Imaxe do filme '20.000 leagues under the sea', de Disney.

Imaxe do filme '20.000 leagues under the sea', de Disney.

‘Un mar de Verne a Vigo’ leva a ciencia mariña ao pub co Campus do Mar

O ciclo de charlas científicas reúne a expertos en ciencias mariñas do CSIC, IEO e UVigo en col da relación entre Verne e Vigo

Levar a ciencia ao pub é un fenómeno en todo o mundo, con iniciativas como Pint of Science, que naceu no Imperial College de Londres e hoxe é un éxito en Oxford, Yale, Cambridge, Princeton ou A Sorbona. Utilizando este formato, o pasado mes de novembro, o Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) organizou unha serie de debates informais denominados “Á calor do mar nun bar”.

Agora, para celebrar o 150 aniversario do Nautilus en Vigo, e o 140 da primeira visita de Verne á cidade, a Sociedade Hispánica Jules Verne e o Campus do Mar organizan o ciclo de charlas científicas ‘Un mar de Verne a Vigo’, coa participación da Universidade de Vigo, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO) e o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC).

Serán catro charlas divulgativas, en catro mércores correspondentes aos meses de febreiro, marzo, abril e maio. O lugar será o pub La Pecera, en Vigo, na rúa Pizarro, 35, a partir das 20.00 horas.

Alí, durante unha hora, destacados investigadores axudarán a descubrir os segredos da ría de Vigo, tal e como o fixo hai 150 anos o capitán Nemo na novela de Jules Verne. O formato destas charlas científicas no pub permiten un ambiente distendido que facilita o diálogo, as preguntas e o debate cos asistentes.

Ademais, todas as charlas van acompañadas de proxeccións audiovisuais, nas que se poderán descubrir desde os fondos da ría de Vigo ata os tesouros das illas Cíes.

‘Un mar de Verne a Vigo’

Mércores, 7 de febreiro: A ría de Vigo a bordo do Nautilus. O biólogo Manuel E. Garci, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), proponnos un paseo submarino pola ría de Vigo, contemplando o mesmo paisaxe que o capitán Nemo a bordo do Nautilus. Garci, gañador de numerosos premios de cinema submarino, amosará imaxes dos fondos de Rande, onde se mergullaron os buzos de Nemo en ‘20.000 leguas baixo dos mares’. Desta novela falaranos a oceanógrafa Lara García Alves, tamén do CSIC de Vigo, que analizará a gran diversidade de especies que aparecen neste clásico da literatura onde non só o Kraken é o protagonista.

Mércores, 21 de marzo. A fauna de Verne. Dous zoólogos van achegarnos á fauna submarina que Jules Verne describe en ‘20.000 leguas de viaxe submarina’. Jesús Troncoso, da Universidade de Vigo, achegaranos aos peixes que coñeceu o capitán Nemo, mentres que Ángel Guerra, do CSIC, falaranos do mítico ‘ Kraken’, a lura xigante que atacou ao submarino Nautilus nunha pasaxe da novela. A charla de divulgación completarase con imaxes dos exemplares de lura xigante estudados por Ángel Guerra nos últimos anos. E ambos os científicos tentarán satisfacer a curiosidade dos presentes.

Mércores, 18 de abril. Así era a ría de Vigo hai 150 anos. Unha viaxe no tempo para coñecer como era a ría de Vigo e a súa contorna cara a 1968, o ano en que o Nautilus visitouna na novela ‘20.000 leguas de viaxe submarina’. A través de cartografía antiga e de imaxes de diversas épocas, coñeceremos como cambiou a ría viguesa no último século e medio. O responsable de transportarnos no tempo será Gonzalo Méndez, profesor da Universidade de Vigo.

Mércores, 9 de maio. Un mar de cores para o Nautilus. Nesta charla científica, descubriremos curiosidades sobre as algas que menciona Jules Verne en varias das súas obras , en especial dúas especies de microalgas que aparecen en ‘20.000 leguas baixo dos mares’. Trátase de Noctiluca e Trichodesmium, que contan coa particularidade de tinguir a auga do mar ou de producir bioluminiscencia . Francisco Rodríguez, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO), levaranos de paseo polos fondos mariños, xunto aos mergulladores do capitán Nemo, para coñecer estas dúas especies fascinantes.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.