Martes 16 Abril 2024

A toupa de río loita pola súa supervivencia

“Parece un mosaico feito a cachos con restos anatómicos doutros mamíferos, con pequena trompa de elefante, con pel de castor, con extremidades de batracio…”. Así falaba Félix Rodríguez de la Fuente da toupa de río, un mamífero que, debido ao seu modo de vida, nocturno e semiacuático, é un gran descoñecido para moita xente. De feito, Rodríguez de la Fuente e o seu equipo foron os primeiros que conseguiron captar imaxes en vida deste animal.

En 1863 foi descrito por primeira vez en Galicia

En Galicia, o Galemys pyrenaicus foi descrito por primeira vez no ano 1863 no libro Fauna Mastológica de Galicia, de Víctor López Seoane. Este naturalista deulle os nomes de aguaneira e rata do almiscre, debido á sustancia untuosa que segrega para impermeabilizar a súa pelaxe, co fin de facilitar as súas continuas inmersións na busca de alimento. Segundo López Seoane, a toupa de río atopábase “con algunha frecuencia” á beira dos ríos e pozas, principalmente na provincia de Lugo. O certo é que é unha especie endémica da península Ibérica, e debe o seu apelido (pyrenaicus) a que foi descrita por vez primeira vez en 1811 a partir dun exemplar atopado en Tarbes, ao pé dos Pireneos. Pertence á tribo dos desmanini, da que só existe outra especie, a Desmana moschata, que habita en Rusia e ten un tamaño maior.

Publicidade

Esta especie, coñecida en castelán como desmán ibérico, pertence á familia dos tálpidos, da que tamén forman parte as toupas terrestres, pero seguiu un camiño evolutivo á marxe destes animais. Desenvolveu adaptacións ao medio acuático, así que en vez de mans feitas para cavar, ao contrario que os seus curmáns terrestres, ten unhas membranas interdixitais que a habilitan para nadar con axilidade e unhas fortes patas traseiras. Porén, a súa principal ‘arma’ é o órgano de Eimer, unha especie de sensor situado arredor das fosas nasais que capta calquera cambio físico no entorno. É moi sensible ás vibracións da auga e aos obstáculos, polo que lle serve de gran axuda para buscar alimento, e compleméntase coas vibrisas que a toupa ten por todo o corpo.

Nas últimas décadas, a súa poboación vén experimentando un importante retroceso debido a varias ameazas que comprometen a súa supervivencia. Xa está considerada como “especie vulnerable” segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). Amais, a toupa de río é un bo indicador da boa calidade das augas, xa que se alimenta de insectos moi sensibles á contaminación, polo que a ausencia destas especies complica o seu desenvolvemento.

A longa cola é outra das sinais de identidade da toupa de río.
A longa cola é outra das sinais de identidade da toupa de río.

A toupa de río debería estar moi presente no país dos mil ríos, pero a realidade é distinta. Os expertos sinalan varios factores que explican a súa situación vulnerable. As barreiras artificiais que se crean nos ríos, como as presas e os encoros, o colmatación dos leitos debido a estas obras, a redución dos caudais para a súa utilización na rega, o deterioro do bentos, a contaminación da auga e a perda da vexetación propia das ribeiras dificultan a supervivencia deste mamífero. En Galicia hai que sumar tamén a presenza do visón americano, que invadiu algunhas zonas do país tras, entre outras causas, ser liberado das granxas por colectivos animalistas. Un feito que, lonxe de beneficiar á natureza, pon aínda máis en risco a supervivencia da toupa de río, xa que o visón é un dos seus principais depredadores. Fronte a todo isto, o Ministerio de Medio Ambiente elaborou en 2013 unha estratexia de conservación a partir da cal se puxeron en marcha actuacións nas rexións do Estado nas que habita o animal.

En Galicia, entre 2010 e 2015 a Consellería de Medio Ambiente da Xunta coordinou, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e Augas de Galicia, o Plan Margal Ulla, financiado cos fondos Life+ da Unión Europea. Os traballos, que se levaron a cabo na bacía do Río Ulla, tiñan por obxectivo mellorar a calidade deste ecosistema fluvial e crear as condicións precisas para a recuperación do Galemys pyrenaicus e do mexillón de río. Os resultados deste proxecto, no que se investiron máis de tres millóns e medio de euros, evidenciaron que a toupa de río estaba presente en gran parte do curso do Ulla, o que fixo crecer as esperanzas da súa conservación. Non en tanto, esta recuperación pode verse freada, toda vez que as obras que é preciso realizar na bacía deste río para convertelo nun espazo máis habitable para este mamífero están paralizadas ou aprazadas por causa das barreiras administrativas, económicas e técnicas.

4 COMENTÁRIOS

  1. nos pequenos regatos e nas presas dos muiños do rio umia ainda e comun na zona sur do concello da estrada, ademais o nome popular nasta zona e aguaneira

  2. A mediados dos sesenta estaba presente nos regatos e levadas do casco urbán no Porriño, a finales dos setenta xa tiñas que ir ós cursos altos dos regatos do municipio para velo, o último que vin foi a mediados dos oitenta nun regato de Budiño

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña