Sol na praia

Sol na praia

2014 foi case un grao máis cálido e un 17% máis chuvioso en Galicia

O mes de outubro foi o máis quente desde 1961 e o pasado ano, un dos máis chuviosos deste século

2014 foi un ano máis cálido do normal en Galicia, cunha temperatura 0.8ºC por riba do valor medio da serie 1971-2000. En canto á precipitación, foi tamén lixeiramente máis húmido, cun exceso dun 17% respecto ao valor medio, a terceira desviación máis alta desde o ano 2000. Estas son as principais conclusións do Informe Climatolóxico referido ó ano pasado que acaba de publicar MeteoGalicia, o servizo metereolóxico dependente da Consellería de Medioambiente.

O informe analiza os datos de temperatura e precipitación e a súa evolución no tempo, considerando o período de referencia 1971-2000. Segundo os datos verificados, en 2014 producíronse anomalías climáticas. Así, o valor da temperatura media foi case un grao —en concreto, 0.8ºC— superior ao valor medio de referencia. Esta anomalía foi especialmente notable no mes de outubro, que foi o máis cálido desde o ano 1961.

Temperaturas

A temperatura media o ano pasado foi de 14,2 ºC, fronte a media de 13,3ºC do período 1961-1990 e os 13,4ºC entre 1971-2000.

 Evolución da temperatura media en Galicia 1961-2014

Evolución da temperatura media anual ó longo do período 1961-2014. Fonte: MeteoGalicia.

O mes de xaneiro tamén foi un mes cálido, con temperaturas mínimas elevadas; porén, febreiro foi frío tendo en conta as temperaturas máximas. En marzo, abril e principios de maio tamén se rexistraron temperaturas lixeiramente máis cálidas do normal. Esta tónica cambiou na segunda metade de maio, que resultou frío. Sen embargo, xuño tamén foi máis caloroso, especialmente na metade norte de Galicia. A normalidade na temperatura chegou no mes de xullo, no que non se rexistraron episodios de elevadas temperaturas debido á presenza de aire frío en capas medias e altas da atmosfera, e continuou cun mes de agosto frío para a época do ano. En setembro, as temperaturas foron en xeral máis altas do habitual e o outono proseguiu con altas temperaturas, con outubro como o mes máis cálido da serie histórica, que comprende os anos 1961-2014. O mes de novembro tamén destacou por presentar temperaturas mínimas máis altas das normais. O ano rematou cun mes de decembro que se pode caracterizar como frío pero moi preto da normalidade. “Cabe polo tanto cualificar o 2014 en conxunto como un ano cálido”, conclúe MeteoGalicia.

Mapa temperatura media en Galicia 2014

Mapa da temperatura media en Galicia no ano 2014. Fonte: MeteoGalicia.

Foron moitos os casos nos que a media das temperaturas mínimas acadaron valores inferiores aos 2ºC, obténdose os máis baixos nas zonas altas da provincia ourensá e en decembro. No conxunto de Galicia o mes que máis se repite é febreiro. Considerando o limiar dos 15 ºC, aquelas estacións situadas no litoral, onde o mar exerce un gran poder suavizante sobre as temperaturas, son as que acadaron os valores máis altos, por riba incluso dos 17ºC.

No referente ás temperaturas máximas absolutas, os valores máis altos acadáronse nos dous primeiros días de setembro, principalmente nos vales de Ourense e Lugo, achegándose ós 41ºC. En canto ás mínimas absolutas, os valores máis baixos acadáronse no sur de Ourense nos últimos días de decembro, lixeiramente por baixo dos -9ºC.

Precipitacións

En canto á precipitación, o ano 2014 foi lixeiramente húmido, cunha porcentaxe do 17% por riba do valor climático agardado, lixeiramente inferior ó acadado en 2013 (20%). Así, a precipitación media acumulada foi de 1.531 L/m2, fronte os 1.343 do período 1961-1990 e 1.329L/m2 de media entre os anos 1971-2000.

 Evolución da precipitación en Galicia 1961-2014

Evolución da precipitación anual ó longo do período 1961-2014. Fonte: MeteoGalicia

O ano 2014 comezou cunha serie de cicloxénesis explosivas que xa comezaran o 24 de decembro de 2013 e que se estenderon até o 14 de febreiro deste ano. Así, xaneiro resultou moi húmido e destacou por ser o que presentou o maior número de días de chuvia das series históricas. O paso continuo de borrascas polo Atlántico deixou tamén un febreiro moi chuvioso. Os valores de precipitación acadaron valores normais en marzo, e abril e principios do mes de maio resultaron secos. No comezo do verán as precipitacións estiveron por riba do normal no oeste e por debaixo no leste, e continuou cun xullo húmido seguido dun agosto e setembro con chuvias en valores normais. A chegada do outono estivo en gran medida caracterizada polas treboadas, moi frecuentes no último trimestre do ano, cun outubro que presentou precipitacións normais, un novembro húmido, con varios días de alerta por fortes chuvias, e un decembro que pola contra rematou seco.

 Mapa de precipitación acumulada en Galicia no ano 2014.

Mapa de precipitación acumulada en Galicia no ano 2014. Fonte: MeteoGalicia.

Os rexistros máis elevados de chuvia corresponderon ao suroeste da provincia da Coruña e interior de Pontevedra. Destaca tamén a elevada precipitación acumulada recollida nas serras setentrionais do Xistral e Faladoira e tamén no macizo de Manzaneda e Serra do Courel. Ao nordés destas zonas acadáronse mínimos pluviométricos que deixan ben patente a influencia orográfica nas precipitacións e de que os ventos que acompañan habitualmente as chuvias son de compoñente sur-suroeste.

Foron concellos de Pontevedra e sur da Coruña onde en xeral se acadaron os máximos pluviométricos, con valores por riba dos 3.000 L/m2. Pola contra, os valores mínimos de precipitación acumulada rexistrados no 2014 déronse no leste da provincia de Ourense —nas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín— ademais da comarca de Quiroga, no sur da provincia de Lugo, con valores entre 717 e 991 L/m2.

Os rexistros máis baixos en comparación co período de referencia corresponden ao norte da Coruña e puntos do sur de Lugo e oeste de Ourense, entre un 20% e un 40% por debaixo do valor normal. En canto aos maiores valores, en áreas do interior de Pontevedra acadouse unha porcentaxe entorno ao 70% por riba do normal.

Unha resposta a “2014 foi case un grao máis cálido e un 17% máis chuvioso en Galicia”

  1. Mario

    En serio é necesario que a única revista galega sobre ciencia ilustre unha nova sobre meteoroloxía cunha rapaza en tetas? De verdade?

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.