Imaxe do porto exterior de Punta Langosteira. Foto: APCoruña.

Imaxe do porto exterior de Punta Langosteira. Foto: APCoruña.

Punta Langosteira servirá para obter electricidade das ondas

Industria inaugura unha base de investigación de 3 quilómetros cadrados para probar prototipos de enerxía undimotriz

O novo porto exterior da Coruña en Punta Langosteira servirá para obter enerxía da forza do mar. A Consellería de Industria inaugurou onte a base experimental, de case tres quilómetros cadrados, que servirá para probar os equipos máis avanzados de tecnoloxía maremotriz, que emprega as mareas, e undimotriz, que utiliza as ondas. Calcúlase que Galicia é a maior potencia en España para explotar estas fontes de enerxía, cun 35% dos 20 Xigawatios que poderían producir as ondas en todo o litoral español.

O conselleiro Francisco Conde, na inauguración da base de enerxía maremotriz de Punta Langosteira.

O conselleiro Francisco Conde, na inauguración da base de enerxía maremotriz de Punta Langosteira.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, coñeceu, acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, a nova zona experimental que comezou a funcionar en Punta Langosteira e que, segundo salientou, sitúa a Galicia “á vangarda de Europa” na investigación deste tipo de enerxía.

Conde dixo que esta área enmárcase no contexto do proxecto europeo Energy Mare, que está a liderar a Xunta, a través do Inega, e que se centra na análise das posibilidades que ofrecen as enerxías renovables mariñas. A zona permitirá probar prototipos en condicións de funcionamento reais, facilitando validar deseños, compoñentes e materiais para avaliar a súa viabilidade.

O titular de Economía e Industria apuntou ás características do litoral, o seu alto potencial enerxético, a adecuada interconexión eléctrica e a proximidade de parques empresariais como factores que levaron a escoller un área da que, en Europa, só Escocia e País Vasco ofrecen alternativas similares.

Galicia atesoura o 35% da enerxía undimotriz do litoral español

Conde  subliñou que a nova zona, que suma 2,6 km2 de superficie, o equivalente a 370 campos de fútbol, abre importantes posibilidades a empresas, universidades e centros tecnolóxicos, promovendo o emprego dun recurso autóctono do que Galicia dispón dunha gran potencialidade. Galicia é a comunidade con maior potencial de desenvolvemento de enerxía undimotriz, pois segundo cálculos da Xunta, dos 20 GW de potencial de enerxía das olas en España, Galicia suma o 35%.

O proxecto Energy Mare permitirá, en liña co primeiro reto que persegue a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia – RIS3, aproveitar esta oportunidade, avanzando no estudo e o emprego da enerxía do mar. Un recurso que, como subliñou, ten no caso galego capacidade para xerar unha completa cadea de valor, impulsando novas tecnoloxías e aproveitando as sinerxías doutros sectores estratéxicos como o naval ou o enerxético. En Vigo, o proxecto Magallanes traballa nunha liña similar, pero fabricando xa directamente unha máquina flotante que poda obter electricidade das mareas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.