Sábado 20 Abril 2024

A galega que chega ao corazón dos chimpancés

Rebeca Atencia naceu en Ferrol pero vive no corazón de África, na República do Congo. Alí dirixe un centro da Fundación Jane Goodall, que estuda aos chimpancés que viven en liberdade nestas selvas. Máis dunha década leva Atencia traballando con estes primates e xa foi protagonista de vídeos que deron a volta ao mundo, como o da liberación de Wounda, en 2014. Agora Atencia, xunto a un equipo da Universidade Complutense de Madrid, publica un estudo sobre o corazón dos chimpancés que cambia o concepto que se tiña sobre a saúde cardíaca destes animais. E que pode axudar a envitar as mortes por infarto que padecen en catividade.

Atencia ausculta a un chimpancé.
Atencia ausculta a un chimpancé.

Nun estudo realizado en 102 chimpancés nados en liberdade na, un equipo internacional de científicos, con participación da Universidade Complutense de Madrid e da primatóloga galega Rebeca Atencia, da Fundación Jane Goodall, demostrou que os electrocardiogramas destes animais son moi diferentes aos dos humanos, algo que se descoñecía ata agora. Utilizar esta proba podería servir como ferramenta de diagnóstico precoz para evitar mortes súbitas cardíacas nestes primates.

Publicidade

A principal causa de morte en chimpancés en catividade ten orixe cardíaca, algo que garda similitudes coa especie humana. Con todo, a causa é diferente xa que, a diferenza dos humanos, estes ataques non teñen que ver coa arteroesclerose (endurecemento de arterias), senón con procesos patolóxicos que predispoñen aos animais para sufrir arritmias fatais.

“Numerosos veterinarios describiron casos de mortes súbitas de orixe cardíaca en grupos de chimpancés en catividade, pero existe pouca información sobre métodos de diagnóstico e prevención”, explica Luis Revuelta, investigador do departamento de Fisioloxía Animal da Universidade Complutense de Madrid (UCM).

O estudo permitirá previr as mortes súbitas dos chimpancés en catividade

Un dos principais problemas para realizar un diagnóstico preciso de patoloxías cardíacas é a falta de valores de referencia específicos para a especie. Nun estudo publicado en American Journal of Veterinary Research, Revolta e un equipo internacional de científicos estableceron estes rangos de referencia, utilizando electrocardiogramas nunha comunidade de 102 chimpancés do Centro de Rehabilitación Tchimpounga (República do Congo), que dirixe a galega Rebeca Atencia.

“Ata agora, non se estableceron os rangos de referencia para esta especie, polo que moitos veterinarios utilizaban os parámetros considerados normais noutros primates, como os humanos”, destaca Atencia.

As probas realizáronse entre 2009 e 2013. Os animais, nacidos en liberdade, eran de dúas especies: centrais (Pan troglodytes troglodytes) e orientais (Pan troglodytes schweinfurthii).

Atencia destaca as importantes diferenzas do corazón dos humanos e dos chimpancés

Os resultados revelaron que usar as referencias humanas, como se facía ata agora, pode non ser apropiado, posto que os chimpancés rexistraron outros valores. “Neste estudo obsérvase claramente que no electrocardiograma do chimpancé existen características específicas de condución do impulso eléctrico e estruturais da fisioloxía do corazón que dan lugar a un ‘electro’ característico e diferente doutras especies de primates”, subliña Revuelta.

En canto aos aspectos estruturais do corazón, “se tomásemos valores da especie humana, o 30% dos chimpancés adultos e o 24% dos mozos clasificaríanse con hipertrofia do ventrículo esquerdo”, indica Rebeca Atencia. Con todo, segundo os autores, non existe tal doenza, xa que responde á morfoloxía propia dos ventrículos dos animais.

En canto ás patoloxías detectadas, varios chimpancés padecían bloqueos de rama (un defecto no sistema de condución eléctrica do corazón) e un deles, parecía sufrir a síndrome de Wolf Parkinson White, de preexcitación dos ventrículos do corazón.

“Canta máis información obteñamos sobre os aspectos fisiolóxicos do funcionamento do corazón nesta especie, maior coñecemento poderemos ter da orixe da aparición de arritmias fatais”, conclúe Atencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Febre de Lassa: cal é o risco do novo gromo xurdido en África?

Durante as primeiras semansa de 2023, Nixeria notifica 244 infeccións, 37 mortes e unha taxa de letalidade que xa se sitúa no 15,1%

Así salvou a discípula galega de Jane Goodall a chimpancé Wounda

Rebeca Atencia, directora do Instituto Jane Godall no Congo, protagoniza un vídeo no que debulla o proceso de salvamento

A galega discípula de Jane Goodall: “Cando te abraza un chimpancé parece que te abraza unha persoa”

Rebeca Atencia, directora do Instituto Jane Godall no Congo, protagoniza un documental sobre a maior reserva da especie en África

Descobren unha rede social de hai 50.000 anos en África grazas a cascas de ovos de avestruz

O achado establece unha conexión este-sur no continente como a máis antiga e longa xamais identificada, chegando a abarcar 3.000 quilómetros