección natural que observou Charles Darwin. As vacalouras macho válense das súas mandíbulas para loitar entre elas na procura das femias. Así, “as diferenzas de tamaño de mandíbula son de vital importancia ecolóxica para os exemplares, xa que os que maior tamaño presentan son os que terán maior posibilidade de saír vencedores desas loitas”, sinala o experto. As femias, pola súa banda, teñen unhas mandíbulas moito máis curtas, polo que é sinxelo diferenciar esta especie en canto ao sexo.

Nos ecosistemas galegos, a vacaloura xoga un papel moi importante para contribuír ao “enriquecemento do solo dos bosques e á rexeneración e formación do humus, tanto por medio da súa alimentación como grazas aos seus detritos”, segundo destaca Pablo Torrella. O insecto aliméntase de madeira descomposta de grandes árbores caducifolias (sobre todo carballos e castiñeiros) e, ao tempo, serve de alimento a especies como “as aves nocturnas, os petos carpinteiros, ourizos, teixugos ou raposos”.

O monocultivo de eucalipto e os lumes ameazan a súa supervivencia

Debido á súa alimentación, a deficiente xestión forestal de Galicia tamén afecta á vacaloura. O retroceso das fragas e os lumes comprometen, segundo Torrella, o futuro deste insecto. “As principais ameazas para a especie son a introdución de especies vexetais foráneas, en especial o monocultivo de eucalipto,e a conseguinte desaparición e fragmentación do seu hábitat por estradas con tráfico rodado; os lumes e a obsesiva recollida de madeira ‘morta’ dos bosques co fin de evitar a propagación dos incendios. A nivel ibérico hai constancia de captura de exemplares para a súa venda”, sinala Pablo Torrella.

Así, diferentes organizacións estatais e internacionais sitúan á vacaloura nunha situación comprometida. Segundo explica Torrella, “esta especie está contemplada como de “preocupación menor” no “Atlas y Libro Rojo de los Invertebrados Amenazados de España” publicado pola Dirección General de Medio Natural y Política Forestal do Ministerio de Medio Ambiente”. A Unión Europea recolle á vacaloura no Apéndice III do Convenio de Berna e no Apéndice II (“Especies de Artrópodos de interese comunitario para cuxa conservación é preciso designar zonas especiais de conservación”) da Directiva Hábitats.

Con respecto a Galicia, a SGHN sinala que o insecto está localizado no 38,9% das cuadrículas UTM 10×10, segundo o Atlas e libro vermello de Carabini, Cychrini e Lucanidae de Galicia”, editado pola entidade en 2013.

Pablo Torrella explica que a vacaloura “aínda que non chega a cumprir o rango ou criterio de Vulnerable na Categoría UICN (inventario de carácter mundial sobre o estado de conservación das especies), si podemos sospeitar que é probable que o cumpra nun breve prazo de tempo”.

Ata 5 anos en estado larvario

O ciclo de vida da vacaloura presenta “unha metamorfose completa (adulto-ovo-larva-pupa-adulto). A fase adulta é a máis curta, xa que apenas viven vinte días, alimentándose do zume dalgúns froitos e das fendas nas codias das árbores. Pola súa duración, destaca a fase larval, na que poden estar entre un ano e máis dun lustro. Nesta etapa é “cando máis alimento consume, “polo que o seu tamaño pode acadar os 10 cm de lonxitude”, sinala Torrella. “A pupación lévase a cabo no interior da madeira, ao pé da árbore, na parte inmediatamente inferior soterrada. Realízana nunha cámara creada pola larva con restos de madeira e pó ou terra. Os adultos nacen en outono, pero non abandonan a cámara pupal ata a chegada do verán, que é cando emerxen en Galicia”, explica o experto da SGHN.

11 COMENTÁRIOS

  1. Son un veciño de Cambre na provincia da Coruña . Teño un terreo que merquei fai uns anos , poboado de carballos e castiñeiros vellos . Atopei un tocón enorme dun eucalito . dun metro de diámetro na mesma finca , escarabellando na sua tona xa media podre por fora sorprendeume atopar unha cantidad enorme tanto de larvas como de adultos . Quero decir que creo que este insecto so necesita madeira vella e podre , non importa o tipo de arbore , xa que os teño atopado tamén en pinares .Fago esta referencia en relación o argumento deste artigo de que o seu retroceso e debido a invasión de especies foráneas como o eucalito

  2. Onte tiven un nás Mans, na Terra de Celanova, precioso, inda que non tiña as medidas que recordó de hay 50 ou 60 anos.

  3. Mejor paí chamáballe escornabois e fai pouco tiven a sorte de ver Unha na ventana da miña habitación e retratéina.

  4. No Salnés, en Caldas, chamámoslle “carrouchos”.
    Sempre estaban nun carballo medio seco e había nunha carballeira preto da miña casa.
    Agora vense moi poucas, unha mágoa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.