Venres 19 Abril 2024

Pedaleando ata Marrakech contra o cambio climático

Atrás quedan tres días pedaleando ao longo de máis de 300 quilómetros nunha bicicleta eléctrica por terras marroquís e unha cuarta xornada participando en diversos eventos celebrados ao abeiro do Cumio do Clima COP22 de Marrakech. Hoxe, xa de volta no seu despacho da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, o catedrático Xavier Labandeira refírese a súa participación na Moving for Climate NOW como “unha grande e inesquecible experiencia, “pola súa compoñente de sensibilización social, atravesando zonas remotas de Marrocos e pola capacidade de compartir coñecemento e vivencias desde moitos puntos de vista”.

O economista, xunto a representantes, de empresas, institucións e organizacións comprometidas coa loita polo cambio climático, participou nas tres últimas etapas da Moving for Climate NOW, unha iniciativa da Red Española del Pacto Mundial de las Naciones Unidas e Iberdrola, que en total percorreu 1100 quilómetros en 10 etapas co obxectivo de transmitir á sociedade a urxencia de combater o cambio climático, a necesidade de unir esforzos desde todos os ámbitos e a esixencia de actuar con rapidez e ambición. Xa en Marrakech, na COP22, que onte baixou o pano coa aprobación dunha declaración de apoio ao Acordo de París, o economista vigués, como integrante da delegación da Unión Europea, tomou parte en varios eventos que tiveron lugar nas delegacións de EEUU, dos países africanos e da propia UE.

Publicidade

Xa en Marrakech o economista vigués participou en varios eventos do Cumio do Clima

Enfrontando tramos de moito desnivel no pre-Atlas e coa precaución de non esgotar a batería da bicicleta eléctrica, o percorrido discorreu, segundo o docente de investigador da Universidade de Vigo, por zonas “autenticamente espectaculares”. Foron 350 quilómetros ao longo dos que se sucederon moitas imaxes para o recordo, como a das nenas e nenos fronte aos colexios que aplaudían ao paso da marcha ou a dos debates, que as e os participantes na marcha realizaban ao remate de cada etapa. “Gustoume moito a énfase xenérica na necesidade de actuar xa e coa involucración de todos, non por que eu sexa un activista, senón porque o noso traballo de investigación así o sustenta. Tamén aprendín moito sobre financiamento e cambio climático e nas conversas cos colegas, mentres pedaleabamos”, explica Labandeira, que liderou un dos debates centrado no papel dos instrumentos económicos na loita contra o cambio climático, falando dos impostos e mercados, o tema no o que o seu grupo de investigación, Rede, traballa desde mediados dos anos noventa.

A participación na marcha ciclista finalizou o mércores cun acto no que as e os participantes fixeron entrega en Marrakech á ministra española de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Isabel García Tejerina e ao comisario europeo de Acción por el Clima y Energía, Miguel Arias Cañete, dun manifesto no que se avoga pola actuación de todos os actores grandes e pequenos, públicos e privados, movendo todas as pancas de cambio e facéndoo xa.

Dun cumio cun compoñente técnico moi importante de desenvolvemento do Acordo de París en aspectos como a verificación e transparencia no reporte de emisións ou o financiamento climático, Labandeira destaca tamén a posta en marcha de dúas iniciativas paralelas á negociación climática: “a declaración dos gobernos, que sen ter forza legal, busca dar un impulso ás medidas contra o cambio climático e, os denominados campións climáticos, neste caso representantes dos países que organizaron as dúas últimas COPs: Francia e Marrocos, que busca involucrar a empresas, cidadáns e outros axentes sociais no gubernamentais na loita contra o cambio climático”.

“Esperemos que a administración Trump manteña os compromisos de redución de emisións para o ano 2050”

Neste sentido, o catedrático vigués considera que, se ben, os decisores políticos teñen un papel moi importante que xogar na definición dos marcos regulatorios que faciliten a redución das emisións a través de novas tecnoloxías e/ou de cambios nos comportamentos da cidadanía e as empresas, “todos, e aquí recupero o que nos moveu na marcha a Marrakech, incluíndo empresas e cidadáns, estamos chamados a participar no importante esforzo que nos espera nos próximos anos”, afirma.

Unha das noticias máis relevantes da COP22 foi, segundo Labandeira, a presentación por parte do goberno de EEUU dun ambicioso obxectivo de redución de emisións para o ano 2050, que situaría á economía norteamericana ao borde da descarbonización. “Esperemos que administración Trump manteña estes compromisos tan positivos que lega Obama, aínda que, as declaracións nos últimos meses do presidente electo sobre este tema no fan presaxiar nada bo neste campo. Dado que EEUU é un actor clave na negociación climática internacional, sería moi preocupante que se retirase do Acordo do París ou que non tomase as medidas necesarias para cumprir cos compromisos xa anunciados na súa ratificación”, advirte Labandeira, que en calquera caso asegura que cómpre esperar a ver que decisións adopta Trump nos próximos meses.

Pola súa banda, o economista vigués continuará a compatibilizar o seu traballo na Universidade de Vigo coa dirección de FSR Climate no IUE de Florencia, moi interesado na avaliación económica das políticas climáticas europeas, “en particular do mercado europeo de comercio de emisións, os impostos enerxético-ambientais e as políticas de eficiencia enerxética, non só a nivel da UE, senón tamén das políticas nacionais e subnacionais”, explica Labandeira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático