Sábado 20 Abril 2024

Aprender no Nadal nos Museos Científicos Coruñeses

As vacacións de Nadal son unha data inmellorable para preparar plans familiares. E se ademais se aprende sobre ciencia, mellor. Os Museos Científicos Coruñeses manteñen durante estas semanas de vacacións o seu programa de actividades, ao que tamén se incorpora algunha actividade e exposición.

Casa das Ciencias

Planetario Casa das Ciencias: Foto: Museos Científicos Coruñeses / CC BY-SA 2.0.
Planetario Casa das Ciencias: Foto: Museos Científicos Coruñeses / CC BY-SA 2.0.

O edificio do parque de Santa Margarida, coas súas exposicións permanentes sobre física, nas que está ‘prohibido non tocar’, son un lugar case máxico para os máis cativos. Amais, o planetario, que ofrece diferentes proxeccións nas fins de semana nas que se explica o firmamento, é un valor seguro para unha tarde diferente en familia. Destacan as proxeccións de A noite do vampiro, Deep sky, A nena que sabía camiñar do revés e Unha noite de outono. Podes consultar nesta ligazón os horarios das proxeccións.

Publicidade

Neste Nadal, hai que sumar tamén na axenda a exposición do calendario Ceos Galegos, coordinada por Dosi Veiga, que se amosará neste edificio desde o 21 de decembro.

Horario: de luns a venres, 10:00-19:00; sábados e domingos, 11:00-19:00; 24 e 31 de decembro, 11:00-15:00.

Domus

Neste museo explícase a orixe e a evolución do ser humano, afondando na xenética e na intelixencia do Homo sapiens. As exposicións sobre homínidos, as salas interactivas e os experimentos que poden realizar os propios visitantes son outros dos seus atractivos.

Horario: de luns a venres, 10:00-19:00; sábados e domingos, 11:00-19:00; 24 e 31 de decembro, 11:00-15:00.

Aquarium Finisterrae

Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. Foto: MC2.
Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. Foto: MC2.

A coñecida tamén como Casa dos Peixes, ao pé da Torre de Hércules, é un abraiante mundo subterráneo no que é posible camiñar baixo a auga, rodeados de todo tipo de peixes, na sala Nautilus, que recrea as obras de Julio Verne.

Amais, a gran sala Maremagnum conta con 60 paneles interactivos nos que se amosa toda a información precisa para coñecer o mundo do mar.

Nas fins de semana, previa inscrición, é posible realizar unha ruta guiada polas instalacións do Aquarium, na que o director técnico do museo explica aos asistentes como funcionan os laboratorios, a cociña ou as salas de filtración de auga, para que todo funcione perfectamente. Esta visita ten lugar os sábados a partir das 12 da mañá, e está indicada para maiores de 14 anos.

Tamén é posible, os sábados e domingos ás 11 da mañá, alimentar ás focas que viven no Aquarium. Previa inscrición, os maiores de 7 anos poderanse achegar a dar de comer aos animais, e ademais coñecerán como é a súa dieta e como se lles prepara a comida.

Horario: de luns a venres, 10:00-19:00; sábados e domingos, 11:00-20:00; 24 e 31 de decembro, 11:00-15:00.

Nota: Os Museos Científicos Coruñeses estarán pechados os días 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro