Pulpo

O polbo das illas Cíes xa ten a súa película

O documental do CSIC 'Un espectador vulnerable' grava as primeiras escenas de canibalismo entre estes cefalópodos

Sexo, canibalismo, loitas encarnizadas… non, non é unha película taquilleira de alta voltaxe. É un documental científico, gravado como un filme apto para todos os públicos. Titúlase ‘Un espectador vulnerable‘ e está dirixido polo investigador do CSIC Ángel Guerra Sierra. Nel, entre imaxes espectaculares do parque das Illas Atlánticas, aparecen as primeiras escenas de canibalismo entre polbos gravadas no mundo. As covas de cría das femias. A súa alimentación con navallas. E o mundo en xeral do cefalópodo máis famoso das illas Cíes. A obra, dunha enorme beleza, transmite ciencia e se presenta no Festival de Cine Submarino de Vigo.

Exemplar de polbo adulto na praia de Rodas, nas illas Cíes.

Exemplar de polbo adulto na praia de Rodas, nas illas Cíes.

“Un espectador vulnerable” dura pouco máis de media hora e presenta os resultados alcanzados no proxecto “CEFAPARQUES” sobre a bioloxía e ecoloxía do polbo común nas Illas Cíes, no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. O documental amosa, a través de imaxes submarinas, aéreas e terrestres, diferentes aspectos relacionados coa bioloxía e ecoloxía do polbo común, dando conta dos achados realizados nas illas Cíes acerca da reprodución da especie.

“A densidade máis alta de masas de ovo e goridas de desova do polbo común atopouse na zona nordés das Illas Cíes, entre 5-30 metros de profundidade. A alta preferencia por esta zona explícase pola abundancia dun substrato apropiado: un leito rochoso cun gran número de gretas naturais, que son o hábitat preferente para a deposición dos ovos por parte das femias grávidas”, explica Ángel Guerra, investigador principal do proxecto.

Os investigadores propoñen vedar a área de cría na illa Norte das Cíes

O documental amosa por primeira vez no mundo un episodio de canibalismo entre polbos. “En ocasións, este fenómeno pode darse cando a femia, despois da fecundación, decide comerse ao macho”, narra o investigador do CSIC, “estes nutrientes son moi útiles para o desgaste que vai experimentar a femia, que tras a posta dos ovos terá que pasar catro meses coidándoos e sen alimentarse”. Dous casos de gravados de canibalismo aparecen neste filme.

Os 280 minutos de gravacións en vídeo e na natureza amosaron outro comportamento nunca antes observado: unha femia abriu e pechou varias veces unha pequena xanela nas pedras que obstruían a entrada da gorida para facilitar un camiño de saída ás larvas. No decurso da investigación, os científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo atoparon 2.000 goridas de polbo de entre de 50 a 1.000 gramos de peso. A navalla é nas Cíes a súa principal fonte de alimentación.

Ángel Guerra.

Ángel Guerra.

Tras presentar os resultados alcanzados en Cíes en relación coa reprodución do polbo común, os científicos do CSIC avogan pola necesidade de elaborar un plan para a xestión desta especie nas illas Cíes. Ese plan inclúe a prohibición de pescar durante todo o ano nun hábitat onde a especie fai a posta preferencialmente: o norte da illa de Monteagudo, indicou Ángel Guerra Sierra.

“Asegurar unha área totalmente protexida dentro deste Parque Nacional, onde a explotación pesqueira é moi intensa, conservaría e realzaría o hábitat preferente de desova para a especie”, explica o investigador, que saliente que a superficie total a vedar por completo sería pequena: dun 6 por cento do total da área marítima das illas Cíes. E defende que o polbo sería máis abundante para a pesca nas outras zonas, ao respectar a área principal de cría. Cada ano, das illas Cíes os mariñeiros extraen e comercializan 300 toneladas de polbo. Unha cantidade moi elevada, pero que para estar garantida no tempo precisa medidas de protección nas zonas de reproducción, segundo explican os científicos.

Aquí podes ver o tráiler do documental ‘Un espectador vulnerable’

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.