Martes 19 Marzo 2024

Un galego lidera unha investigación para mellorar a produción de enerxía undimotriz

A enerxía das ondas do mar, sinalan os expertos, presenta moitas vantaxes: é a enerxía renovable máis potente, limpa e constante. Porén, o deseño de dispositivos para a súa captación atópase aínda nunha fase temperá de desenvolvemento, sendo necesario aumentar a eficiencia e reducir os custos da súa tecnoloxía para facilitar unha maior implantación industrial. Investigadores do campus de Ourense lideran un proxecto con financiamento estatal que busca, a través da simulación por ordenador, optimizar o deseño dos dispositivos de enerxía das ondas e alcanzar aparatos máis eficientes e fiables. Froito deste traballo, crearase unha ferramenta computacional aberta e libre que permitirá ao sector mellorar estas estruturas pero tamén outras fondeadas lonxe de costa, como plataformas petrolíferas ou aeroxeradores.

Imaxe dunha simulación.
Imaxe dunha simulación.

O proxecto, que leva por título Deseño numérico de dispositivos flotantes para aproveitamento de enerxía das ondas: eficiencia e supervivencia (Welcome), está financiado con 95.590 euros na convocatoria 2016 do Programa Retos do Ministerio de Economía e Competitividade. O equipo de investigación está liderado por Alejandro Jacobo Cabrera, investigador Ramón y Cajal na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e formado polo catedrático Ramón Gómez Gesteira e polos investigadores de posdoutoramento José Manuel Domínguez, de estadía na Universidade de Manchester, en Reino Unido, e Corrado Altomare, da Universidade de Gante, en Bélxica. O estudo, que se desenvolverá ao longo de 2017, 2018 e 2019, conta con mostras de interese das empresas Oceantec, Wavepower, Abengoa Seapower e Vicinay Marine, e dos centros de investigación Tecnalia, Centec e as universidades de Gante e Manchester. “Estas entidades amosaron interese nos resultados do proxecto polo que participarán de forma activa na súa orientación de cara a conseguir resultados que sexan de aplicación para elas e polo tanto tamén para outras entidades do sector industrial”, explica Cabrera Crespo.

Publicidade

No actual contexto de cambio climático e crecente necesidade da redución das emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro, contextualiza Alejandro Cabrera, os obxectivos das políticas climáticas e enerxéticas dos países da contorna “orientáronse cara a consecución da sustentabilidade ambiental, a seguridade e independencia enerxética e a competitividade económica”. Neste marco, apunta o investigador da Universidade de Vigo, a enerxía das ondas “ten a capacidade de converterse na fonte de enerxía renovable de menor custo debido á súa alta densidade enerxética” e “ao potencial de cubrir gran parte das necesidades enerxéticas da nosa sociedade”. Segundo explica o investigador, o sector da enerxía mariña atópase en España en fase inicial de desenvolvemento tecnolóxico. “A evolución actual baséase en proxectos de innovación, moitos dos cales corren a cargo de pequenas e medianas empresas en cooperación con universidades. España, xunto con países como Reino Unido, Noruega ou Portugal, está na primeira liña do desenvolvemento tecnolóxico da enerxía undimotriz, sendo as características da costa, fundamentalmente a costa norte de España, ideais para a xeración deste tipo de enerxía”, comenta Alejandro Cabrera.

Neste contexto, o proxecto financiado pola convocatoria Retos ten como obxectivo desenvolver unha ferramenta de simulación para o estudo de dispositivos de captación de enerxía das ondas. En concreto, explican os responsables do traballo, estudaranse os dispositivos OWC (Oscillating Water Column) flotantes amarrados ao fondo do mar. “Crearemos unha ferramenta numérica que permitirá realizar optimizacións no deseño do dispositivo analizando a súa eficiencia en base a diferentes condicións de ondas, dimensións da cámara e sistemas PTO (Power Take-Off)”, indican os investigadores. En segundo lugar, durante o proxecto estudarase a supervivencia do dispositivo flotante nas condicións máis extremas do mar, “buscando a disposición óptima dos amarres para aumentar o tempo de vida do dispositivo en estados de mar moi enerxéticos”.

As costas do norte de España son “ideais” para xerar este tipo de enerxía

Para crear a ferramenta de simulación, os investigadores traballarán con DualSPHysics. Trátase dun software creado polo grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory, da Universidade de Vigo, ao que pertencen os investigadores do proxecto, en colaboración con outras institucións de Portugal, Reino Unido, Bélxica e Italia. Este programa, que ten superadas as 25.000 descargas, tense convertido desde o seu nacemento en 2011 en referente internacional en simulación de fluídos pola súa alta precisión, e polo seu alto rendemento con tempos de cálculo razonables, de horas. Seguindo a filosofía deste grupo, a ferramenta que se desenvolva no marco do proxecto Welcome será aberta e gratuíta, incluíndo “unha interfaz amigable que facilite o seu manexo aos usuarios finais, que poden ser investigadores, empresas do campo das enerxías mariñas e administracións”.

“Con este proxecto búscase proporcionar novas ferramentas para fomentar a investigación en curso sobre enerxía das ondas. Cremos que un modelo computacional aberto e libre que sexa validado con experimentos ad hoc baseados en OWC flotantes é un produto moi atractivo para facilitar o avance neste campo máis alá da acción do proxecto”, subliña Alejandro Cabrera. A nivel científico, engade, outras institucións poden facer uso do código creado para continuar avanzando na investigación deste campo, desenvolvendo novos modelos numéricos e deseñando dispositivos máis eficientes. “A nivel industrial, as compañías privadas e administracións poden tamén incorporar o modelo DualSPHysics como unha ferramenta de consultaría para reducir custos e tempos á hora de deseñar e probar novos dispositivos”, apunta o líder do proxecto. Por último, fan fincapé os investigadores do proxecto, en que moitas das funcionalidades que se van a desenvolver son tamén válidas para outras estruturas fondeadas lonxe de costa, tales como aeroxeradores, plataformas petrolíferas ou buques de extracción e proceso de cru e gas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como captar enerxía das ondas do mar e sobrevivir no intento

A enerxía que se extrae das ondas é unha das grandes apostas con respecto á investigación de enerxías renovables en Galicia, mais os dispositivos utilizados deben superar varias dificultades

Sete accións que poderían salvar mil millóns de vidas de aquí a 2100

Segundo un estudo recente, é probable que mil millóns de persoas morran de maneira prematura a finais de século a causa do cambio climático

A Xunta preme o botón das declaracións ambientais: 60 eólicos despachados nunha semana

A Consellería de Medio Ambiente publica 11 informes no último día de prazo e deixa fóra outros 20 por falta de tempo

Poden unhas bacterias producir hidróxeno verde? O CSIC quere demostrar que si

Trátase dun proxecto de máis de 4 millóns para conseguir que unhas bacterias modificadas xeneticamente produzan hidróxeno utilizando auga non potable