Integrantes do laboratorio do grupo de Fisioloxía Animal. Foto: Duvi.

Integrantes do laboratorio do grupo de Fisioloxía Animal. Foto: Duvi.

A UVigo coordina un estudo estatal sobre os mecanismos de alimentación dos peixes

O proxecto, no que participan tamén a Complutense e o CSIC, recibirá 600.000 euros ata o ano 2020, ten importantes implicacións na acuicultura

Son referencia no estudo dos mecanismos que regulan a alimentación en peixes, coa enorme implicación que isto ten no mundo da acuicultura, sector que actualmente produce a metade do peixe consumido a nivel global. Falamos do grupo de investigación de Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en acuicultura da UVigo, equipo encargado da coordinación dun proxecto nacional financiado con preto de 600.000 euros denominado Integración metabólica, circadiana e comportamental do control da inxestión de alimento en peixes. No traballo participan tamén a Universidad Complutense de Madrid e o Instituto de Acuicultura de Torre de la Sal do CSIC e ten como principal obxectivo avanzar en aspectos aínda pouco estudados do sistema de alimentación dos peixes a fin de conseguir unha maior eficacia en termos de conversión enerxética e crecemento, cuestións con importantes implicacións para o avance dun sector, o acuícola, para quen resulta prioritario axustar de forma precisa a demanda e o subministro de alimento, principal custe económico desta industria.

O traballo terá importantes aplicacións no sector acuícola

“A pesar da importancia que o proceso de alimentación ten na acuicultura de peixes e das investigacións realizadas nos últimos anos, o coñecemento actual sobre os mecanismos que determinan que un peixe coma ou non son aínda limitados, ignorándose en moitas ocasións as interaccións existentes entre os principais compoñentes metabólicos e neuroendocrinos reguladores da inxestión”, explica o director do grupo, o catedrático José Luis Soengas, recalcando o feito de que a regulación da inxestión depende da acción de diferentes mecanismos integradores tanto centrais como periféricos de diversa natureza (metabólica, circadiana, nerviosa e endocrina), cuxo funcionamento é, a súa vez, reflexo de distintos procesos inherentes ao cultivo de peixes. “Os tres grupos de investigación abordamos en conxunto esa problemática dende diferentes puntos de vista”, engade Soengas, ao tempo que aclara que este é o quinto proxecto consecutivo do programa estatal de I+D+i que acadan estes tres grupos de investigación en proxectos coordinados dende o ano 2004 ata a data (2004, 2007, 2010, 2013 e 2016), o que lles permitiu converterse en referencia internacional nesta temática, de feito publicaron xa máis de 100 artigos en revistas JCR, “todos eles cunha notable calidade”, insiste Soengas.

O último proxecto, correspondente a convocatoria de 2016 e de tres anos de duración, arrancou o pasado mes de decembro e leva por título Regulación integrativa de la ingesta de alimento en peces por factores metabólicos, circadianos y neuroendocrinos. Implicaciones en piscicultura. Financiado con 211.750 euros traballan nel os dez investigadores que compoñen na actualidade o grupo (catro docentes, tres investigadores de posdoutoramento e cinco alumnas e alumnos que están a realizar as súas teses) e o seu traballo céntrase en continuar os estudos realizados ata a data que permitiron contribuír a asentar as bases científicas do impacto dos sistemas sensores de nutrientes, o sistema circadiano e os sinais de estrés sobre a resposta integrada da alimentación en peixes.

Modelos empregados polo equipo de investigación vigués. Fonte: Duvi.

Modelos empregados polo equipo de investigación vigués. Fonte: Duvi.

Utilizan como modelos experimentais a troita arco da vella e o linguado e agardan obter resultados que servirán para esclarecer como a información sobre a homeostase enerxética do animal, a actividade dos sistemas monoaminérxicos e a actividade circadiana modulan a inxestión de alimento.

“A nivel dos sistemas sensores de nutrintes o noso obxectivo a nivel central (fundamentalmente no hipotálamo) é caracterizar a localización específica en núcleos neuronais dos sistemas sensores de glicosa e ácidos graxos xa caracterizados previamente polo noso grupo”, explica Soengas, ao que engade que a nivel dos sistemas monoaminérxicos, estudarán o papel das indolaminas e catecolaminas na integración de sinais de estrés, caracterizando farmacoloxicamente os receptores implicados e a súa participación nas vías neurais do estrés e de regulación da inxestión, así como a súa participación nos circuítos neurais de recompensa, utilizando o alimento como axente de recompensa.

Finalmente, no estudo do sistema circadiano afondarán na caracterización dos mecanismos moleculares a nivel central e avaliarán como distintos factores endocrinos e relacionados coa alimentación condicionan a actividade rítmica circadiana a nivel central e periférico. “Así mesmo, tamén estudamos a ritmicidade dos neurotransmisores monoaminérxicos cerebrais e a súa capacidade para modular os ritmos dos xens reloxio a nivel hipotalámico, definindo ademáis a súa implicación nos efectos do estrés sobre o sistema circadiano”, recalca o investigador.

Recoñecido como Grupo de Referencia (con potencial de crecemento) en 2012 pola Xunta de Galicia, o equipo de investigación de Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en acuicultura, -integrante do Centro Singular de Investigación Mariña, Ecimat- ten a súa sede na Facultade de Bioloxía.

Fundado en 1998 polos profesores José Luis Soengas e Jesús M. Míguez, actual decano do centro, traballaron desde entón no estudo dos diferentes mecanismos fisiolóxicos básicos nos peixes, un tema básico para unha sociedade, a española, que ocupa as primeiras posicións do mundo no consumo de peixe, polo que a aposta polo crecemento e o desenvolvemento da produción vinculada á acuicultura é un dos principais retos para satisfacer a demanda deste alimento.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.