Venres 29 Marzo 2024

Unha viaxe ás estrelas de fin de semana no Planetario da Coruña

Aínda que o ceo estea anubrado fóra, na Casa das Ciencias da Coruña é posible ver as estrelas nun firmamento limpo, claro e abraiante. Durante as fins de semana e os días festivos, o Planetario coruñés ofrece varias sesións temáticas sobre astronomía, dirixidas a todos os públicos, desde os máis cativos ata os adultos:

A noite do vampiro (a partir de 4 anos). 12 horas

Conta a historia do conde Von Siro, un vampiro vexetariano. Vive nunha zona moi anubrada, e non pode ver as estrelas, así que contrata a un científico, Dagoberto, para que lle constrúa un simulador de ceo. Así, crea o Kinké Catódico Bicéfalo, un artefacto co que pode ver o ceo estrelado e viaxar a outros planetas.

Publicidade

Deep Sky (maiores de 6 anos). 13 horas

Un espectáculo en formato vídeo que cobre toda a cúpula, no que se describe o que se agocha tras o fondo negro da noite. Miles de estrelas brilando desde o ceo adoitan provocarnos unha sensación de infinidade e de insignificancia ao mesmo tempo. É probable que os humanos a sentísemos desde a primeira vez que levantamos a mirada. Iranse amosando as imaxes máis espectaculares obtidas polos observatorios terrestres e os telescopios espaciais enviados polo ser humano ao longo do Sistema Solar.

A nena que sabía camiñar do revés (a partir de 4 anos). 17 horas

A nena que protagoniza esta historia coñece os segredos da lúa, escoita as mareas e fala coas árbores. O que máis lle gusta é comer torta cos seus amigos mentres contempla o ceo. Por iso, aprendeu a camiñar do revés, para ter o ceo sempre baixo os seus pés. Esta historia convídanos a contemplar o ceo desde un novo punto de vista.

Unha noite de outono (en directo). 18 horas

Unha oportunidade de contemplar o ceo tal e como está na actualidade. Ao longo das estacións, dependendo do movemento de rotación e traslación da terra, o ceo vai mudando a súa imaxe, vendo estrelas e constelacións distintas, e en distintos lugares do firmamento. Ao ser unha sesión en directo, poderase falar e facer preguntas ao persoal do Planetario encargado de impartir a sesión.

Sesións especiais en directo. Último sábado de cada mes. 11 e 12 horas

O ceo para enterados” é unha charla dedicada a persoas maiores de 14 anos con coñecementos previos de astronomía. Pola súa parte, “O ceo do mes“, dirixido a maiores de 10 anos, anticípanos como vai ser o ceo nas vindeiras semanas.

Todas as actividades teñen un prezo de 2 euros para o público xeral, e 1 euro para os menores de 14 anos, maiores de 65, Carné Xove, Tarxeta Vinte, desempregados e familias numerosas).

 


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España