Xoves 28 Marzo 2024

As 34 praias galegas nas que non deberías bañarte este verán

O informe anual sobre a calidade das augas de baño que elabora a Axencia Europea de Medio Ambiente deixa boas noticias para o verán nas praias costeiras e fluviais galegas, aínda que seguen persistindo decenas de puntos conflitivos. As zonas de baño nas que se desaconsella o baño debido á presenza de bacterias fecais nas súas augas baixa de 40 a 34. Unha cifra que segue sendo maior que no ano 2016, cando se contaban 33.

Galicia suma máis do 30% das zonas de baño de calidade insuficiente en toda España (12 nun total de 38)

En 15 delas (sete praias na costa e oito no interior), as análises periódicas realizadas durante a tempada de baño de 2017, período de referencia segundo os requisitos da normativa europea, amosaron a presenza de bacterias Escherichia coli e/ou o enterococo intestinal en niveis que obrigan a cualificar de insuficiente a calidade da auga. Galicia acumula, deste xeito, máis do 30% do total das zonas de baño de calidade insuficiente de toda España (38). Cómpre reseñar tamén que con estes datos, só superarían a Galicia nesta lista catro países da UE: Francia (80), Italia (79), Reino Unido (21) e Países Baixos (20).

Publicidade


A estes 15 resultados negativos hai que sumar outros 19 puntos con prohibición permanente de baño debido á sucesión de cinco anos seguidos con resultados que incumprían a directiva europea. Unha cifra de bacterias fecais que se sitúe por riba dos valores de referencia adoita relacionarse con vertidos de augas residuais e/ou fecais procedentes da agricultura, da gandería ou dun deficiente sistema de saneamento.

Todos os puntos con calidade insuficiente deste ano repiten respecto a 2017. E ademais, hai unha nova incorporación. A calidade da auga da zona de baño do río Limia no Concello de Baltar pasa de “suficiente” a “insuficiente”.

Once zonas de baño melloraron a calidade “insuficiente” coa que aparecían na lista do pasado ano

Pero hai tamén unha parte positiva: en once zonas de baño (as praias de Arnados-Razo, en Carballo; Gandarío 1 e 2, en Bergondo; Delicias, en Sada; Raxó, en Poio; Sobreira, en Moaña; Arealonga, en Redondela; e A Foz, en Vigo e as zonas fluviais do río Eume, nas Pontes; O Coiñedo, na Veiga; e o río Támega, en Verín), acadan este ano a calidade necesaria para que sexa permitido o baño despois de ter calidade insuficiente no informe de 2017.

O informe europeo non recolle as análises realizadas en tres destes areais (Gandarío, Delicias e Arealonga), pero a información dispoñible na web do Servizo Galego de Saúde si recolle que a súa calidade xa non é insuficiente. No caso de Gandarío, a calificación é excelente na zona esquerda da praia e boa na dereita, mentres que en Delicias e Arealonga é excelente.

Hai tamén tres zonas de baño (as praias de Cabana, en Ferrol; e Banda do Río, en Bueu e a zona de Vilarello, en Valga) fóra do censo oficial, pero nas que as medicións realizadas achegaron uns niveis de calidade insuficiente.

Ademais, en Caranza (Ferrol) e Sardiñeiro (Fisterra) a prohibición mantense, aínda que están baixo avaliación despois de terse realizado obras para subsanar a calidade insuficiente da auga.

A exposición a estas bacterias fecais pode provocar problemas de saúde, en moitos casos dixestivos, pero tamén respiratorios, polo que a normativa obriga a desaconsellar o baño nestas zonas e insta ás autoridades a tomar as medidas necesarias para corrixir a situación. Ademais, en caso de que a mala calidade das augas se prolongue no tempo (a norma marca un período de cinco anos consecutivos con calidade insuficiente), estas zonas de baño son excluídas do censo ata que non se realicen actuacións encamiñadas a solucionalo, e nin sequera se realizan medicións.

Zonas nas que se desaconsella o baño no verán de 2018:

Calidade insuficiente:

– Praias: A Concha (Cariño), Lires e Estorde (Cee), Virxe do Camiño (Muros) e Agrelo (Bueu).

– Áreas fluviais: río Tambre, en Niñáns (Brión), río Furelos (Melide), río Rois, en Seira (Rois), río Parga (Guitiriz), río Neira (Baralla), río Chamoso (O Corgo) e río Limia (Baltar).

Zonas excluídas do censo:

– Praias: Penoural (Burela), A Cabaña (Ferrol), Barallobre (Fene), Centroña e Ver (Pontedeume), Regueiro (Bergondo), Santa Cruz Porto (Oleiros), Ría de Barrañán (Arteixo), Camelle e Area da Vila (Camariñas), A Concha (Cee), Testal-Taramancos (Noia) e Peralto (Boiro).

– Zonas de baño no interior: río Saa (Pobra de Brollón), San Clodio (Ribas de Sil), A Bola (zona recreativa do Río Orille) e río Arzoá (Vilardevós).

Zonas con medicións calidade insuficiente, fóra do censo oficial:

Praias que tras realizar obras de mellora se atopan en avaliación:

– Sardiñeiro (Fisterra) e Caranza (Ferrol).

Podes descargar aquí o informe completo da Axencia Europea do Medio Ambiente.

 

6 COMENTÁRIOS

  1. Na praia de Testal-Taramancos din que non se pode bañar a xente, pero dos berberechos e das ameixas non din nada nunca, non debe haber nigun problema en comelos, deben ser sanisimos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli