O proxecto leváno a cabo 20 investigadores das universidades de Oviedo e Cantabria

O proxecto leváno a cabo 20 investigadores das universidades de Oviedo e Cantabria

Xeólogos e médicos medirán os niveis de radón da Cova do Rei Cintolo

Os estudosos agardan atopar concentracións do gas nas fallas profundas da gruta mindoniense, a máis grande de Galicia

Investigadores de xeoloxía e ciencias médicas das universidades de Oviedo e Cantabria medirán durante os vindeiros meses os niveis de gas radón na Cova do Rei Cintolo (Mondoñedo). Así o ratifica o convenio que o Concello acaba de asinar coa Universidade de Oviedo, dentro dun proxecto xa en marcha, Geocantábrica,  nacido para estudar os procesos xeolóxicos que modelan o relevo da Cordilleira Cantábrica.  A acordo entre as dúas institucións estará en vigor até decembro de 2016.

A cova do Rei Cintolo está aberta a visitas guiadas boa parte do ano

A cova do Rei Cintolo está aberta a visitas guiadas boa parte do ano

O equipo de investigación está formado por 20 membros do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo e do Departamento de Ciencias Médicas e Cirúrxicas da Universidade de Cantabria. O profesor Sergio Llana Fúnez, coordinador do grupo de investigación Procesos geológicos modeladores del relieve de la Cordillera Cantábrica do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo (Geocantábrica), explica que esta medición pretende identificar fallas profundas con actividade en épocas recentes. Nestas fallas é moi frecuente atopar pequenas concentracións de gas radón, que á súa vez permiten a súa identificación.

A Cova do Rei Cintolo é, cos seus máis de 7 quilómetros de galerías e mesmo un lago no seu interior, a máis grande de Galicia.  Esta gruta de rocha caliza, aberta a visitas turísticas durante boa parte do ano,  forma parte dun sistema kárstico maior que se estende ao sur até Abadín. Nel aparece un sistema de fallas que probablemente teñan sufrido desprazamentos en épocas xeolóxicas recentes, así como covas  susceptibles de almacenar pequenas concentracións do radón procedente do interior da terra. Estas medicións tomaranse no aire e na auga cos aparatos axeitados e sen causar dano algún na cova nin deixar residuos de ningún tipo. Ademais da Cova do Rei Cintolo o equipo ten previsto realizar estudos semellantes en Asturias, aínda que neste caso aínda se están xestionado os permisos, que involucran a varios parques naturais.

“A presenza de radón na cova indicaríanos que a falla está activa”, explica o coordinador, Sergio Llana

“A Cova do Rei Cintolo localízase na terminación da falla de As Pontes (cuxo efecto máis notable no relevo galego é a Serra do Xistral. As fallas coma poden permitir o movemento vertical de fluidos dentro da corteza. Aínda que non é un criterio único, a presenza do radón,  que só pode vir de abaixo da corteza, indicaríanos que a falla está activa. As fallas teñen un rango de velocidades de movimento moi amplo, dende velocidades rápidas (tremores de terra) a movementos lentos que non provocan sismicidade, é dicir, son fallas asísmicas. A circulación de radón indicaría que hay conectividade, aínda que este aspecto non informa necesariamente sobre a velocidade das fallas”, explica Llana, coordinador do equipo.

“Interásannos as fallas que teñan un impacto sobre o relevo e a de As Pontes teno”, Con todo, a Cova do Rei Cintolo está no extremo oeste da que é a zona central de estudo, o segmento asturleonés da cordilleira.

O grupo de investigación da Universidade de Oviedo, financiado polo Principado de Asturias, quere identificar con este proxecto que se desenvolve en diferentes puntos do Cantábrico a evolución xeolóxica da zona a través dos procesos de inestabilidade superficial ligados ao clima e a análise de estruturas tectónicas mediante cambios no relevo.

O gas radón, ademáis se axudar á compresión de procesos xeolóxicos, é estudado con frecuencia dende a medicina, xa que á súa vez se relaciona co cancro de esófago ou de pulmón, combinado co tabaquismo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.