hidrozoos

Plumularia contraria, unha das tres especies descritas. / DUVI

A Universidade de Vigo describe tres novas especies de hidrozoos

A revista do Museo de Historia Natural de París publica o achado do grupo de Fauna Mariña de augas profundas

Plumularia bathyalis, Plumularia contraria e Plumularia pseudocontraria. Estes son os nomes das tres novas especies de hidrozoos descritas polo Grupo de Fauna mariña de augas profundas do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, no marco dun traballo de colaboración co Muséum National d´Historie Naturelle de París e co Naturalis Biodiversity Center de Leiden, Holanda, para o estudo da fauna do Pacífico Occidental, máis concretamente na rexión de Nova Caledonia e mares próximos. “As tres especies”, que foron recollidas en campañas desenvolvidas na década de 1980 en Nova Caledonia e Filipinas, “son colonias de pólipos que semellan plumas, de aí vén o nome da familia: Plumulariidae e tamén do xénero: Plumularia e pertencen ao filo dos Cnidarios, no que tamén están as medusas, corais e anémonas”, explica o investigador e docente Fran Ramil.

As colonias de pólipos proceden de campañas de 1980 no Pacífico occidental

Mentres a Plumularia bathyalis e a Plumularia contraria foron recollidas en Nova Caledonía en 1987 e 1985, respectivamente, a Plumularia pseudocontraria procede de augas de Filipinas, onde foi atopada en 1985. É agora, case tres década despois de seren localizadas, cando estas tres especies foron descritas para a ciencia, o pasado 26 de decembro en Zoosystema, a revista do Museo de Historia Natural de País. “A descrición destas especies confirma que tamén os Hidrozoos, ao igual que ocorre noutros grupos xa estudados, amosan unha elevada diversidade nas augas profundas desta rexión e tamén un certo grao de endemismo”, sinala Ramil en relación coas tres especies novas que veñen a sumarse a un xénero e outras catro especies novas que o grupo describiu en traballos anteriores, segundo informa María del Carmen Echevarría.

Fran Ramil

O investigador vigués Fran Ramil, no laboratorio dun barco durante unha campaña. / DUVI

Foi na década de 1990 cando o investigador Fran Ramil comezou a colaborar co Muséum National d´Historie Naturelle de París e co Naturalis Biodiversity Center de Leiden, Holanda, primeiro para estudar os Hidrozoos de augas profundas recollidos por expedicións francesas e holandesas no Atlántico nor-oriental. Rematados estes proxectos, no ano 2000, o profesor Vervoort, do Rijksmuseum van Natuurlijke Historie de Leiden, un dos máis recoñecidos especialistas no mundo no eido dos Hidrozoos, propúxolle ao grupo de Ramil continuar a traballar xuntos, neste caso en material procedente de campañas de investigación francesas no Pacífico Occidental.

Neste traballo, ademais de describir estas tres novas especies para ciencia, o Grupo de Zooloxía estudou material recollido en Xapón e Indonesia a principios do século XX, que se atopa depositado na actualidade en diferentes museos de historia natural europeos. Neste proceso, ademais de separar en dúas especies o que ata o momento se consideraba unha única, os e as investigadoras da Universidade tamén achegaron novos datos de especies que non se volveran atopar dende a súa descrición orixinal en 1913 e revisaron e discutiron a distribución xeográfica das especies estudadas no traballo.

A maior diversidade

“Trátase da rexión mariña que alberga a maior diversidade de especies que se coñece de todos os océanos do mundo, polo que cabe esperar que a medida que avancen as investigacións se sigan describindo novas especies. No noso caso, estamos a traballar na descrición dun novo xénero, que inclúe tres especies tamén novas, que esperamos publicar cara a finais deste ano”, avanza Fran Ramil.

Ramil xunto con Marta Gil atópase neste intre no Atlántico Sur, na zona da SEAFO (South East Atlantic Fisheries Organisation), co obxectivo de avaliar os recursos pesqueiros e tamén de localizar e delimitar posibles VMEs, Vulnerable Marine Ecosystems. Os datos que se obteñan nesta campaña, que se desenvolve no marcod a cooperación entre a SEAFO, o EAF- Nansen Project (Noruega) e a FAO Deep sea programme e á que o grupo vigués de ECOAFRIK foi convidado a participar pola FAO, servirán para implementar a protección dos recursos mariños e mellorar as medidas de xestión pesqueiras nos grandes fondos na área da SEAFO.

A esta campaña seguiralle a finais de febreiro unha segunda na zona económica exclusiva de Guinea Ecuatorial na que está prevista a participación de dúas investigadoras de Vigo que se encargarán do estudo dos invertebrados bentónicos, ademais de participar en tarefas de formación de científicos guineanos no campo da avaliación dos recursos pesqueiros e do estudo de ecosistemas bentónicos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.