Navallas de Galicia

Navallas de Galicia

O ADN identifica por primeira vez as seis especies de navalla de Galicia

Un estudo da Universidade da Coruña sinala as tres básicas comerciais e as que chegan ós supermercados dende Holanda

A navalla é un manxar moi aprezado no prato pero máis descoñecido para a ciencia do que poderiamos pensar. Tanto, que até agora non se coñecían todas as especies presentes en Galicia deste molusco bivalvo. O biólogo Joaquín Vierna, do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña, é o autor dunha tese de doutoramento dirixida por Ana M. González Tizón e Andrés Martínez Lage que permite, por primeira vez, establecer todas as especies de navalla presentes no litoral galego. O traballo, titulado Genetic analysis in various razor shell species of family Pharidae, with a focus on Atlantic Ensis certifica catro especies do xénero Ensis en Galicia: Ensis magnus, Ensis siliqua, Ensis minor e Ensis ensis. A esta última non a atoparemos no prato. É máis escasa e vive a maior profundidade que as outras tres, as comerciais. Ademais, tamén viven no noso litoral Pharus legumen e Solen marginatus, ambas con menor valor comercial que as Ensis, qeu foron estudadas en máis profundidade.

Cariotipo de Ensis minor, unha especie que habitualmente se confunde coa Ensis siliqua

Cariotipo de Ensis minor, unha especie que habitualmente se confunde coa Ensis siliqua

“As distintas especies de Ensis parécense moito entre elas e non había un estudo que as diferenciase, tanto a nivel morfolóxico como xenético”, explica o responsable da investigación, Joaquín Vierna, que comezou a traballar a partir dun aporte previo sobre as especies do xénero Ensis nas costas do Altántico de Rudo von Cosel, do Museo de Historia Natural de París.

Unha das metas de Vierna era coñecer cantas especies de Ensis viven no Atlántico e establecer un método (DNA barcoding) para identificalas xenéticamente. E logrouno. A dificultade pasaba por delimitar as distintas especies utilizando datos xenéticos e morfolóxicos. Os resultados permitiron diferenciar especies coma a Ensis siliqua e a Ensis minor, que son morfoloxicamente moi semellantes, pero están moi diferenciadas a nivel xenético. A primeira pódese atopar en toda a costa Atlántica dende Noruega a Portugal. A segunda, coa que se confunde, ten unha distribución máis extensa, tanto no Atlántico – dende os Países Baixos e as illas Británicas até o norte de África- como no Mediterráneo. As dúas son o que os biólogos chaman “especies crípticas”. Para distinguilas é necesario seguir o método coñecido como DNA barcoding, consistente en extraer o seu ADN, amplificar un marcador mitocondrial, a súa secuenciación e a realización dunha análise filoxenética.

O descubrimento non é menor, porque afecta mesmo á xestión do recurso marisqueiro. “A Xunta de Galicia non contempla a presenza de Ensis minor nos bancos de navallas e, polo tanto, a súa pesca e comercialización non está regulada”, explica o investigador.

Ao contrario da Ensis ensis, que habita en Galicia pero non se comercializa, a Ensis directus chega aos supermercados galegos sen ter presenza nas costas da comunidade. É unha especie de navalla que, apunta Vierna, está presente por todo o Mar do Norte e vai avanzando cara o sur, aínda que é orixinaria do Atlántico nortamericano. “Hai noticias de exemplares que foron localizados en Asturias. Pero por agora chega a Galicia a través dos supermercados. En Holanda a comercializan desde fai varios anos e en Galicia véndese, por exemplo, en Mercadona, aínda que perfectamente etiquetada. Tamén a temos visto en bares e restaurantes que, probablemente, pensen que están servindo unha navalla galega, pero que non o é. De chegar ao noso litoral, non sabemos se podería desprazar ás poboación de navalla autóctona, ainda que, até agora, os traballos que analizaron este tema nas poboacións do Mar do Norte indicaron que non se produce tal desprazamento”.

A Xunta non contempla a presenza de E. minor nos bancos de navalla

Para Vierna, unha continuación lóxica do seu estudo sería averiguar que especies son máis abundantes en cada unha das rías galegas para mellorar así os plans de explotación. “O coñecemento preciso sobre que especie é predominante en cada banco é fundamental para a xestión responsable das poboacións naturais, a certificación do recurso, a denominación de orixe e a trazabilidade alimentaria”, argumenta. En Galicia, o estudo da Universidade da Coruña demostrou a presenza de Ensis magnus en Ortigueira, Ensis siliqua en Cedeira e Ensis minor en Lira e na Ría de Vigo.

Joaquín Vierna desfai tamén unha confusión asentada ao referirse ás tres especies comerciais do bivalvo. Navalla e longueirón, nomes comúns na fala, non son a mesma especie. A primeira propiamente é Ensis magnus e a segunda refire tanto á Ensis siliqua como á Ensis minor que até agora pasaba desapercibida. O termo longueirón vello alude a Solen marginatus, mentres que Pharus legumen coñécese co nome de navallón. “De todos os xeitos é sempre mellor utilizar os nomes científicos, porque o uso dos nomes comúns varía nas distintas localidades costeiras e pode dar lugar a confusión. Por exemplo, en Ortigueira, Ensis magnus coñécese co nome de abexo”, putualiza Vierna.

A tese pode consultarse neste enlace
http://ruc.udc.es/handle/2183/12184

 

E aquí podes ver un interesante vídeo de como unha navalla, a Ensis directus, sotérrase na area:

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.