Grupo de Acuicultura e BIotecnoloxía Mariña da USC, coa profesora Ana Otero no centro.

Grupo de Acuicultura e BIotecnoloxía Mariña da USC, coa profesora Ana Otero no centro.

Santiago investiga unha pintura para barcos que non contamina

Empregan enzimas que tamén poden usarse para protexer monumentos ou para previr a placa dental

A ciencia serve para identificar problemas e, tamén, para resolvelos. En outubro, o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) determinaba nun estudo que o cobre que conteñen as pinturas de barco contamina as rías galegas. Este metal forma parte dos compostos para a “patente”, que evita que se adhiran algas e crustáceos ó casco.

Dous meses máis tarde, a Universidade de Santiago anuncia que investiga para evitar esta contaminación. O Grupo de Acuicultura Mariña e Biotecnoloxía do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC participa no proxecto internacional ByeFouling que, cun financiamento da UE de 7,5 millóns de euros,  busca novos recubrimentos anti-incrustantes ecolóxicos para aplicar en barcos e noutras estruturas mariñas suxeitas a colonización biolóxica.

O fenómeno da bio-incrustación é responsable da perda anual de millóns de euros xa que a adhesión biolóxica no casco dos barcos ocasiona un incremento de ata o 40% no consumo de combustible, que conleva ademais unha maior emisión de CO2. O obxectivo do proxecto, entón, é desenvolver e producir a grande escala recubrimentos de baixa toxicidade.

En ‘ByeFouling (Materiais anti-incrustantes ecolóxicos de baixo custe)’, que acaba de comezar os traballos, o equipo da USC que lidera a profesora Ana Otero participa xunto con outros 18 grupos de investigación e empresas de Noruega, Alemaña, Bélxica, Suecia, Israel, Grecia, Portugal e Malta. Todos eles explorarán a viabilidade de produción industrial de novos recubrimentos baseados en materiais inhibidores da adsorción de proteínas, biocidas naturais e o uso de microorganismos con actividade anti-incrustante.

Experiencia contrastada

Concretamente, o grupo que dirixe a profesora Otero achegará a súa experiencia nas súas dúas principais liñas de investigación, a biotecnoloxía de microalgas e a comunicación bacteriana. Por unha banda, realizarán estudos de presenza de biocidas na biomasa de microalgas mariñas e, por outra, buscarán novos compostos inhibidores da comunicación que bloqueen a formación das biopelículas bacterianas e que constitúen a primeira fase do proceso de bioincrustación.

Os compostos e enzimas identificados neste estudo poderán ter ademais aplicación noutros campos nos que estea involucrada a formación de biopelículas bacterianas, como o deterioro de monumentos e a formación de placa dental.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.