Unha tese doutoral realizada no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) avaliou o papel que ten a circulación meridional atlántica nos procesos bioxeoquímicos do Atlántico Norte e cuantificou a exportación cara ao océano profundo de carbono e osíxeno.
A investigación, realizada por Marcos Fontela (Oviedo, 1987), leva por título Transporte e balance de carbono, nutrientes e osíxeno no Atlántico Norte e realizouse no marco do proxecto de investigación “Observación bienal do carbono, acidificación, transporte e sedimentación no Atlántico Norte” (Bocats), liderado polo Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM) a través do Grupo de Oceanoloxía coa participación da Universidade de Vigo e Ifremer.
O proxecto, financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e cofinanciado por FEDER, concluíu recentemente. Tamén se enmarca o programa de doutorado “Marine, Science and Technology” (Do Mar).
“O obxectivo principal da investigación era dar resposta a dúas grandes preguntas: Por unha banda: o desequilibrio que se produce ao aumentar os niveis de CO2 existentes na atmosfera e xerarse un exceso de carbono no océano, altera os principais ciclos biogeoxuímicos mariños? E que pasa co ciclo biolóxico do carbono?”, pregúntase Marcos Fontela.
Para dar resposta a esas cuestións expúxose un estudo integral combinando información de columna de auga e sedimentos, utilizando os datos dos que dispoñía o equipo de investigación desde 2002 ata 2016.
“Realizouse un balance completo e integrador dos fluxos de nutrientes, osíxeno e carbono que mantivese a coherencia bioxeoquímica. O fin era comprender e cuantificar o ciclo de carbono para chegar a obter unha estimación da exportación de carbono orgánico e inorgánico ao sedimento a través da avaliación dos ciclos bioxeoquímicos”, sinala Fontela.
Os resultados conclúen que o Atlántico Norte é un importante sumidoiro de carbono atmosférico
Os resultados que se obtiveron conclúen, por unha banda, que o Atlántico Norte é un importante sumidoiro de carbono atmosférico e, por outra banda, confirman que se trata dunha rexión netamente autotrófica onde a produción de materia orgánica supera á respiración.
Outro obxectivo da tese era avaliar os fluxos actuais de carbono no Atlántico Norte cara a sedimentos mariños profundos, combinando para iso técnicas de datación de alta resolución con análises xeoquímicas. “Atopamos taxas medias de sedimentación considerablemente altas nos sedimentos, o que confirma a existencia dun considerable sumidoiro de carbono nesa zona”, conclúe Marcos Fontela.
Os resultados da tese están a publicarse en revistas científicas de impacto, como Nature ou Scientific Reports. O traballo realizouse baixo a dirección Fiz Fernández Pérez, profesor de investigación del CSIC en el IIM, y de Guillermo Francés Pedraz, profesor titular de la UVigo, e o tribunal outorgoulle un sobresaínte cum laude.
Marcos Fontela é licenciado en Ciencias do Mar e Bioloxía pola UVigo (2010) e a USC (2012). Incorporouse en 2015 ao Grupo de Oceanoloxía do IIM para realizar a súa tese de doutoramento. As súas liñas de investigación abordan o ciclo do carbono e os efectos que teñen as emisións de gases antropoxénicos na química dos océanos.