Xoves 28 Marzo 2024

Un organismo mundial pide prohibir pescar sardiña en todo o 2018

Por San Xoán, a sardiña non pinga no pan. A industria conserveira pode ter un grave problema. E a frota pesqueira entraría en crise. Pero a proposta xa está sobre a mesa e a fai un dos máis sobranceiros organismos científicos do mundo dos océanos. Porque o Consello Internacional para a Exploración Do Mar (ICES) aconsellou hoxe á Comisión Europea que se poña fin á pesca da sardiña, dada a súa escaseza en augas do Atlántico e do Cantábrico.

Segundo o organismo científico, hai unha enorme escaseza deste peixe e só o parón absoluto da súa captura permitirá a reprodución da especie, que cos programas actuais de recortes non se logrou.

Publicidade

A medida, de tomarse, afectará as frotas pesqueiras de Portugal e de Galicia, principalmente. O ICES fala claramente de “captura cero en 2018“.

“O recrutamento (unha compoñente clave da produtividade das existencias) diminuíu co tempo e foi especialmente baixo dende 2006″, explica o ICES, que destaca que “a probabilidade de reconstruír a biomasa do stock” é menor ao 95% requerido normalmente para os vindeiros cinco anos.

A conclusión do seu estudo corrobora o anuncio lanzado en xullo e onde propoñía un parón durante 15 anos á pesca de sardiñas. Agora teñen que decidir as autoridades europeas, pois o estudo do ICES non é vinculante. Desde 2012, a frota ibérica ten restricións na captura de sardiña (e outras especies), pero, segundo o ICES, a medida non serviu para nada.

A posición do ICES é moi importante dende un punto de vista científico. O organismo é veterano: foi fundado en 1902 e ten a súa sede en Copenhague (Dinamarca). Os seus socios son: Bélxica, Canadá, Dinamarca, Estonia, Finlandia, Francia, Islandia, Letonia, Holanda, Noruega, Polonia, Portugal, Rusia, España, Suecia, Reino Unido e os Estados Unidos.

A sardiña é un dos peixes máis populares de Galicia, presente en moitas das súas festas máis aprezadas, pero tamén é o soporte da súa industria pesqueira e de transformación. A prohibición durante todo un ano pode ter consecuencias económicas dramáticas. Pero o ICES foi moi claro: as cotas de pesca non serviron para rexenerar a especie e mantén o seu criterio de que durante 15 anos debería prohibirse a súa captura.

Aquí podes ler
o informe do ICES sobre a veda da sardiña

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.