Exterior do edificio, no parque de Santa Margarida. Foto: Museos Científicos Coruñeses.

Exterior do edificio, no parque de Santa Margarida. Foto: Museos Científicos Coruñeses.

Casa das Ciencias, o lugar do “prohibido non tocar”

Il piú formidabile museo del mondo! (“O museo máis formidable do mundo!”) exclamou Umberto Eco en decembro do ano 1992, cando visitou a Casa das Ciencias da Coruña. Alí puido ver o impoñente péndulo de Foucault que preside á entrada ao edificio, o trebello que serve para demostrar o movemento de rotación da Terra, co que Eco titulou unha das súas obras máis coñecidas. Entre outras cousas, o humanista puido ver no planetario do museo como era o ceo da súa cidade, Alessandria, na noite  na que naceu, o 5 de xaneiro de 1932.

Péndulo de Foucault, situado na parte central do edificio. Foto: Facebook MC2.

Péndulo de Foucault, situado na parte central do edificio. Foto: Facebook MC2.

Do mesmo xeito que Eco, millóns de persoas fican abraiadas desde hai 32 anos coa caixa de sorpresas que garda este edificio, situado no centro do parque de Santa Margarida, o corazón verde da cidade herculina. Foi concibido a mediados do século XX como un palacete que debería funcionar como unha emisora de radio, mais, tras longos anos de abandono, acabou sendo restaurado en base a unha idea do arquitecto Felipe Peña, para instalar nel un museo científico. O 1 de xuño de 1985, os reis de España inauguraron o que naquel momento foi “o primeiro museo público interactivo do Estado”.

Foi tamén o primeiro paso dun labor de divulgación científica que o Concello da Coruña continuou máis tarde coa apertura da Casa do Home (Domus), a Casa dos Peixes (Aquarium Finisterrae), e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) converténdose nunha cidade de referencia para os amantes da ciencia, achegando tamén a divulgación aos máis cativos.

Experimento que demostra a influencia das ondas sonoras no movemento de fluídos. Foto: Flickr MC2.

Experimento que demostra a influencia das ondas sonoras no movemento de fluídos. Foto: Flickr MC2.

Desde os seus comezos, e baixo a dirección de Ramón Núñez Centella, a Casa das Ciencias levou por bandeira un lema que acabou sendo célebre: “Prohibido non tocar”. Os visitantes non se tiñan que limitar a observar coa boca aberta o que ía aparecendo ante eles, senón que tiñan que fedellar, experimentar, ulir, probar… todo o que lles pasara por diante.

Desde o péndulo de Foucault na entrada, quen chega ao edificio vaise sorprendendo a cada paso. Aparece, por exemplo, unha incubadora de poliños que dan a benvida á vida no museo. Descóbrese tamén como é posible mover obxectos cun sinxelo cambio de frecuencia de ondas, ou como unha pelota pode levitar polo efecto dunha corrente de vento, e tamén como o propio vento pode modificar o aspecto dun deserto en miniatura, ou como unha luz branca se transforma de súpeto nas cores do arco iris.

Demostración sobre os cambios de dirección e cor da luz. Foto: Flickr MC2.

Demostración sobre os cambios de dirección e cor da luz. Foto: Flickr MC2.

E na cúpula do edificio, coroando a caixa de sorpresas, aparece un planetario que nos traslada de súpeto ao centro do universo, onde se van descubrindo estrelas, constelacións e astros que nos fan caer na conta do pequeno que é o ser humano. Todos os fins de semana ofrécense sesións temáticas centradas nos máis cativos, co fin de que se acheguen ao abraiante que pode ser a contemplación do ceo.

A Casa das Ciencias é unha amena lección de física, química, bioloxía e astronomía ao alcance de todos os públicos. Un labor constante de paixón pola divulgación que o levou a ser escollido recentemente por National Geographic como un dos 30 mellores museos de España.

Información

Horario:

De xaneiro a abril: luns a venres de 10 a 18 horas; sábados, domingos e festivos, de 11 a 19.

Maio e xuño: luns a venres de 10 a 19; sábados, domingos e festivos de 11 a 19.

Xullo e agosto: de luns a domingo, de 10 a 20.

De setembro a decembro: luns a venres de 10 a 19; sábados, domingos e festivos de 11 a 19.

Prezo: 2 euros (público xeral), 1 euro para menores de 14 anos, maiores de 65, Carné Xove, desempregados e familias numerosas.

Planetario: sesións didácticas os sábados, domingos e festivos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.