Xoves 28 Marzo 2024

Un 4,9% das etiquetas de produtos pesqueiros en Europa son falsas

A fraude na etiquetaxe de produtos de pesca comercializados en fresco é dun 4,9% en Europa, segundo os resultados do proxecto europeo Labelfish, coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Os seus autores indican que esta porcentaxe que foi baixando nos últimos anos grazas á aplicación da xenética á identificación das especies e tamén ás melloras lexislativas. O estudo, iniciado en 2012, publícase no número 13 de Frontiers in Ecology and Environment.

O IIM estudou produtos elaborados e frescos en seis países europeos
O IIM estudou produtos elaborados e frescos en seis países europeos

O IIM estudou mostras de produtos pesqueiros en seis países do continente –España, Francia, Irlanda, Portugal, Reino Unido e Alemaña– e constatou que as etiquetaxes erróneas ou falsas son notablemente inferiores ás recollidas en estudos previos, sobre todo, no caso de produtos elaborados a partir de bacallau. “As melloras e novas esixencias por lei no modo de etiquetar, así como o desenvolvemento de métodos xenéticos para a identificación e autenticación de especies, contribuíron a iso”, explica Carmen González Sotelo, investigadora científica do CSIC no Grupo de Bioquímica dos Alimentos e coordinadora do proxecto.
Os investigadores analizaron en 19 cidades europeas, entre a que figuran Manchester, Madrid, Dublín ou Hamburgo, máis de 1.500 mostras de produtos  dun total de nove especies : atún, bacallau, anchoas, eglefino, pescada, rape, linguado, platija e peixe espada. Cada país centrou o estudo nalgunha das nove especies, e atún e bacallau analizáronse en todos. A nivel europeo e por especies a porcentaxe da fraude na etiquetaxe dos produtos que se analizaron no estudo foi do 3,50% en bacallau, 6,88% en atún, 3,70% en eglefino, 15,5% en anchoa, 11,1% en pescada e 2,89% linguado.

As investigacións fixéronse en 19 cidades, entre elas Compostela e Vigo

No caso de España, o estudo realizouse tomando mostras de bacallau e atún, sexa en produto fresco, conxelado, seco-salgado e conserva,  ademais de semiconservas de anchoas. As mostras adquiríronse en grandes superficies, mercados tradicionais e pescaderías especializadas de Bilbao, Madrid, Santiago de Compostela e Vigo nos anos 2013 e 2014. É o bacallau fresco ou conxelado o produto con menos casos de fraude en España, xa que os científicos non atoparon mostras mal etiquetadas. A maior etiquetaxe errónea, un 25%, atopouse nas mostras de atún fresco e refrixerado.
“Este estudo confirma unha tendencia global tanto nos mercados europeos como españois cara a unha diminución da etiquetaxe errónea. Con todo, convén facer dúas puntualizacións. Estes resultados dependen do tipo de especies e produtos, xa que especialmente aqueles produtos cun maior valor comercial poden exhibir unha maior porcentaxe de fraude na etiquetaxe. Por outra banda, hai que trasladar ao consumidor europeo de produtos de pesca que pode confiar en que a Unión Europea dispón dunha normativa esixente e que o nivel de cumprimento é bastante satisfactorio na maioría dos casos”,  valoran os científicos.

Publicidade

A fiabilidade da etiquetaxe é unha tendencia global, aseguran os autores do estudo

O proxecto Labelfish iniciouse en 2012 e concluíu a mediados de 2014. Os seus principais obxectivos eran coñecer o grao de cumprimento da normativa europea en materia de etiquetaxe e a percepción do consumidor, así como estandarizar por primeira vez en Europa as técnicas de identificación e autenticación de especies mariñas comerciais.
O protocolo usado, que se fundamenta na análise de secuencias do ADN e a súa comparación con bases de datos públicas de referencia,  probouse nos principais laboratorios públicos encargados do control de autenticidade dos produtos da pesca, como os laboratorios alemán e francés, o laboratorio do Instituto Nacional de Consumo español ou a DG SANCO.
O proxecto contou coa participación de 11 entidades do Espazo Atlántico, tanto do ámbito da investigación como da administración. Custou  1,9 millóns de euros, 1,2 dos cales foron aportados polo Programa Europeo de Cooperación Transnacional do Espazo Atlántico.
Proximamente publicaranse os resultados sobre a percepción que teñen da fraude alimentaria os consumidores de produtos de pesca nos seis países  anteriores, así como unha análise dos aspectos que máis valoran á hora de adquirilos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fraude en ciencia prexudica seriamente a saúde (e a propia ciencia)

Por Cristina Candal Pedreira, Alberto Ruano e Fernando García

A nova delegada do CSIC en Galicia: “O buque oceanográfico do IEO é a aposta deste ano”

A experta en bioquímica dos alimentos Carmen González Sotelo convírtese na nova responsable da institución no país

O reelixido director de Investigacións Mariñas: “Os Next Generation son un pulo para nós”

O traslado á ETEA e máis a boa orientación dos fondos europeos serán algunhas das claves deste novo mandato de Fran Saborido

Obradoiros, podcasts e exposicións para celebrar o Día Mundial dos Océanos

GCiencia e a UVigo, así como o Aquarium Finisterrae e o Instituto de Investigacións Mariñas celebran actividades para conmemorar a efeméride