Xoves 28 Marzo 2024

A concha de mexillón descontamina augas con mercurio

A contaminación por mercurio xera unha gran preocupación debido á súa elevada mobilidade no medio ambiente e á súa capacidade de bioacumularse na cadea trófica e polo tanto afectar ao ser humano. En resposta a este problema, entre outras liñas de actuación, trabállase no estudo da capacidade que teñen diferentes materiais adsorbentes para inmobilizar este metal pesado. Na súa tese de doutoramento, a investigadora Susana Peña puxo a proba esta capacidade no caso da concha de mexillón, tendo en conta que Galicia é, tras China e Tailandia, un dos maiores produtores mundiais deste produto. Os resultados demostran o alto potencial descontaminante de mercurio da concha de mexillón.

Susana Peña.
Susana Peña.

A tese, presentada este curso na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, foi dirixida polo profesores da Universidade de Vigo Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias e levou por título Influencia dos procesos edáficos na distribución de Hg en solos naturais e aplicación de residuos agroalimentarios na inmobilización de Hg. O estudo, explica a investigadora, marcouse tres obxectivos principais. O primeiro foi coñecer o papel dos compoñentes dos solos e dos procesos edafoxenéticos na distribución e comportamento xeoquímico de mercurio en solos non contaminados con este metal. O segundo foi estimar os factores de enriquecemento de mercurio que presentan os solos. Por último, a investigación avaliou “a potencialidade da concha de mexillón, un residuo de baixo custe derivado da industria alimentaria, na eliminación de mercurio en masas de augas contaminadas”.

Publicidade

A produción do mexillón en Galicia foi no 2012 de 227.233 toneladas

A elección deste material para a realización do estudo, apúntase na tese, debeuse á relevancia que ten no sector produtivo galego. Segundo os datos recollidos nela e tomados do Instituto Galego de Estatística, a produción de mexillón en Galicia no ano 2012 ascendeu a 227.233 toneladas, correspondendo a algo máis do 12% da produción mundial. “Estímase que arredor de 120.000 toneladas de mexillón son procesadas cada ano en Galicia pola industria conserveira, xerándose grandes cantidades de residuos, principalmente conchas”, comenta a doutora. A concha supón arredor dun 32% do peso total do mexillón, polo que en Galicia a cantidade de residuo de concha de mexillón xerado variaría entre 65.000 e 94.000 toneladas, dependendo da produción anual. Dada esta elevada cifra, comenta Susana Peña, xorde a necesidade para o sector de buscar alternativas de reutilización destes residuos co obxectivo de minimizar os riscos ambientais que poidan derivarse da súa acumulación no medio natural ao mesmo tempo que se abren novas fontes de ingresos.

Segundo recolle o investigación, a pesar de que existen estudos sobre o uso da concha de mexillón para a depuración de augas e estudos doutros materiais para inmobilizar mercurio, a capacidade de adsorción de mercurio por parte de material derivado dos residuos de concha de mexillón apenas foi avaliada con anterioridade. Esta alternativa foi analizada por Susana Peña na súa tese de doutoramento valorando diferentes graos de procesamento previo da concha de mexillón (moenda fina, moenda grosa e calcinado) e tamén valorando a interferencia na inmobilización de mercurio pola concha de mexillón por parte doutros elementos habituais en augas contaminadas, como fósforo. Durante a investigación realizáronse experimentos de adsorción-desorción de mercurio empregando dúas aproximacións metodolóxicas diferentes, tipo batch e en cámara de fluxo axitado.

A investigación abre unha nova vía de negocio no sector do mexillón

Na investigación atopouse que “a concha de mexillón calcinada é o material co máis alto potencial de adsorción de mercurio e a porcentaxe máis baixa de desorción de mercurio entre os tres tipos de concha estudados”. Esta concha calcinada amosou tamén a porcentaxe máis alta de calcita na súa composición e a única que contiña dolomita. “A alta irreversibilidade dos procesos de adsorción amosa o alto potencial descontaminante da concha de mexillón calcinada”, sinala a investigadora. Como mostra do seu potencial para purificar auga contaminada con mercurio, indica que nos experimentos con cámara de fluxo axitado realizados un solo gramo de concha de mexillón calcinada podía reducir á metade a concentración de Hg2+ nun volume de auga contaminada próximo aos 500 ml. A presenza de fósforo, detectouse no estudo, aumenta a adsorción de mercurio por parte das mostras de concha nos dous tipos de aproximacións experimentais avaliadas. “Tanto a concha calcinada como a triturada serían útiles para a eliminación de mercurio, tanto en presenza como en ausencia fósforo en disolución, obténdose mellores resultados coa calcinada pero coa contrapartida dun maior custe de produción na obtención deste residuo”, afirma a investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

Os mariscos cultivados polo home son máis resistentes á extinción

Os moluscos bivalvos como as ostras, as vieiras e os mexillóns filtraron auga e alimentaron os humanos durante milenios