Os últimos descubrimentos sobre as ondas gravitacionais espertaron o interese de moita xente respecto sobre este fito científico. Aproveitando isto, a Agrupación Astonómica Ío, quixo convidar á Coruña unha experta neste ámbito. Alicia M. Sintes, profesora da universidade das Illes Balears e investigadora do proxecto LIGO, falará este sábado 25 na Domus a partir das 19.30 horas.
A charla, que leva por título As ondas gravitacionais: as novas mensaxeiras do universo, enmárcase dentro do programa Coruña científica: ciclo de astronomía, organizado por Ío e que conta co apoio do Concello da Coruña.
Segundo explica Sintes, a astrofísica está vivindo na actualidade unha época revolucionaria, con novas técnicas, instrumentos e teorías que están achegándonos por primeira vez respostas veraces e coherentes ás grandes cuestións da humanidade: que hai no universo, como foi o seu pasado e cal será o seu futuro. Na Coruña, a experta contará que son, como se detectaron e que información aportan para coñecer mellor o universo.
Alicia M. Sintes é profesora de Física Teórica na Universidade das Illas Baleares, e é experta na posta a punto de detectores interferométricos e o estudio de estrelas de neutróns e binarias de buratos negros. É a investigadora principal da colaboración científica LIGO en España e foi asesora científica da Axencia Espacial Europea. Escribiu máis de 190 artigos científicos, recibiu o Premio Ramon Llull 2017 do Goberno das Illas Baleares, o Jaime II do Consell de Mallorca e a Medalla de Ouro da cidade de Palma, entre outros premios, pola súa participación no descubrimento das ondas gravitacionais.